Anteproxecto da lei do aborto
• Prazos. Ata agora as mulleres podían abortar sen alegar ningunha razón nas primeiras 14 semanas de xestación. É unha lei de prazos similar a que hai na maioría de países da Unión Europea como Holanda ou Francia. Isto elimínase. Volvemos aos supostos da lei de 1985. As mulleres xa non terán dereito a abortar senón que deberán xustificar que os intereses do feto entran en conflito cos propios.Dende a Asemblea de Mulleres do STEG defendemos a vida e queremos que sexa un valor na nosa sociedade. Pero non a vida en abstracto, senón as vidas concretas coa súa diversidade de expresións apostando por unha vida digna de nenas e nenos. Queremos que cheguen ao mundo sendo queridas/os e desexadas/os e non resultado dun erro ou dun accidente. E ademáis impórtanos igualmente a vida das mulleres que se poñen en risco cun aborto clandestino ou que han de viaxar a outros países para poder abortar. As mulleres teñen dereito a abortar nas condicións médico-sanitarias que se esperan dun país europeo no ano 2014.
• Supostos. Os supostos son os que había na lei anterior: risco para a saúde física ou psíquica da nai (ata a semana 22), violación, pero elimínase o suposto das anomalías fetais. Ese suposto queda supeditado aos efectos que esa doenza ocasione na súa nai. Debe garantirse que a muller sufrirá un dano “non irreversible pero sí importante e duradeiro” na súa saúde física ou psíquica. Para isto pídese un informe motivado por dous médicos especialistas que non poden traballar no centro onde se practique o aborto.
• Procesos de información. Ofréceselles ás mulleres información e asesoramento sobre os seus dereitos e as axudas das que pode dispor. Despois de recibir esta información a muller está obrigada a un período de reflexión de sete días, catro máis dos que establecía a lei ata agora.
• Publicidade das clínicas que practican abortos. Prohíbese calquera anuncio de centros médicos que ofrezan a posibilidade de interromper o embarazo das mulleres.
1. Porque respeta ás mulleres: o recoñecemento dun prazo no que as mulleres poidan decidir libremente se queren seguir adiante ou non co seu embarazo é a única maneira de non lesionar a súa liberdade.
2. Porque non distingue entre pobres e ricas. Unha lei restritiva non disminue o número de abortos, só provoca que as mulleres sen recursos económicos o fagan en peores condicións, polo que a discriminación por razón de sexo se une á discriminación por condición social.
3. Porque funciona: en tres anos de vixencia non se produciron denuncias nen complicacións sanitarias de ningún tipo.
4. Porque é a maioritaria en Europa: a lexislación de prazos é a máis establecida nos países da nosa contorna.
5. Porque a poboación está conforme. Sengundo a última enquisa de Metroscopia o 53% apoia unha lei de prazos.
6. Porque é unha lei eminentemente preventiva: a actual lexislación contempla a prevención e a educación afectiva e sexual de toda a poboación.
7. Porque a súa derogación supón un retroceso social de décadas. Perder en 3 anos o que tardamos 30 en conseguir lévanos ao pasado con difícil volta atrás.