RETIRADA PROVISIONALMENTE A PROPOSTA GOBERNAMENTAL DE HARMONIZACIÓN DO RÉXIME DE CLASES PASIVAS CO RXSS
A presión sindical fixo posible a retirada da proposta de “medidas de harmonización do Réxime de Clases Pasivas co Réximen Xeral da Seguridade Social” presentada polo goberno o pasado 23 de marzo. Nesa proposta, o goberno 'harmonizaba' á baixa os nosos dereitos ao non contemplar, entre os aspectos a harmonizar, a gatuidade dos medicamentos ou a xubilación parcial prevista no réxime xeral.
O STEG, daquela, felicítase por esta retirada da proposta. Non obstante, entendendo que a adaptación do Réxime das Clases Pasivas, que afecta ao persoal funcionario, ao novo Rexime Xeral da Seguridade Social, é unha medida recollida no Acordo Social e Económico, que o STEG denunciou no seu momento por considerar que establecía os novos recortes previstos en materia social, económica e laboral que afectarán exclusivamente á clase traballadora, dos que o máis salientable era o que afectaba ás pensións das traballadoras e dos traballadores do Estado español, debemos permanecer atentos aos próximos anuncios do goberno, pois as súas intencións van nunha única dirección: recortar dereitos sociais.
A oposición sindical a esta proposta foi e ten que seguir a ser a clave para deter este proceso de recortes e agresións ás traballadoras e aos traballadores, en xeral, e ao funcionariado público, en particular. Neste sentido, o STEG seguirá a traballar na defensa dos intereses das traballadoras e dos traballadores.