STEG ó día · STEG opina

26-05-2015

O STEG esixe a súa retirada e a paralización do proceso de implantación da LOMCE

Anteproxecto de Decreto para ESO e Bacharelato

ANTEPROXECTO DE DECRETO PARA EDUCACIÓN SECUNDARIA E BACHARELATO
Esiximos a súa retirada e reclamamos a paralización inmediata do proceso de implantación da LOMCE na Galiza

A Consellería falta novamente ao respecto ao profesorado de Secundaria e Bacharelato cando pretende que faga a planificación das materias que vai impartir no próximo curso 2015-2016 a partir dun borrador de currículo feito público en abril e que o 21 de maio foi rexeitado, ademais, polo Consello Escolar de Galicia por 20 votos contra 17. Este rexeitamento do anteproxecto de decreto está a demostrar á administración educativa, por enésima vez, que está soa na defensa e na aplicación impositiva da LOMCE.

Ó igual que aconteceu o curso pasado coa Educación Primaria e a FP Básica, cando a Consellería publicou consecutivamente a finais de xullo, agosto e setembro as diferentes Ordes e Decretos que as regulaban, os prazos de tramitación que formula agora a Consellería para Secundaria e Bacharelato volven ser totalmente inaxeitados e supoñen unha falta de consideración absoluta coa Comunidade Educativa. Atopámonos practicamente ao final do curso escolar e é de supoñer que os trámites preceptivos no Consello Escolar de Galicia, Consello Consultivo e Consello da Xunta de Galicia adiarán a publicación do Decreto no DOG aínda varios meses, motivo polo cal se complica o labor dos equipos directivos e dos docentes para planificar o vindeiro curso, ao careceren de normativa a seguir para a regulación destas ensinanzas.

Este Decreto, ademais de introducir cambios curriculares importantes no ensino secundario obrigatorio e post-obrigatorio de Galiza (desaparece Educación para a Cidadanía, Valores Éticos incorpórase como alternativa á Relixión ou Ciencias da Natureza desdóbrase en Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química), modifica a distribución horaria de moitas materias, o que suporá o incremento da impartición de materias afíns, desprazamentos forzosos do profesorado por perda da carga lectiva ou a perda de postos de traballo.

Procúrase con este anteproxecto apartar do sistema educativo ao alumnado con diversidade funcional e/ou de entornos sociais desfavorecidos, pois establécense reválidas como requisito imprescindíbel para obter a titulación de ESO e de Bacharelato, non se contemplan medidas concretas de atención á diversidade e segrégase en itinerarios diferenciados ao alumnado dende 3º da ESO.

O STEG manifesta, por todo o exposto, o seu rexeitamento absoluto deste anteproxecto de Decreto para Educación Secundaria e Bacharelato, esixe á Consellería a súa retirada e reclama a paralización inmediata do proceso de implantación da LOMCE na Galiza.

Secretariado Nacional do STEG
maio de 2015

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza