STEG ó día · Campañas · O STEG fronte á LOMCE

Refórzase á Igrexa Católica e ao ensino concertado

O novo proxecto LOMCE

O novo borrador do anteproxecto de LOMCE presentado hoxe, a pesares de que parecía imposíbel, o PP, co ministro Wert á cabeza, consegue empeorar aínda máis o anteproxecto inicial.

Dicimos isto porque o anteproxecto presentado aos Conselleiros e Conselleiras de Educación volve a unha época que todos pensabamos desaparecida: á época na que a Igrexa Católica dirixía de maneira omnipresente os designios educativos neste país. A pesares de que a sociedade cada día se seculariza máis, a pesares da vertixinosa baixada do número de alumnado que cursa relixión católica nos centros públicos estatais, a Igrexa conseguiría o seu obxectivo: volver a introducir no currículo a materia de relixión cunha alternativa “dura” e avaliábel que empurrase ao alumnado a cursar a relixión, pois sabe que ten garantida -véxanse os estatísticas- notas de luxo. Mesmo se equipara a relixión en 2º de Bacharelato co resto de materias chamadas “específicas”, con idéntica validez que un segundo idioma, Tecnoloxía Industrial, Historia da Filosofía…

No STEG rexeitamos tamén a introdución no texto de privilexios aos centros concertados, aos que se mellora -pasando de catro a seis anos en Primaria a duración dos concertos educativos- e se garanten a creación de prazas privadas -co diñeiro dos nosos impostos- para atender a suposta “demanda social”. A liberdade de elección de centros -léase a liberdade dos centros privados de seleccionar ao seu alumnado- poténciase: a desigualdade vaise financiar retirando fondos -como xa estamos a ver nos orzamentos para o 2013- a quen máis os necesitan.

Pero hai que sinalar que os elementos nocivos que o STEG xa denunciara no primeiro borrador se manteñen no esencial: a figura do Director (sic) como xerente con capacidade para decidir nomes e apelidos de quen traballa no centro, rexeitando ao profesorado interino que non se adecúe ao seu “proxecto educativo de calidade”, ou reclamando para o centro a profesorado funcionario “afecto”. Os desprazamentos de quen non cumpran estas características e teñan a súa praza no centro, aínda que a referencia no articulado desaparecese, continuarán. O director, a través da avaliación dos docentes, terá na súa man o destino e as retribucións do profesorado.

A cuestión lingüística é o máis rechamante do novo anteproxecto: a súa teima por favorecer ao ensino privado móstrase dunha maneira que atenta contra os principios democráticos e os dereitos lingüísticos dos pobos do Estado: preténdese obrigar a pagar o ensino privado -sen límite de gasto, neste caso- a quen utilice a escusa de que na rede pública non se garante o dereito ao ensino en castelán, cando o alumnado galego,catalán ou basco o domina perfectamente, como reflicten informes educativos internacionais. O intento de demonizar a imersión lingüística na educación agudízase á vista de que os resultados cataláns e bascos evidencian que se trata do único xeito de garantir a competencia lingüística plena nas linguas propias de cada territorio e en castelán.

O resto de aspectos que desde o STEG vimos criticando mantéñense. Referímonos ás reválidas, á infravaloración do profesorado ao retirarnos a capacidade de que coas nosas avaliacións e notas se obteñan os títulos académicos correspondentes aos estudos realizados, á segregación temperá do alumnado, á conversión do alumnado de FP en man de obra gratuíta e sen dereitos, á intención de rematar coa participación da comunidade educativa na xestión democrática dos centros...

En definitiva, desde o STEG rexeitamos este novo anteproxecto por considerar que non vai mellorar a calidade do ensino, senón que empeorará as condicións nas que o alumnado recibe as clases, potenciará a relixión católica e o ensino privado, e fará recuar o ensino no resultado do que máis nos podemos gabar: a equidade.

Dado que as consecuencias da súa aplicación serán desastrosas para a formación e a educación das novas xeracións e para o conxunto da sociedade, desde o STEG convocamos ao profesorado e ao resto da comunidade educativa a participar nas mobilizacións convocadas para amosar o noso rexeitamento a esta contrarreforma educativa.

Secretariado Nacional do STEG
4 de decembro do 2012

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza