STEG ó día · Mobilizacións · Outras Mobilizacións

O STEG participa canda outros colectivos e sindicatos educativos na presentación dunha nova proposta de normalización da lingua galega

LINGUA GALEGA:




O STEG participou esta mañá na Praza de Mazarelos, onde Carvalho Calero impartiu aulas como primeiro catedrático de lingua galega da universidade galega,  na presentación da Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza realizada de xeito conxunto pola Mesa pola Normalización e movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais.

A compañeira do STEG en Compostela, Maica Couto afirmou que "para o STEG hoxe é un día importante e de ledicia. Presentámonos aquí colectivos e organizacións de distinto signo compartindo unha reivindicación fundamental para o país: a preservación e a defensa da lingua propia, a lingua galega. Dende o STEG entendemos que é o momento, se se dan as circunstancias oportunas, para botar abaixo o Decreto de Plurilingüismo que tanto dano lle fixo á nosa lingua e promover un novo marco para o galego no ensino. Entendemos que é unha cuestión inaprazable e dende un punto de vista ecolóxico das linguas, o que cómpre é partir da lingua minorizada, que a que corre o risco de desaparición; o risco non o corre nin o castelán nin o inglés. Por iso hoxe pedímosvos ás forzas e colectivos aquí presentes que contribuades no voso ámbito de acción a mudar as cousas. A escola debe xogar un papel fundamental no coñecemento e uso do galego. E debemos dar un cambio xa."

“O 1 de agosto de 2020 remata o prazo indicado polo Consello de Europa para que a Xunta de Galiza informe de que medidas se van tomar para garantir o cumprimento da Carta Europea das linguas”, recordou na presentación o presidente da Mesa, Marcos Maceira. “Este aviso chega despois dunha década de mobilizacións da sociedade galega contra o mal chamado decreto de plurilingüísmo, que impide garantir a capacidade de uso do galego, como mostran todos os estudos sociolóxicos”, sentenciou. O último estudo do IGE indicaba que 1 de cada 4 menores de 15 anos son incapaces de falaren galego. “O ensino non serve para contrarrestar a limitada presenza do galego na sociedade”, lamenta Maceira, “e mesmo reproduce a situación, como se puido comprobar na crise sanitaria coa moi reducida existencia de materiais didácticos en galego”.
O documento presentado esta mañá, que se pode consultar na rede, propón un modelo de sistema educativo no que o galego sexa a lingua vehicular e de aprendizaxe, dentro do máximo que estabelece o marco legal. Ten en conta aspectos básicos como a formación do profesorado e do persoal do centro e a implicación de familias e alumnado nun proceso ao que ninguén pode ficar alleo. Esta implicación concrétase na participación da comunidade educativa tanto nas equipas de normalización como na súa actividade. Suxírese tamén, tendo en conta o contexto sociolingüístico, un periodo de transición durante o cal se partirá dun mínimo do 50% para ir incrementando a presenza da lingua galega como vehicular e de aprendizaxe.

Coa súa Proposta de normalización do galego no ensino en Galiza, o STEG, A Mesa, movementos de renovación pedagóxica como Nova Escola Galega, AS-PG , ANPAS e organizacións sindicais queren garantir o ensino en galego e dunha perspectiva galega que, ao tempo, contribúa a mudar a situación na sociedade. O documento, que recolle achegas de todas as organizacións asinantes e que conta cun amplo acordo, será presentado nos próximos días ás organizacións políticas e organizacións sociais, “para extender o apoio a unha proposta de extrema necesidade para o futuro de Galiza e do galego”.
Participaron tamén na presentación Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística); Lucía Barreiro, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG); Santiago Quiroga, Nova Escola Galega (NEG); Fernando Lacaci, Confederación de Anpas Galegas; Xesús Bermello, Confederación Intersindical Galega – ensino (CIG Ensino) e José Carlos Fernández Balado, da Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino).

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza