Os homes que se xubilaran entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 3 de febreiro de 2021 teñen dereito a percibir o complemento de paternidade, segundo sentenzas recentes do Tribunal Supremo, sempre que tiveran causado pensión de viuvez, xubilación forzosa ou por incapacidade permanente e o outro proxenitor non estea percibindo dito complemento na actualidade.
Ás mulleres xa se lles recoñeceu este complemento de xeito automático xa que o obxecto do complemento de maternidade vixente entre 2016 e 2021 era compensar os prexuízos profesionais que a maternidade tivera na súa carreira profesional, sen ter que acreditar o prexuízo que supuxo na súa carreira profesional
Dende o 3 de febreiro de 2021, o complemento de maternidade foi substituído polo complemento para a redución da fenda de xénero, á cal teñen dereito tanto nais coma pais que acrediten que a súa maternidade/paternidade provocou un perxuizo na súa carreira profesional.
Ante esta situación, dende o STEG nos vemos na obriga de informar e facilitar a reclamación deste complemento aos homes que teñan dereito aínda que somos conscientes de que non fora ese o sentido da norma.
Este complemento consiste no incremento da pensión nun 5% se se teñen dous fillos/as; do 10% no caso de tres fillos/as; e do 15% se se teñen catro ou máis fillos/as.
Este incremento ten 4 anos de retroactividade, polo que se reclama:
- O cobro do complemento dos 4 anos anteriores á reclamación
- O cobro do complemento en todas as mensualidades futuras dende a data de resolución da reclamación.
Requisitos:
1. Mínimo de dous fillos/as
2. Causado pensión de viuvez, xubilación forzosa ou por incapacidade permanente entre o 1/1/2016 e o
3/2/2021
3. O outro proxenitor non pode estar a percibir o complemento de maternidade.
Neste documento tendes a información detallada do procedemento para facer a reclamación.
No STEG axudámoste a facer e presentar a túa reclamación (so persoas afiliadas). Podes escoller entre facela e entregala ti coa información anexa ou ben pedir cita na túa sede provincial para que te axudemos cos trámites