26-06-2017 Outro golpe mortal ao rural
Peche de centros por parte da Consellería
Aínda que pareza mentira, a Consellería conserva a capacidade de sorprendernos. Porque resulta incrible a nova que coñecemos onte, sobre o peche do CPI MONTE CAXADO das Pontes, o CEIP EMILIO NAVASQÜÉS, en Serra de Outes e o CPI da Ribeira, no Porriño.
Sorprende, pola forma vil, rastrera e traidora coa que a administración notificou, sen previo aviso, e o penúltimo día lectivo do curso, que non continuarían as actividades no curso que vén.
A Consellería obra do mesmo xeito de nocturnidade ( o día anterior ao remate das clases) e con alevosía (de costas á comunidade escolar) co CPI TOMÁS DE LEMOS en Ribadavia, pechando neste centro as unidades de ESO.
Esta administración, onde presumen de "bos xestores" é máis ben un niño de malos podadores, que coa excusa de sanear a árbore, cortan pólas de máis e ao final rematan matando o carballo. Porque hai que ter moi presente que cando un centro educativo pecha, NON volve a abrir, e resulta nunha ferida mortal a poboacións que non teñen outro remedio que mudarse ante a perda de servizos esenciais.
Así demostra a Consellería, de novo, o desprezo co que trata o ensino público, considerando o alumnado como simples números que cumplen coa ratio (que, tal e coma o STEG denunciou recentemente, se incumpre en numerosos casos). Ignoran conscientemente que canto máis alumnado hai nun grupo, menor é a calidade do ensino, menor é a atención individualizada que se lles pode prestar ao alumnado, e menos tempo se pode adicar a preparar clases, xa que aumentan as tarefas administrativas que ten que realizar.
Esquecen intencionalmente que o alumnado ten que facer moitos máis quilómetros e convirten os centros que quedan, en macrocentros. Todas estas xogadas, eliminan tamén, as sinerxias que se crean nas comunidades rurais cando existe un centro educativo, que como se sabe, son sempre un impulso positivo e esencial na contorna.
O profesorado tamén sofre as consecuencias: por unha banda sofre a perda de prazas totais e por outra, vai haber un aumento das "supresións" e traslados do profesorado, cousa que se tería evitado de ter negociado previamente. Hai casos de profesorado que foron trasladados a estes centros na resolución do CXT de maio.
Temos que lembrar que estas accións non se acometen na concertada, xa que o trato de favor para con esta, abrindo novas aulas, concedendo máis axudas e otorgando máis unidades, como xa vimos nestes últimos tempos, denota unha actitude moi significativa da dirección e ideoloxía que ten a Consellería. Priman a concertada, esquilman a pública.
Para o STEG, estes novos recortes, perpetrados a traizón, son unha forma visible do desmantelamento do ensino público que está a practicar a Consellería con criterios simplemente economicistas, sen importarlle eliminar milleiros de postos de traballo mentres supoña aforrar uns poucos euros, quedando clara a súa intención de ferir aínda máis o rural.
O peche dun centro educativo sempre supón unha perda irreversible de servizos públicos, que fomentan a despoboación e o desmembramento do tecido empresarial rural. Se esta é a "lexislatura do rural" para a Xunta, imaxinamos que se refiren á lexislatura do seu desmantelamento.
No STEG rexeitamos rotundamente o peche de centros educativos e denunciamos a forma na que se levou a cabo: sen aviso, sen negociación e sen tempo de reaccionar, da forma máis traidora e rastrera posible, tratando a comunidade educativa pouco menos que coma a un inimigo ao que derrotar por todos os medios. Se tal é a consideración que lle merecemos á Consellería aquí estaremos, como inimigo e en pé, dando batalla en todas as loitas na defensa do ensino público.
-documento en pdf
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
23 DE XUÑO DE 2017