STEG ó día · STEG opina

13-08-2022

Onde queda a fase de concurso?

PROCEDEMENTOS SELECTIVOS 2022

No páxina https://www.edu.xunta.gal/oposicions/PreparaConsultaPublica.do aínda podemos consultar a información pública sobre os procedementos selectivos convocados pola ORDE do 28 de xaneiro de 2022 que se resolveron o pasado mes de xullo.

Chama a nosa atención o proceder destes tribunais. Tanto en Primaria como en Secundaria, malia que a disposición adicional décimo segunda, punto 1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e o Real decreto 276/2007 establecen que o sistema de ingreso na función pública docente será o de concurso-oposición convocado polas respectivas administracións educativas, elimínase de facto a fase de concurso posto que aproban a oposición tantos aspirantes como prazas hai, impedindo que aproben esta fase tantas persoas como o merezan.

Certo é que na Orde do 28 de xaneiro de 2022 recóllese na Base décimo oitava. Superación do procedemento selectivo,  no punto 18.5. En ningún caso os tribunais poderán aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes ao de prazas asignadas a cada un deles. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido neste punto será nula de pleno dereito. Pero parecen asumir que o proceso selectivo é unicamente o proceso de oposición, deixando fóra a fase de concurso. Deste xeito prexudican en primeiro lugar a interinas e substitutas reducindo as súas posibilidades de chegar a fase de concurso, pero tamén a todas as opositoras que participan nos procesos selectivos en Galicia, xa que no próximo proceso de estabilización, na baremación dos méritos, aparece valorada con 2,5 puntos cada fase de oposición superada na mesma especialidade. En Galicia non se está dando a posibilidade de pasar a fase de concurso ás opositoras.

Este proceder que se ven dando nos últimos procesos selectivos vese agravado, baixo o noso punto de vista, pola progresiva eliminación que estamos observando da segunda proba da fase de oposición que ten por obxecto a comprobación da aptitude pedagóxica do persoal aspirante e do seu dominio das técnicas necesarias para o exercicio docente. En moitos dos tribunais o número de persoas aspirantes que superan a primeira proba é moi similar aos que aproban os procedementos selectivos, polo que entendemos que se está valorando unicamente aos aspirantes en base ao coñecemento que amosen do temario, e se están deixando de valorar as aptitudes pedagóxicas de moitas outras opositoras.

Ao noso xuízo, son importantes os coñecementos teóricos, pero non en menor medida tamén o son as aptitudes pedagóxicas e a experiencia docente. Por que o sistema de selección está pervertendo o lexislado ao respecto, eliminando de facto fases do proceso que son de suma importancia?

Entendemos que a precipitación e a improvisación das que a Consellería fai gala en cada procedemento selectivo son as culpables deste desatino. Tal e como vimos denunciando estes anos constitúense os tribunais con ningunha antelación, o que da lugar á falta de coordinación entre tribunais da mesma especialidade ou a que non se publiquen coa suficiente antelación as grellas de corrección. Dáse moi pouco tempo aos tribunais para o exercicio das súas funcións, polo que non hai tempo para valorar a máis opositores. Encoméndanselles funcións administrativas como a baremación de méritos que resta tempo as súas outras funcións.

Esta situación de presión e prema na que a Consellería coloca ao persoal que convoca para formar parte dos tribunais xera un estrés engadido á tarefa encomendada que revirte, en ocasións, na desatención ou trato inadecuado das persoas aspirantes nos procesos de reclamación. O STEG ven recollendo testemuñas de aspirantes que non tiveron resposta ás súas reclamacións, e mesmo de outras ás que o trato dispensado durante a revisión do exame non foi o idóneo. É curioso que estes casos se dean nunha Consellería que ven de publicar unha orde que regula o dereito do alumnado á obxectividade na avaliación e establece o procedemento de reclamación das cualificacións obtidas e das decisións de promoción e obtención do título académico que corresponda. Considera que as persoas aspirantes aos procesos de selección de persoal docente non merecen a mesma transparencia e obxectividade que o seu futuro alumnado?

Á vista de todo isto, o STEG pídelle encarecidamente á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que teña en conta todas estas cuestións para os futuros procedementos selectivos que convoque na procura de que estean baseados nos principios de eficiencia e transparencia.

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza