24-09-2014 O pulso co goberno gañouse, pero non é momento de confiarse nin de baixar a garda
Demisión de Gallardón e retirada do seu anteproxecto sobre o aborto
A DEMISIÓN DE GALLARDÓN E A RETIRADA DO SEU ANTEPROXECTO SOBRE O ABORTO.
O Goberno retira o Proxecto de Lei do aborto e o Ministro Ruíz Gallardón demite. Hoxe todas as persoas feministas temos un motivo de ledícia. Parouse o intento de agresión que o goberno e o seu ata agora ministro de xustiza querían impoñer á liberdade de conciencia e de elección das mulleres. Hoxe foi o día da vitoria, pero, como dicían os antigos estrategas, gañar unha batalla non é gañar a guerra. A guerra continúa.
Que significa a retirada deste anacrónico proxecto de lei? De momento, que gañou a democracia. A vontade popular expresouse radicalmente durante moitos anos a través dos movementos feministas - en diversas e multitudinarias manifestacións -, reclamando o dereito a unha maternidade libre e responsabelmente elixida. As mulleres non somos menores de idade que necesitemos ser tuteladas. O dereito a decidir sobre o noso corpo, a nosa vida e a nosa maternidade é un dereito humano, inherente e inalienábel. E ningún goberno está lexitimado para restrinxir tal dereito en nome de crenzas relixiosas ou morais.
Pero, ben está o que ben acaba. De momento, o pulso que se mantiña co goberno gañouse. Un goberno que como sabemos pretendía -e moito nos tememos que segue pretendendo-, recortar os dereitos e liberdades das mulleres.
Con todo, non é momento de confiarse, nin de baixar a garda, pois a causa de que o goberno retire este proxecto de lei non é outra que a crecente impopularidade que está acumulando en todas as capas da sociedade, incluídas moitas das súas votantes habituais. Ruiz Gallardón foi o chibo expiatorio que o partido Popular sacrificou para recuperar parte do terreo perdido, e para tratar de parar a caída en intención de voto agora que se aproximan as eleccións.
As voces que nos chegan desde o goberno son que todo se fai en nome do consenso. Con todo, o Partido Popular mantén o recurso interposto ante o Tribunal Constitucional - para o que non pediu consenso ningún- encamiñado a que a actual Lei de interrupción do embarazo sexa declarada inconstitucional. Trátase de “pasar a pelota” aos tribunais e que sexa esta institución quen lle resolva o problema? Doutra banda, Mariano Rajoy xa advertiu que “seguirán estudando fórmulas para conseguir maior acordo na reforma”, é dicir, que segue habendo unha intención máis ou menos oculta de restrinxir os dereitos actuais.
Visto o visto, esta pretendida retirada da Lei e a conseguinte demisión do Ministro que a defendía parecen unha cortina de fume para ocultar a realidade. Mentres non se retire o recurso ante o Constitucional non debemos baixar a garda. A mobilización social que se visibilizou en movementos como a Marea Violeta ou o Tren da Liberdade, entre outros, debe continuar, esixindo non só a retirada do recurso senón unha Lei que garanta, dunha vez por todas, e para sempre, aborto libre, seguro e gratuíto. E fóra do código penal.
Asemblea de mulleres do STEG
24 de setembro de 2014