PRIMEIRO DE MAIO, POLA DIGNIDADE
Neste Primeiro de Maio a clase traballadora continúa a loita contra o aumento da represión e da precariedade laboral e social, contra a corrupción xeneralizada, a privatización dos servizos públicos, a miseria enerxética e a falta de vivendas. Sobran motivos para a mobilización.
As reformas laborais serviron para que os empresarios conseguiran os seus obxectivos: ter traballadores sen dereitos. Banqueiros e capitalistas seguen aumentando os seus beneficios á costa do sufrimento e da miseria da meirande parte da poboación. Sen escrúpulos e coa complicidade de políticos lacaios que comparten os seus privilexios sosteñen tramas de corrupción que repugnan calquera persoa decente, condenando amplos sectores populares á pobreza máis severa.
Cando nun país seres humanos son desaloxados violentamente das súas vivendas, cando se corta a luz, a auga ou o gas a quen xa non os pode pagar máis, cando encher a cesta da compra é un acto épico, cando non existe ningunha estabilidade laboral e o empresario pode despedir ao seu bel-prazer, cando as pensións son miserables, cando a xuventude ten que emigrar, cando as listas de espera nos hospitais son interminables e a axuda á dependencia é unha burla mentres os gastos militares e policiais se disparan... a conclusión é que vivimos nun estado de excepción e de exclusión e que xa chegou o momento de dicir que xa abonda desta ditadura disfrazada de democracia.
A represión endureceuse para quen loita contra este sistema corrupto e inxusto desde os seus cimentos. A lexislación modificouse a tal efecto e os xuíces a executan sen pestanexar. A aplicación sistemática da prisión preventiva e o aumento do número de procesados, condenados e encarcerados por mobilizacións sindicais e sociais retrotráenos a épocas no que o aparato xudicial era un executor máis do estado totalitario.
Neste 1º de Maio dicimos ”ou eles, ou nós”. Imponse a necesidade da acumulacion de forzas e a unidade da clase obreira e os sectores populares. Si, a unidade de clase é imprescindible nesta fase histórica do capitalismo, e desde aí poder afrontar con garantías o derrubamento do sistema e o empoderamento popular. De non ser así, non poderemos asinar o certificado de defuncion deste capitalismo feroz.
Pero aquí dicimos que nós non lles temos medo. Soamente coa loita e a resposta contundente na rúa e nos centros de traballo poderemos combater os atropelos e a barbarie que goberno e capitalismo nos impoñen. Vainos nelas a liberdade e a posibilidade de vivir con dignidade e a igualdade unha vida que mereza tal nome e na que os dereitos sociais sexan a garantía do desenvolvemento das persoas. Por iso nós continuaremos loitando contra o TTIP nas Marchas da Dignidade, nos movementos antidesafiuzamento, e naqueles ámbitos nos que se denuncie a inxustiza como o que é: violencia institucionalizada.
Por todo isto, este Primeiro de Maio berramos:
BASTA XA DE REPRESIÓN!
PAN, TRABALLO, TEITO E DIGNIDADE!
VIVA A CLASE OBREIRA!
VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!