Dende o STEG entendemos que o texto da LOMLOE nace coa intención de corrixir unha situación de discriminación laboral que se estaba a dar dentro dun corpo de profesorado de secundaria, como somos as de formación profesional.
Dende a entrada en vigor de LOE, a formación profesional comprende un conxunto de ciclos formativos organizados en módulos profesionais, todos con contidos teórico-prácticos destinados a proporcionar ao alumnado unha inserción laboral inmediata, ao acadar as competencias profesionais, persoais e sociais de cara a exercer os seus dereitos e cumprir as obrigas derivadas da actividade profesional, participando activamente na vida económica, social e cultural. En canto á atribución docente do profesorado créanse dous grupos diferenciados:
- PSFP (A1)- con asignación dos módulos transversais dos títulos de cada familia profesional
- PTFP (A2) – con asignación dos módulos específicos de cada profesión e cada título.
Ambos os grupos teñen os mesmos requisitos de acceso, tendo que facer unha excepción, só en canto á titulación de acceso, no grupo de PTFPs para aqueles títulos que non teñen equivalencias no noso sistema universitario, declarando equivalentes para a función docente os técnicos superiores e técnicos especialistas recolleitos no RD 276/2007 no seu anexo VI.
Tanto o profesorado PSFPs como o profesorado PTFPs, teñen os mesmos grupos de alumnado, nos mesmos centros, os mesmos horarios e as mesmas funcións docentes. Con todo, teñen distinto salario, sen xustificación ningunha, creando así unha fragante discriminación e inxustiza laboral.
Agora
coa LOMLOE preténdese subsanar esta situación integrando no corpo de profesorado de secundaria as especialidades de formación profesional incluídas no corpo de PTFP. Con todo, na disposición adicional undécima, no apartado 3, di "O profesorado técnico de FP que, por non reuniren os requisitos de titulación esixidos na data de entrada en vigor desta Lei, non poida acceder ao corpo de profesorado de ensino secundario, permanecerá no corpo para extinguir de profesorado técnico de FP. Este profesorado manterá a súa especialidade e a atribución docente recoñecida pola normativa vixente”.
Con esta disposición condénase un corpo de profesorado á extinción, sendo un grupo moi numeroso de docentes funcionarias de carreira e funcionarias interinas, que accederon coa titulación válida ata o momento, sen que o sistema universitario español teña, na actualidade, no seu plan de estudos ningunha titulación con créditos relacionados coas profesións nin cos módulos profesionais específicos destes títulos de formación profesional.
Esta circunstancia trae consigo un deterioro na formación dos módulos destinados a dotar o alumnado da competencia técnica demandada pola empresa, ocasionándolle ás CCAA problemas para refacer estas listas de docentes. Como exemplo, requiriríase o grao en bioloxía ou en farmacia para impartir os módulos específicos de cociña, grao en química para perruquería ou grao en forestais para carpintaría sen importar se están en posesión da acreditación de competencias correspondentes que estas familas/ciclos profesionais requiren.
Neste momento están convocados os procesos selectivos que se terían que celebrar o ano pasado en todo o Estado con centos de prazas ofertadas para estas especialidades de PTFP, polo que tal como está formulada a LOMLOE, estase condenando tamén a centos de docentes máis a pasar a un corpo a extinguir.
Outra circunstancia, con non pouca importancia, é que tanto a UNED, como a maioría das universidades ofertan o curso de especialización en formación pedagóxica e didáctica para profesores técnicos de FP de titulacións e equivalentes para efectos de docencia. Estas persoas tituladas séntense timadas pola propia universidade ao non poderen optar a ningún proceso de selección docente.
Os títulos de formación profesional con maior éxito, tanto en demanda como en inserción laboral, son os afectados por estas circunstancias – Cociña, estética, fabricación e instalacións de carpintería e moble, mecanizado e mantemento de máquinas, patroaxe e confección, barbería, produción e artes gráficas, servizos de restauración, soldadura-. Doutra banda, cómpre salientar que a rede pública de centros integrados de formación profesional conta na actualidade con varios centros de referencia europea con numerosos premios e recoñecementos de excelencia educativa, liderados por equipos directivos do actual corpo de profesorado técnico de formación profesional sen titulación universitaria.
Por iso, dende o STEG, instamos os grupos políticos a cambiaren a formulación desta disposición adicional undécima co fin de:
1. Os
funcionarios de carreira pertencentes na actualidade ao corpo de profesores técnicos de formación profesional que posúan as titulacións previstas no artigo 95 ou aquelas que se habiliten xomo equivalentes en atención ao disposto na D.A Novena, serán
asimiladas de xeito “automático” no corpo de profesores de secundaria.
2.
Habilitar vía Real Decreto polo que se regula o acceso ao corpo docente de titulacións habilitantes, aquelas
especialidades nas que non exista oferta pública suficiente de grao universitario ou equivalente con suficiente implantación nos territorios e no tempo.
3. A LOMLOE outorga carácter de excepcionalidade á figura da
profesora/or especialista cinguíndose as necesidades do sistema. A tal efecto, e dada a grave
precarización que supón esta figura, incídese
que non se poidan cubrir con esta figura ningunha das especialidades dos profesores técnicos de formación profesional
4. Establecer as
medidas correctoras necesarias para dar garantía que ningunha docente interina á entrada en vigor da LOMLOE, se vexa afectada de maneira negativa polos cambios normativos introducidos por esta norma, xa que isto suporía a perda de docentes cualificadas e con experiencia.
-documento en pdf
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
2 DE DECEMBRO DO 2020