Profesorado · Universidade · Eleccións 2015 - Universidade Vigo

O STEG interpón recurso de reposición contra convocatoria de prazas

Universidade de Vigo

O STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza) vén de interpoñer o pasado luns 23 de xaneiro de 2017 un Recurso de Reposición contra a Convocatoria de Prazas de Profesorado Contratado Doutor da Universidade de Vigo (publicada no D.O.G. de 21 de decembro de 2016), co fin de que se garanta o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, que STEG considera vulnerados no marco desta convocatoria.

O recurso de reposición, preparado polos servizos xurídicos do sindicato, susténtase sobre dous puntos fundamentais: a ausencia dunha relación dos requisitos para a obtención das prazas (pois eses requisitos establécense unha vez coñecido quen son os/as candidatos/as, o que introduce un claro elemento de discrecionalidade) e a ausencia de prazos claros para a publicación dos currículum dos membros do tribunal, como elemento que garanta a transparencia e seguridade xurídica do proceso.

O marco normativo constitucional aplicable establece que nos concursos de profesorado quedará garantida a igualdade de oportunidades dos/as aspirantes a través dos principios de mérito e capacidade e do principio de igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres. Ademais, establece de forma expresa, como medio para garantir eses principios, que as convocatorias deberán conter os criterios para a adxudicación de prazas previamente á presentación dos/as candidatos/as.

Acontece, porén, que a convocatoria do concurso de profesorado da Universidade de Vigo limítase a expoñer o desenvolvemento do procedemento de selección de aspirantes e os requisitos xerais dos mesmos, que non son vinculantes para as comisións de selección, o que imposibilita aos aspirantes coñecer previamente, como indica a lei, os criterios de selección adoptados pola comisión.

Dado que os principios de mérito e capacidade son os únicos parámetros que dotan de contido o principio de igualdade no acceso á función pública, a relación de méritos non pode ter apariencia meramente formal e a convocatoria debe prever os méritos obxecto de valoración no procedemento.

STEG defendeu e defende o acceso á función pública docente cumprindo os dereitos fundamentais establecidos na Constitución, baseados sempre en méritos, para limitar o sistema actual de recrutamento clientelar. Para que a lei se cumpra, na convocatoria das prazas ten que estar incluído un baremo detallado e específico para os distintos méritos co que a comisión avaliará os/as candidatos/as, evitando así que ese baremo se faga “a posteriori”, cando xa se ten constancia de que candidatos/as se van presentar.

Con este recurso, o STEG quere evitar que a selección do profesorado sexa discrecional, protexendo os principios de igualdade, mérito e capacidade, e respectando os de imparcialidade, profesionalidade, obxectividade e transparencia. Por iso o recurso diríxese a conseguir unha nova convocatoria na que se inclúan claramente os criterios para a adxudicación das prazas a través de regras obxectivas e se delimite o prazo para facer públicos os currícula das persoas integrantes das comisións de selección.

-documento en pdf

                                                                          STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza
                                                                                                           25 de xaneiro de 2017

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza