STEG ó día · Campañas · SAÚDE LABORAL

Reducir a sinistralidade. Seguridade e saúde no traballo.

Na celebración do día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral, o STEG quere de novo facer fincapé na inadmisibilidade das cifras de sinistralidade laboral que ano a ano se nos poñen diante. Os máis de dous millóns de traballadoras e traballadores que morren cada ano no mundo por causa dos accidentes laborais é unha cifra insoportábel. É o prezo que está a pagar a sociedade e quen nela estamos polo simple feito de tentar facela mellor traballando. O noso país case dobra a cifra de accidentes laborais respecto aos países do seu contorno na Comunidade Europea, de xeito que case un 8% das traballadoras e traballadores sufrirá un accidente en España, fronte ao 4% da Europa máis desenvolvida. Segundo as estatísticas do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, entre 2004 e 2005 os accidentes laborais con baixa aumentaron un 3,12% e os mortais un 1,13%. Ademais, no mesmo período produciuse un incremento na declaración de enfermidades profesionais de ata un 8,48%. E estes son datos recoñecidos, porque non falamos dos efectos sobre o benestar e a saúde dos traballadores e traballadoras da sinistralidade silenciosa, os riscos psicosociais ou os efectos da violencia no traballo, incluída a violencia institucional. En calquera caso as cifras son tercas, máis cando sabemos que é a xente nova a que máis risco ten de sufrir un accidente laboral e a máis vella a máis exposta aos accidentes mortais. Porén, o factor máis determinante para a sinistralidade é, sen dúbida, a temporalidade no emprego, e sabemos que un número importante dos novos contratos seguen sendo temporais.
Desde o STEG cremos que é necesario reflexionar sobre as causas da sinistralidade, todas, incluídas as que non se ven ou das que é difícil cuantificar a súa pegada, e pór medidas reais e eficaces para minimizala. Os datos dinnos ano a ano que, como mínimo non é suficiente o que estamos a facer ou, mesmo, que non imos na dirección acertada. Se cadra é necesario ver o problema máis globalmente e cuestionar os modelos económicos, os seus criterios de rendibilidade e eficacia, os obxectivos últimos que perseguen os actuais sistemas de contratación, a falta dunha cultura preventiva integral e compartida e a súa ausencia na toma de decisións das empresas,... Temos que interiorizar que ata que non compartamos esa preocupación de forma xeneralizada e actuemos en consecuencia, as cousas non variarán substancialmente. Educar na cultura preventiva á sociedade levaranos aínda tempo, costaranos aínda mortes, pero non debemos ceder nese intento. Desde o STEG preguntabámonos o ano pasado cantos 28 de abril tiñan que pasar para que Administracións e Empresas puxesen en marcha de forma efectiva os seus mecanismos de prevención e integrasen a prevención na súa toma de decisións e no seu proceso produtivo, reforzando así as obrigas que recolle a Lei 31/1995, a fin de reducir a sinistralidade. Os datos no 2006 dinnos que as cousas seguen parecido.

Desde o STEG e a Confederación de STEs-Intersindical pensamos que concienciarnos para o logro destes obxectivos esixe considerar a prevención como vital para o desenvolvemento do traballo diario. En fin, “coller o touro polos cornos” e comprometerse a formular proxectos de choque realistas e eficaces para parar a sangría de mortos todos os anos e de traballadoras e traballadores que enferman só por traballar. Que estes proxectos de choque aborden medidas específicas para os sectores especialmente castigados e para colectivos de risco engadido: mulleres, inmigrantes, xente nova e discapacitada. Pensar con criterios preventivos para modificar as actuais relacións de precariedade laboral e de temporalidade que veñen padecendo millóns de traballadores e traballadoras e que oficialmente se agochan como flexibilidade laboral xeradora de “dinamismo económico”. Será necesario, tamén , cambiar o actual marco de consideración das enfermidades profesionais e incorporar o concepto de danos á saúde ocasionados polo traballo, que supere a actual lei da Seguridade Social.
En definitiva, cremos necesario, dunha vez por todas, o cumprimento axustado da Lei de Prevención de Riscos Laborais. Esixir, en fin, á Administración, que non é suficiente o que se está a facer, que se ten que considerar unha prioridade a saúde laboral se queremos erradicar das nosas estatísticas esas cifras de persoas mortas e enfermas a causa do traballo. ¡Desde o STEG e a Confederación de STEs-Intersindical traballaremos porque iso sexa posíbel.

Secratariado Nacional do STEG

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza