Un ano máis, o sindicalismo alternativo dá mostras de que a unidade sindical, atendendo aos principios da combatividade, é posíbel. Un ano máis, as mulleres e os homes que aquí estamos temos na memoria aos mártires de Chicago e ás mulleres do téxtil de Nova York.
Un ano máis, saímos á rúa para reivindicarmos a loita coma un exercicio de dignidade e ferramenta para resistir e vencer as agresións do capital.
Non só en Galiza, tamén no Estado Español, no resto de Europa, e en boa parte do Mundo, estase a reforzar o Goberno dos bancos e das multinacionais. Paro, desigualdade, pobreza, precariedade, fame… Esa é a única saída que nos ofrecen os actuais gobernos á clase traballadora, e todo para garantir a súa riqueza, o seu status e benestar. A costa do desmantelamento dos servizos públicos, coma a sanidade e o ensino, fracturan o presente e o futuro dos traballadores e traballadoras. Dúas reformas laborais, en pouco tempo, practicaron unha auténtica voadura controlada dos dereitos laborais e dos principios que deron lugar ao dereito do Traballo: flexibilizaron o mercado laboral, facilitaron os despedimentos (tanto individuais como colectivos - ERES-) e, baseándose no principio máis reaccionario e inxusto que pode ter unha norma (tratar igual a desiguais), terminan por condenar á mocidade á emigración, afondan aínda máis na desigualdade laboral e social das mulleres e elevan as cifras de desemprego a máximos históricos.
Esta grave fractura social agrávase máis, aínda, polos innumerables casos de corrupción que salpican a moitos políticos e empresarios, algúns “sindicalistos” e, tamén, ás denominadas "altas Institucións" do Estado. É inadmisible que mentres á clase traballadora se lle infrinxe un sufrimento desmedido coas políticas antisociais que se aplican, cando os índices de suicidio aumentan de forma alarmante por esta causa, teñamos que asistir ao circo da corrupción e á impunidade con que nela se desenvolven os implicados. E cando manifestamos a nosa opinión en contra publicamente, os gobernos poñen en marcha toda a súa maquinaria represiva coa maior virulencia dos derradeiros tempos, e non só fisicamente, senón tamén criminalizando as mobilizacións e movementos sociais, en lugar de garantir o exercicio dese dereito fundamental.
Pero
non é hora de chorar e lamentarse; é hora de loitar, de resistir, de oporse frontalemente a todos estes proxectos de destrución masiva da clase traballadora.
Organizadas somos máis fortes. Non podemos agardar axuda dos partidos e sindicatos institucionalizados. O noso camiño será tomar as rúas, cada día, porque un pasado de loita é o noso aval, porque non podemos deixar que nos sigan a roubar.
Compañeiras e compañeiros: os nosos tempos son chegados, serán tempos duros pero a nosa responsabilidade histórica é pelexar polo que é noso. Con determinación e alegría, o futuro é noso.
VIVA O PRIMEIRO DE MAIO, VIVA A CLASE TRABALLADORA EN PÉ!!