STEG ó día · STEG opina

26-11-2015

O STEG solicita a modificación da orde de destinos provisionais

Prazas de interinidade nos conservatorios

No STEG vemos con preocupación a decisión da Consellería de adxudicar ao profesorado de ensino secundario postos docentes en conservatorios no concurso de destinos provisionais. Istoinsérese na particular estratexia do "todo vale" da Administración, que logo da desfeita provocada polos recortes, o aumento do horario lectivo, supresión de unidades e, en definitiva o austericidio que esta Consellería leva anos aplicando, tenta xustificarse apelando a unha "mala planificación herdada"

No STEG consideramos a ensinanza da música e das artes coma unha parte fundamental na formación das persoas, e así debe considerarse tanto no ensino obrigatorio como nas ensinanzas de réxime especial. Contrariamente, a Administración encara o tratamento desta parte do currículo como simples actividades extraescolares ou materias de segunda categoría que dispensarían, por tanto, de calquera reparo ou coidado á hora de cubrir unha vacante. Non podemos permitir que se ignore a especialización do profesorado, a idoneidade para un posto e materia, o curriculum... e denunciamos que medidas coma esta son a proba patente do desprezo que durante anos ten tido a Consellería para con estas ensinanzas. A discrecionalidade que se
atribúe a administración neste eido é pouco menos que denigrante para o persoal docente.

O STEG tampouco comparte a opción da administración de crear agravios comparativos entre os diferentes corpos que traen como consecuencia o enfrontamento do profesorado. As medidas excepcionais da administración deberían ter como criterios a calidade do ensino, o respecto polas diferentes vías de acceso e o de garantir a especialización dentro da práctica docente e, en concreto, tomar medidas relativas á redución de ratios e á realización de desdobres.

Da mesma maneira que para as escolas oficiais de idiomas non se chama profesorado do ensino secundario até esgotar a propia lista de interinidades e substitucións, non entendemos que para os conservatorios se poidan incorporar outros docentes mentres existan interinos/as ou substitutos/as nas listas deste corpo.

Diante desta actitude, o STEG non pode facer máis que esixir á Consellería que modifique o punto da orde de adxudicación de destinos provisionais que permite ese arbitrario criterio de actuación, que mostre ás ensinanzas artísticas o respecto que merececen e que recoñeza na práctica o seu valor fundamental na formación integral do individuo, o que fomentará a autonomía e o espírito crítico das persoas, lonxe dun modelo de suxeitos mansos supeditados aos ditados de calquera goberno ou do mercado.

 

Permanente do Secretariado Nacional do STEG
26 de novembro de 2015

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza