21-10-2011 O que o Conselleiro non contou ás familias...
PTs e ALs sen especialidade
O QUE O CONSELLEIRO NON CONTOU ÁS FAMILIAS….
A Consellaría nomea mestres de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e linguaxe sen seres especialistas
Desde o STEG queremos denunciar a cara, sen dúbida, máis escura dos recortes desta Consellaría, que afecta ao alumnado que di que está a favorecer. Na páxina web da Consellaría pódese ler como parte da información que transmitiu ás familias no encontro que mantivo Jesús Vázquez coa Confapa que lles “explicou que grazas á medida adoptada os especialistas en pedagoxía terapéutica e/ou audición e linguaxe poderán dedicar máis tempo –o que redundará nunha atención moito máis pormenorizada- ás rapazas e rapaces con necesidades educativas especiais, derivadas de discapacidades físicas, psíquicas e sensoriais ou trastornos graves de conduta”. O que non contou o Conselleiro foi que nesta especialidade, como parte das medidas de recortes indiscriminados que está a aplicar o seu departamento, están a obrigar a docentes a traballar nestas especialidades de PT (Pedagoxía Terapéutica) e AL (Audición e Linguaxe) sen a cualificación necesaria. A gravidade desta medida, a inmoralidade da mesma, enténdese das propias declaracións do conselleiro, xa que estamos a falar de alumnado con necesidades moi específicas que de non recibir o apoio necesario verase prexudicado nunha dimensión que vai máis alá da curricular.
Desde o STEG lembramos que a escolarización ordinaria de alumnas e alumnos con necesidades educativas especiais está considerada unha conquista que procura garantir o dereito á integración social de todo o alumnado, pero que debe contar con docentes especialistas na multiplicidade de casos a tratar para facer este dereito una realidade. Síndromes como o autismo, Down, alumnado con parálise cerebral, deficiencia mental, deficiencia visual, xordeira, nenos e nenas con sobredotación, alumnado con dislalias, disfemias ou con déficit de atención son casos cos que se atopa diariamente nos centros educativos o profesorado especialista en PT e AL. E cos que se poden atopar estas mestras e mestres aos que forzaron a ocupar unha praza para a que non teñen a formación requerida, nin posibilidade de acadala a tempo para o alumnado que están a atender. Resulta inconcevible o tratamento que a Consellaría reserva a este alumnado que precisa de especialistas de PT e AL, e indigna o cinismo co que argumentan constantemente que coas medidas que están a tomar buscan mellorar a atención á diversidade.
Ante actuacións como as que estamos a denunciar, desde o STEG preguntámonos se a única diversidade que realmente lle interesa á Consellaría é a que se axeita aos seu ideario da “excelencia”. No STEG indígnanos a situación na que coloca ás mestras e aos mestres que nomeou por estas especialidades sen teren a formación acaída, que sen dúbida están a vivir con tensión e frustración unha situación da que tamén son vítimas. Calquera persoa na súa situación ten que sentir impotencia ante o que se agarda dela, e rabia contra una administración que a coloca nunha situación tan inxusta. Desde o STEG esiximos á Consellaría que nomee profesorado especialista de PT e AL en todos aqueles centros nos que a praza estea ocupada por docentes sen a especialidade correspondente, mantendo o resto do curso a estes docentes coa praza no centro, pola especialidade da que si son titulares.
Esiximos, ademais, que se cubran as demandas de todos de profesorado especialista de PT e AL en todos os centros cando haxa alumnado que precisa a súa atención, xa que se trata dun dereito imprescindible para garantir a igualdade de oportunidades real -e non o igualitarismo- no acceso á educación. De persistir na súa política de recortes nas especialidades de PT e AL, a Consellaría obriga ás familias a buscar axuda privada de logopedas, psicólogos/as …se é que a poden costear. E no STEG moito nos tememos que a quen non poida recibir a atención que precisa, e como consecuencia acabe fracasando academicamente, tentarán convencelo de que é o responsable único dese desenlace por non terse “esforzado abondo” .
Ao mesmo tempo que enviaba a estes non especialistas para atender necesidades educativas especiais na escola pública, a principios de setembro aprobaba unha dotación de 200.000 euros para que no ensino concertado contratasen profesionais para as mesmas funcións.
Un claro exemplo das prioridades desta Consellaría, como xa viñan demostrando a adxudicación de proxectos como o Abalar ou os centros plurilingües, é un claro exemplo do que o Conselleiro non lle contou á Confapa.
Permanente do Secretariado Nacional
outubro de 2011