28 abril 2006 -
28 de abril, Día Mundial da Seguridade e da Saúde Laboral Na celebración do día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral, o STEG quere de novo facer fincapé na inadmisibilidade das cifras de sinistralidade laboral que ano a ano se nos poñen diante. Os máis de dous millóns de traballadoras e traballadores que morren cada ano no mundo por causa dos accidentes laborais é unha cifra insoportábel. É o prezo que está a pagar a sociedade e quen nela estamos polo simple feito de tentar facela mellor traballando. O noso país case dobra a cifra de accidentes laborais respecto aos países do seu contorno na Comunidade Europea, de xeito que case un 8% das traballadoras e traballadores sufrirá un accidente en España, fronte ao 4% da Europa máis desenvolvida. Segundo as estatísticas do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, entre 2004 e 2005 os accidentes laborais con baixa aumentaron un 3,12% e os mortais un 1,13%. Ademais, no mesmo período produciuse un incremento na declaración de enfermidades profesionais de ata un 8,48%. E estes son datos recoñecidos, porque non falamos dos efectos sobre o benestar e a saúde dos traballadores e traballadoras da sinistralidade silenciosa, os riscos psicosociais ou os efectos da violencia no traballo, incluída a violencia institucional. En calquera caso as cifras son tercas, máis cando sabemos que é a xente nova a que máis risco ten de sufrir un accidente laboral e a máis vella a máis exposta aos accidentes mortais. Porén, o factor máis determinante para a sinistralidade é, sen dúbida, a temporalidade no emprego, e sabemos que un número importante dos novos contratos seguen sendo temporais. Desde o STEG e a Confederación de STEs-Intersindical pensamos que concienciarnos para o logro destes obxectivos esixe considerar a prevención como vital para o desenvolvemento do traballo diario. En fin, “coller o touro polos cornos” e comprometerse a formular proxectos de choque realistas e eficaces para parar a sangría de mortos todos os anos e de traballadoras e traballadores que enferman só por traballar. Que estes proxectos de choque aborden medidas específicas para os sectores especialmente castigados e para colectivos de risco engadido: mulleres, inmigrantes, xente nova e discapacitada. Pensar con criterios preventivos para modificar as actuais relacións de precariedade laboral e de temporalidade que veñen padecendo millóns de traballadores e traballadoras e que oficialmente se agochan como flexibilidade laboral xeradora de “dinamismo económico”. Será necesario, tamén , cambiar o actual marco de consideración das enfermidades profesionais e incorporar o concepto de danos á saúde ocasionados polo traballo, que supere a actual lei da Seguridade Social. abril 2006 |