25-09-2013 O STEG denuncia a obtención de máis de 12 millóns de beneficios en plena crise
Ensino privado
O STEG DENUNCIA QUE O ENSINO PRIVADO EN GALIZA OBTÉN, EN PLENA CRISE, UNS BENEFICIOS CORRENTES DE MÁIS DE 12 MILLÓNS DE EUROS
O STEG denuncia que no curso 2011-2012 o ensino de titularidade privada non universitaria en Galiza obtivo uns beneficios correntes de máis de 12 millóns de euros (no conxunto do Estado foi de 549,3 millóns de euros), segundo se reflicte no “Informe 2013 sobre o estado do sistema educativo” que elabora o Consello Escolar do Estado. O ensino privado escolariza ao 25,64% do alumnado de ensino de réxime xeral, dos cales o 22,13% está en centros privados concertados e o 3,51% restante está escolarizado en centros privados sen concerto.
A Administración galega outorgou a estas patronais unhas subvencións públicas de máis de 244 millóns de euros durante este curso (no conxunto do Estado foron máis de 6.400 millóns).
As patronais do ensino privado poden estar “orgullosas” destes resultados, obtidos no medio da grave crise económica na que vivimos, que causou máis de seis millóns de persoas paradas, o despedimento de miles de profesoras/es, o empeoramiento das condicións nas que o alumnado recibe as súas clases... O STEG defende que a educación non pode converterse nun sector económico máis no que se inviste para gañar diñeiro.
O STEG rexeita a LOMCE tamén por pretender aumentar a privatización do sistema educativo e pedimos ao conxunto da sociedade que é necesario que recapacite como e quen debe prestar o servizo público da educación, como e quen pode ser garantía do dereito á educación da cidadanía dun país; o STEG entende, coa inmensa maioría da comunidade educativa, que deben ser os poderes públicos, e que o ensino privado concertado debe ser subsidiario do público.
Secretariado Nacional do STEG
Setembro de 2013