STEG ó día · Campañas · Escolas Artísticas Superiores

Rexeitamos a redución da presenza das Ensinanzas Artísticas que propón

Anteproxecto da LOMCE

AS ENSINANZAS ARTÍSTICAS NO ANTEPROXECTO DA LOMCE
Oscar Urralburu Arza. Responsable Confederal de EEAA de STEs-Intersindical.

En 1749, o virtuoso Benjamin Franklin propuxo a inclusión da ensinanza da Arte no curriculum norteamericano. Para este político, científico e inventor, pai fundador dos Estados Unidos, como para outros moitos pragmáticos pioneiros da educación norteamericana, o ensino das artes presentaba, xunto á súa dimensión humanística, un sentido utilitario e materialista que as facía imprescindibles para a mellora das habilidades de calquera profesional, fose cal fose o seu oficio na vida. Defensa crucial que serviu de base para a consideración das Artes na Educación nos séculos posteriores.

Xunto a esta idea, e tras a reivindicación que Rousseau realizou dos ensinos das artes plásticas no seu Emilio ou Da Educación, ao consideralas un instrumento necesario no desenvolvemento das capacidades naturais da infancia, o nacemento da Escola Nova ou a Escola Moderna e o avance das teorías psicoevolutivas da aprendizaxe, no tránsito do século XIX ao XX, asociou a educación artística ao fomento da imaxinación, a creatividade, a motivación e a súa implicación no desenvolvemento cognitivo na infancia e a adolescencia, o que trouxo consigo, polo menos nos países cos sistemas educativos máis avanzados, un incremento progresivo dos contidos e o tempo de dedicación das Ensinanzas Artísticas nos programas oficiais de estudos en condicións semellantes ao resto de materias fundamentais.

Pola contra, en España esta influencia non se deixou notar ata a década dos setenta, momento no que os movementos reformistas e tecnócratas do tardofranquismo, baixo a influencia das correntes cognitivistas norteamericanas e as recomendacións da UNESCO, recoñeceron a necesidade de incluír as artes nos ensinos obrigatorios se o sistema quería asumir a responsabilidade de garantir unha formación integral para o conxunto da cidadanía. Dúas décadas fixeron falta para que estas ideas chegasen a consolidarse na LOXSE, en 1992, e só dúas décadas se necesitaron para ver como a solapada e cíclica historia educativa no noso país volve repetirse colocando ás ensinanzas artísticas obrigatorias nunha situación só comparable á etapa pre-constitucional.

Tampouco é que estes últimos vinte anos resulten fáciles para as Ensinanzas Artísticas, para quen nos dedicamos a impartilas nin para o alumnado que as recibiu: a solidez coa que a LOXSE consolidaba a súa presenza na Educación Primaria e Secundaria, garantindo unha presenza mínima e obrigatoria ata os 15 anos, foi quebrándose reforma tras reforma, mentres o ríxido deseño da estruturación curricular non permitiu unha adaptación adecuada dos obxectivos, os contidos e as metodoloxías didácticas que facilitase a comprensión das profundas transformacións culturais ocorridas no mundo audiovisual da tardomodernidade. Poderíase afirmar que para que se producise unha adecuada evolución do sistema da educación artística nos niveis obrigatorios en España, en sintonía ao desenvolvido por outros países da OCDE, deberíase avanzar nunha maior flexibilización curricular, nun incremento da autonomía docente, así como nunha redefinición e adaptación dos contidos, co obxecto de que os estudantes poidan atopar na oferta de materias e títulos unha mellor adecuación ás súas capacidades e aspiracións que lles permita afrontar os seus estudos nos niveis superiores na mellor das condicións.

Resulta curioso que esta idea, recollida parcialmente no Preámbulo do Anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, resulte imposible de pór en práctica se se fai realidade a proposta que este mesmo anteproxecto recolle de redución da presenza e a continuidade dos ensinos artísticos en Educación Primaria e Secundaria, se se elimina a súa obrigatoriedade a partir dos 13 anos, se se reduce a optatividade en bacharelato ou se se liquida, inxustificadamente, a modalidade enteira de Bacharelato de Artes. Non existen razóns científicas que avalen a necesidade de semellante retroceso, máis aló de criterios de axuste orzamentario ou de oportunidade política, e sempre baixo a consideración inasumible de que as ensinanzas artísticas poden resultar prescindibles no actual período de crise, como ocorreu nos países anglosaxóns durante a Gran Depresión.

Desde o STEG e a confederación de STEs-i, da cal formamos parte, rexeitamos as medidas de redución das ensinanzas artísticas e queremos trasladar ao Ministerio, a través dos nosos representantes no Consello Superior de Ensinanzas Artísticas, a nosa oposición a un Anteproxecto de Lei tan inxusto e arbitrario.

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza