STEG ó día · STEG opina

07-10-2021

O STEG diríxese á Valedora do Pobo ao respecto da situación da lingua galega

LINGUA GALEGA:

O STEG vén de dirixirse na mañá de hoxe xoves 7 de outubro á Valedora do Pobo logo de coñecer no día de onte O mapa sociolingüístico escolar de Ames, estudo publicado pola Real Academia Galega e que vén a sinalar un panorama verdadeiramente preocupante para a lingua propia do país, o galego.

Así, rexistrouse unha queixa formal na Oficina da Valedora do Pobo, a cal reproducimos a continuación:

Prezada Valedora do Pobo:

Dirixímonos a vostede en relación ás preocupantes conclusións que a Real Academia Galega vén de facer públicas ao abeiro do chamado Mapa sociolingüístico escolar de Ames, o cal ofrece un diagnóstico exhaustivo de interese para o conxunto do país, a partir do municipio coa poboación máis nova de Galiza e cun uso familiar do galego superior ao doutros urbanos e periurbanos.

Este proxecto desenvolto pola Real Academia Galega en colaboración co Concello de Ames detecta unha perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. O informe é minucioso e obedece a criterios de rigor científico alén de consideracións ideolóxicas, pois foi realizado a través do estudo pormenorizado dos vinte e un centros educativos do municipio e contou coa participación de máis de 2.000 familias, 264 docentes e case 1.800 escolares e estudantes.

Así, o documento sinala que o 41% das nais e o 47,5% das crianzas do primeiro ciclo de infantil falan habitualmente galego, e arredor do 12% ambas as linguas. Ao respecto dos propios menores nesta etapa, as porcentaxes redúcense ao 32,4% do galego como lingua habitual e ao 18% das dúas por igual. Pero, ademais, un fillo ou filla de cada dez (11,5%) renuncia á lingua familiar xa no seu primeiro contacto coa escola. Deste xeito, parece que os procesos de muda cara ao castelán semellan estar aumentando dende arredor dos 2 e 3 anos ata os 6 e 7, no paso do ciclo de infantil ao de primaria, que pode implicar cambios de centro educativo e redes sociais.

Nas súas trescentas páxinas, constátase que esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües. Os procesos de substitución lingüística cara o castelán inícianse, pois, na infancia e consolídanse na adolescencia. De feito, máis do 50% do estudantado de secundaria declara non sentirse cómodo á hora de expresarse en galego en público.

Dende o STEG entendemos que a análise da actual situación sociolingüística provén dunha institución que se conta entre as máis prestixiosas do país pola propia traxectoria da mesma e polas persoas que fan parte dela e, por tanto, atender as súas razóns é un factor esencial para a definición de medidas efectivas ante o desafío colectivo que temos como país: o de permitirlles ás xeracións vindeiras que gocen da riqueza que significa termos unha lingua propia.

Levamos anos sinalando o proceso de substitución no que se encontra a lingua propia do país. A nosa organización acudiu á xustiza no seu momento -dándolle esta a razón- para sinalar a improcedencia do chamado Decreto de Plurilingüismo. O STEG entende que este foi lesivo e hostil para o galego como lingua minorizada e, ademais, as políticas lingüísticas desenvoltas ata o de agora estiveron centradas na educación secundaria, é dicir, anos despois de sucedida esta muda. Os datos convidan a cuestionar, non só o actual Decreto en vigor, senón tamén o modelo lingüístico e reflexionar sobre as modificacións precisas para estas políticas por parte do goberno da Xunta e, en especial, a súa Consellería de Educación.

Obviamente, estamos a favor de que o alumnado coñeza cantas máis linguas mellor, mais temos a convicción –ao contrario do que se defende noutros ámbitos- que nin o castelán nin o inglés corren risco ningún de desapareceren, están plenamente inseridos -especialmente o castelán- na cidadanía como garantido tamén o seu uso, ademais de contar con toda a proxección nos medios de comunicación, redes sociais e institucións públicas así como o ámbito do traballo ou a empresa privada. Pola contra, son moitas xa as sinais e advertencias que dende distintos ámbitos e latitudes se veñen facendo ao respecto da situación da lingua galega, mesmo dende institucións de ámbito europeo.

Por iso ao noso criterio, este informe, de público coñecemento, debera suscitar unha fonda reflexión por parte das persoas e institucións que teñen na súa man corrixir esta situación e, no exercicio lexítimo das súas funcións, procederen a facelo, pois entendemos que é unha obriga ética e moral preservar a lingua propia do país e non obviar a realidade obstinada dos datos.

É por isto e, tamén, polas funcións que se lle atribúen ao cargo que representa, polo que nos diriximos a vostede para que faga valer non só os dereitos da cidadanía, senón os da infancia, e poida contribuír a que  a escola contribúa á aprendizaxe da lingua propia e garanta o seu uso en pé de igualdade co resto de linguas, transmitíndolle ao tempo a nosa maior confianza no entendemento pola súa parte dos nosos motivos.

Pode acceder a dito informe que sen dúbida será do seu interese a través do seguinte enlace á web da Real Academia Galega:

http://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/380

Sen outro particular e, quedando á súa disposición, reciba un saúdo afectuoso de quen lle escribe en nome do noso sindicato, atentamente,

-documento en pdf

Secretaría de Organización do STEG

  7 de outubro de 2021

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza