STEG ó día · STEG opina

09-06-2022

O STEG recorre ante o Tribunal Supremo o RD 270/2022 para garantir un proceso de estabilización xusto que poña fin á situación de abuso da temporalidade que sofre a nosa educación pública e respecte o persoal docente

NOVO DECRETO DE ACCESO Á FUNCIÓN PÚBLICA NO ENSINO:

O STEG, coa coordinación de todos os servizos xurídicos da Confederación Intersindical (logo)- interpuxo onte mércores 8 de xuño Recurso Contencioso Administrativo perante o Tribunal Supremo fronte ó Real Decreto 270/2022, do 12 de abril, que modifica o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes, e que artella o chamado proceso de estabilización, na procura de modificacións que garantan un proceso máis xusto e efectivo na loita contra a precariedade.

O recurso presentado non interrompe o desenvolvemento do proceso de estabilización, senón que é un paso máis na loita contra a precariedade do noso sindicato e da comunidade educativa, afondando na necesidade dun proceso xusto, que responda ás particularidades da educación pública galega e que garanta a estabilización de persoas, non de prazas. Preocupadas polo feito de que un baremo homoxeneizado para o conxunto do Estado poida desvirtuar o proceso de estabilización deixando fóra as persoas que veñen desenvolvendo o seu traballo e a súa vida na Galiza, o STEG impugna a redacción da disposición transitoria quinta deste RD270/2020, solicitando que se contemple a valoración de méritos introducidos polas Comunidades Autónomas.

Con esta modificación buscamos que a norma respecte os proxectos vitais emprendidos polo persoal docente, para o cal é imprescindible que a norma ampare a estabilización de persoas e non só dun número de prazas. O STEG solicita a valoración da experiencia no corpo, sen establecer diferencias entre aquelas persoas que veñen prestando servizos na especialidade á que se presentan e aquelas cuxa experiencia acumulase noutras especialidades do mesmo corpo.

O STEG considera que a actual redacción, valorando cun máximo de 0,7 puntos só a experiencia docente na mesma especialidade do corpo ao que opta a persoa aspirante, e unha valoración de 0,350 puntos para a experiencia noutras especialidades do mesmo corpo, da as costas á realidade que moitas docentes asumiron nos últimos anos en atención ás propias necesidades do servizo. Con esta impugnación queremos garantir, por exemplo, o recoñecemento da experiencia do persoal docente de primaria que leva desenvolvendo o seu traballo adscrito ao departamento de Orientación, e que agora podería non ver debidamente recoñecida a súa antigüidade na función docente.

O STEG impugna ademais os límites establecidos tanto para a valoración da experiencia, que a norma pretende fixar en 10 anos, como para o recoñecemento da superación da fase de oposición en convocatorias anteriores, que o RD 270/2022 fixa naquelas posteriores a 2012, por entender que estas limitacións son arbitrarias e gravemente prexudiciais para os interinos de maior antigüidade ao servizo da administración educativa.

Finalmente, xulgamos insuficiente a oferta de emprego público anunciada e permanecerá atento para garantir que se axusta realmente á lei, garantindo que se atendan así as necesidades educativas dunha educación pública de calidade e as necesidades de todas as traballadoras e traballadores (tanto persoal interino como de novo acceso), loitando pola diminución das ratios e condicións laborais dignas.


- documento en pdf

 

 

COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG

 

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza