Oferta de Emprego Público
Mesa Sectorial 31 de xaneiro
A convocatoria da Mesa Sectorial para "informar" sobre a Oferta de Emprego Público, logo de anunciarse en prensa o acordo entre as comunidades nas que goberna o PP de non facer oferta algunha, evidencia a nula vontade negociadora da Administración,convertindo a convocatoria de dita Mesa nunha farsa indignante.
Reproducimos a postura do STEG sobre a medida anunciada
:
Feita a Lei, feita a trampa: a taxa de reposición do 10% é a escusa para non convocar oposicións
O anuncio de que non vai haber Oferta de Emprego Público en Educación, logo de anunciar que se mantería nos servizos esencias- iso si, cun misérrimo 10% da taxa de reposición- desvela en que lugar sitúa a educación este goberno: non está entre o que eles denominan “servizos esenciais”, e que nós lembramos que é un dereito esencial. A reducción de plantilla que supón esta medida, así como a precarización para o profesorado interino que ve cada vez máis lonxana a posibilidade de estabilizar a súa situación, supón un novo recorte no ensino público. Desde o STEG queremos denunciar que a medida, encadrada unha vez máis dentro da austeridade orzamentaria da que a Administración quere facer gala ante os mercados financeiros, axústase a estratexia de precarización cada vez maior dos servizos públicos, á súa vez obxecto de desexo privatizador deses mercados que entenden a educación, a sanidade, os servizos sociais…como negocio. Mercados que atopan na dereita que nos goberna un cómplice leal…
A decisión tomada no ámbito estatal, independentemente da situación de cada administración, evidencia que o único criterio tido en conta é o económico, sen ponderar as necesidades reais de cada sistema educativo, así como o afán recentralizador que sen dúbida move ao goberno saído do 20N.O argumento de que, sendo unha covocatoria inevitablemente con poucas prazas, dada a taxa de reposición fixada, exemplifica aquelo de que “feita a lei,feita a trampa”. Os mesmos que fixan a taxa,pretenden facernos entrar na súa lóxica de que, “para que haxa poucas prazas e só en Galiza e algunha outra comunidade, mellor que non haxa convocatoria”.
Desde o STEG lembramos que o goberno de Galiza está en condicións para presionar en Madrid contra a decisión de non cubriren máis que o 10% das xubilacións, polo que esiximos á Consellaría que convoque urxentemente unha comisión que analice as necesidades reais do sistema educativo galego a curto e medio prazo, que serva para facer uha Oferta de Emprego Público planificada para este e vindeiros anos, co obxectivo non só de repoñer o profesorado xubilado e o que se precise a maiores, senon de respectar ao profesorado interino e ás/aos estudantes que aspiran a acceder á docencia e que ven como cada ano teñen que estar pendentes dunha convocatoria de oposicións arbitraria e sen a mínima marxe de tempo imprescindible para concurrir en condicións ás probas. Un trato indigno que agora se agraba cun anuncio que deixa a milleiros de persoas sen saber a que aterse nin este ano nin en vindeiros.