Docentes con Palestina
¿Que é Docentes con Palestina?
Somos un grupo de docentes de Galicia que, a raíz dunha charla formativa sobre a situación de Palestina organizada polo sindicato STEG, decidimos poñernos de acordo para artellar accións formativas, actividades... para usar na nosa práctica docente e darlle voz a esta situación tan horrible.
¿Que accións propoñemos?
1. Que os distintos claustros, asembleas de profesorado e/ou alumnado, xuntas de delegadas/os... se adhiran a un texto de apoio a Palestina (mandamos o modelo a seguir). Poñemos un prazo ata o 10 de abril, e o correo docentesconpalestina.gz@gmail.com para comunicar a adhesión.
2. Que a partir desa adhesión se desenvolvan outras accións de denuncia desta situación e, en concreto, unha acción conxunta o día 11 de abril de 2024 levada a cabo por tódolos centros que se adhiran a esta iniciativa.
Texto de apoio:
Está pasando agora, mentres lemos estas palabras, mentres andamos polos corredores do noso centro, mentres o alumnado estuda e aprende, mentres o profesorado explica a materia. Está pasando agora, mentres saímos de clase, subimos e baixamos do autobús camiño das nosas casas. Esta pasando agora.
Non fai falta ir aos libros de Historia, nestes momentos Palestina sofre un ataque continuo en forma de xenocidio por parte das tropas ocupantes de Israel. A mediados
de marzo de 2024 superan amplamente as 30.000 persoas mortas, masacradas. Case 80.000 as feridas. 1,7 millóns de persoas desprazadas dos seus fogares. Casas,
hospitais, escolas destruídas de forma sistemática e planificada.
A comunidade escolar temos a obriga de actuar fronte á barbarie e actuar como o que somos, parte da sociedade civil, para presionar os nosos gobernos co fin de parar este xenocidio. A LOMLOE, no seu primeiro artigo, afirma como un dos nosos principios “a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza”. O silencio, a equidistancia, ignorar o que está a suceder en Gaza é incompatible coa solidariedade, a xustiza e a cidadanía democrática.
Esa mesma lei comprométenos a velar polo cumprimento da Convención sobre os Dereitos das Crianzas adoptada polas Nacións Unidas. Esa mesma convención, no seu artigo 6, afirma que “toda crianza ten o dereito intrínseco á vida”. A vida de todas as crianzas, tamén as palestinas.
Por solidariedade co pobo palestino
O claustro (Consello Escolar, Asemblea de profesorado, Xunta de delegadas/os) do (nome do centro),