O STEG participará na manifestación unitaria do 1º de Maio,que se celebrará en Vigo, convocada polo Sindicato Ferroviario, STEG, CUT e CGT, que levará o lema “CONTRA A EUROPA DO CAPITAL; FOLGAS XERAIS”.Dita manifestación comezará ás 11 da mañá desde a Praza de Fernando o Católico, e rematará na Porta do Sol.
Para os sindicatos convocantes, este 1º de Maio ten que supoñer a continuidade da ríada humana que na pasada Folga Xeral do 29 de marzo denunciaron as políticas de sometemento do Goberno á UE e aos mercados, que está levando ao sacrificio dos dereitos laborais e sociais para a clase traballadora e os sectores populares.
Desde o STEG facemos un chamamento a toda a cidadanía para facer deste 1º de maio unha xornada de protesta que deixe claro que non imos tolerar ningunha involución nas conquistas sociais conqueridas ata agora. E que loitaremos para amplialas, defendendo un futuro digno para as xeracións que veñen detrás.