STEG ó día · STEG opina

23-05-2016

O despropósito continúa

Reválidas de 3º de EP

Reválidas de 3º de Primaria: o despropósito continúa

Logo da celebración das reválidas de 6º curso de Primaria de hai uns días, o STEG, en colaboración cos centros do Ensino público que participaron nas mesmas, recolleu os datos de NON ASISTENCIA ás mesmas, contando para iso con datos de case a metade dos máis de 650 centros que participaron nelas.

Ao abeiro desta información, o STEG conclúe que máis dun 60% do alumnado NON ASISTIU ás reválidas, sendo as provincias de A Coruña e Pontevedra, onde máis incidencia tivo esta protesta. De igual xeito, a NON ASISTENCIA ÁS REVÁLIDAS tivo un maior impacto no rural ca nos grandes núcleos poboacionais, agás no caso de Vigo, onde a porcentaxe foi lixeiramente superior á que se deu no resto da provincia. Unha lectura máis polo miúdo ofrece o dato de que a moda, o valor que máis predomina na mostra que serviu de base para o estudo é o do 100% de NON ASISTENCIA.

O STEG tamén quere facer notar o seu total desacordo coas manifestacións realizadas pola Consellaría, por boca do señor Conselleiro, que acusou de mentir a organizacións políticas, sindicais, movementos de renovación pedagóxica e diversos colectivos da comunidade educativa que durante este tempo viñeron amosando o seu desacordo coa realización das REVÁLIDAS.

Nesta liña, lamentamos que o Conselleiro confunda a diversidade de parecer, a disensión e a argumentación en base a criterios pedagóxicos, estatísticos e cívicos coa mentira ou a mala intención e rexeitamos enérxicamente ditas acusacións. Parecera esquecer este goberno unha das súas lecturas de cabeceira, Marco Aurelio:

“Se non convén, non o fagas; se non é certo, non o digas” Meditacións.

Asemade, o STEG xulga impropio dunha sociedade democrática a campaña de medo e desinformación que se promoveu dende certas instancias da Administración educativa, secundada por determinados colectivos e tamén algúns medios de comunicación. Isto non fixo senón alimentar a confusión, o temor, a anguria e mesmo o medo entre o alumnado, as familias e mesmo o profesorado.

Prescindindo do parecer de boa parte da comunidade educativa e do pobre resultado de asistencia destas reválidas de hai uns días, a partires de mañá terán lugar as reválidas de terceiro curso de Primaria.

O STEG anima as familias a que non envíen estes dous días o alumnado á escola, no convencemento de que é unha medida ineficaz, innecesaria e que redunda no despropósito que supuxo a posta en vigor da LOMCE.

Xulgamos que o Ensino público precisa de medidas máis serias e construtivas e con verdadeiro rigor pedagóxico, fundamentalmente aumentando o investimento no Ensino, non recortando de forma abusiva e logo practicando “test exprés á aventura” para ver o que pasou, coma nun mal argumento de Mary Shelley.

Comisión permanente do Secretariado Nacional
23 de maio de 2016
pdf co documento

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza