STEG ó día · Novas

O STEG rexeita o borrador do Acordo polo que se ditan instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente no curso académico 2026/27
12-05-2026

O STEG rexeita o borrador do Acordo polo que se ditan instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente no curso académico 2026/27

No STEG denunciamos que o presentado pola Consellería e polos sindicatos asinantes como un “acordo histórico” para a xornada laboral docente é, en realidade, unha nova operación de maquillaxe sen investimento real nin melloras efectivas para o profesorado. A nosa análise do borrador demostra que se mantén a sobrecarga laboral e que moitas das supostas melloras veñen acompañadas de compensacións negativas que deixan as condicións practicamente igual ca agora.

No ensino infantil e primario, comprobamos que non hai ningunha mellora real: non se recuperan as 21 horas lectivas nin se reforzan os cadros de persoal. A anterior redución horaria xa se aplicou sen contratar máis profesorado, deteriorando apoios, desdobres e atención educativa, e este novo borrador continúa na mesma liña. En secundaria, a anunciada redución ás 18 horas queda totalmente desactivada pola “excepcionalidade” das 20 horas, permitindo que boa parte do profesorado continúe coa mesma carga lectiva.

Tamén alertamos de novos recortes encubertos: as gardas de recreo pasan a computar peor, a atención ás familias poderá converterse en garda obrigatoria e as reducións das xefaturas de departamento deixan de ser lectivas para pasar a complementarias. Ademais, as melloras anunciadas para os equipos directivos quedan condicionadas á “dispoñibilidade de profesorado”, unha fórmula coa que a Consellería pretende aparentar avances sen realizar o investimento necesario.

Aínda que recoñecemos como positivo o establecemento dunha redución lectiva para as titorías, comprobamos que esta medida vén compensada por empeoramentos noutras funcións e coordinacións. Ao mesmo tempo, denunciamos os retrocesos nas reducións vinculadas á dinamización da lingua galega, ás coordinacións FCT, Edixgal e á representación no Consello Escolar.

O borrador tamén ignora reivindicacións fundamentais para o profesorado galego: nada se di sobre a fin da discriminación horaria na FP, sobre a redución da xornada a partir dos 55 anos, sobre a recuperación do poder adquisitivo perdido nin sobre o incremento de persoal necesario para atender a diversidade e reducir ratios.

Por todo isto, desde o STEG reclamamos menos propaganda e máis investimento real. O profesorado precisa reforzo de persoal, dignificación das condicións laborais e medidas efectivas que garantan unha mellora real do ensino público galego.
LIGAZÓ Á INFOGRAFÍA

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza