STEG-Universidade de Vigo
O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) presentou un recurso contencioso-administrativo contra a convocatoria das prazas de Profesor Contratado Doutor por incumprimento do II Convenio Colectivo do PDI Laboral e da Lei do Emprego Público de Galiza. O Convenio Colectivo de PDI-L, no seu artigo 26, obriga a que a Universidade "estableza un baremo puntuado de méritos que sexa previamente informado polo comité de empresa nun prazo de 15 dias". A Universidade de Vigo nunca aprobou un baremo para as prazas de PCD, informado polo comité ou non. De feito, son as prazas de PCD as únicas prazas de PDI afectado polo II Convenio Colectivo que non teñen baremo na súa convocatoria. A aprobación dun baremo permitiría cumprir a legalidade e faría máis doada a carreira académica ao saber que méritos hai que alcanzar para conseguir unha praza de PCD na Universidade de Vigo. Este baremo permitiría á Universidade asegurar os principios de igualdade, mérito e capacidade e unirse a outras universidades públicas españolas, como as de Santiago, Salamanca, Córdoba, Valencia, Granada, e moitas máis que xa dende hai anos seguen este procedemento.
Antes de presentar o Recurso Contencioso Administrativo, STEG presentou un Recurso de Reposición que foi ignorado pola Vicerrectoría de Profesorado e polos seus Servizos Xurídicos. Nunha actitude de prepotencia propia doutras épocas e que descoñece os principios de negociación colectiva, os dereitos laborais dos/as traballadores/as e a necesidade de que os servizos públicos se sometan aos principios de equidade, transparencia e igualdade de oportunidades, a Vicerreitoría de Profesorado elixiu seguir adiante co Concurso Oposición, poñendo en risco as prazas obtidas por 8 profesores e profesoras da Universidade de Vigo.
Chegados a este punto, e sendo conscientes de que os profesores e as profesoras que obtiveron as prazas neste concurso oposición non son en absoluto responsábeis da situación creada pola Vicerreitoría, os membros de STEG tratamos de buscar unha saída que, salvando a situación actual do Concurso Oposición, permita camiñar cara unha fórmula que garanta en vindeiras convocatorias o cumprimento da legalidade.
STEG transmitiu á vicerreitora de profesorado a súa disposición a retirar o recurso se esta se comprometía a incluir, en vindeiras convocatorias, un baremo negociado co comité de PDI Laboral. Tendemos así unha ponte que evitaría perxudicar aos 8 profesores e profesoras que teñen as súas prazas pendentes da resolución dun recurso que se pode demorar no tempo.
Se a Universidade de Vigo quere ser unha universidade do século XXI, deixando atrás o nepotismo, o caciquismo, a sumisión e o clientelismo propios da Idade Media, o primeiro que ten que facer é cumprir a lei e acadar os estándares de transparencia, igualdade de oportunidades e mérito que rexen para as institucións académicas nos países da nosa contorna.
Se a Vicerreitoría de Profesorado, alentada por uns Servizos Xurídicos que non teñen interese en acadar solucións negociadas fóra dos xulgados, teima en manter a súa postura de intransixencia, o STEG manterá o seu recurso ata que a xustiza sexa quen lle esixa á Universidade de Vigo o cumprimento da legalidade e a garantía dos dereitos laborais.
- documento en pdf
STEG-PDI e Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
28 de xuño de 2017