Carta aberta ao Coselleiro de educación.
Prezado Conselleiro,
No ano 2010 a súa Consellería botou a andar, como ferramenta dixital para modernizar o ensino galego, o denominado proxecto E-Dixgal e entendemos polo tanto que chegou o tempo de facer balance. Lamentablemente, como en tantos outros proxectos estrela desta administración, este balance non pode ser outro que profundamente decepcionante.
Ben sabemos que están vostedes en plena campaña de negación desta evidencia por terra, mar e aire en tódolos medios que lles son afíns para maquillar esta realidade con estatística cosmética. Os números que supostamente avalan este proxecto de educación dixital son que, nos últimos 10 anos, o alumnado destinatario medrou de 2.500 a 63.000 e que dos 630 centros inscritos, só abandonaron 30.
Sería por parte deste sindicato unha necidade discutir esta pura matemática pero por que non lle contamos ás familias a verdadeira realidade que se agacha detrás de E-Dixgal, por que non lle contamos o que pasa na trastenda? E dicimos que é importante contarllo ás familias porque o profesorado galego é plenamente consciente do que lle vamos explicitar a continuación.
A realidade señor conselleiro é que os centros educativos, aínda que na teoría participan voluntariamente neste programa, son apartados do acceso a outros recursos dixitais se non entran en E-Dixgal. É evidente que calquera centro precisa dunha dotación dixital (aulas de informática, canóns e encerados dixitais, mantemento de equipos...) e prodúcese un chantaxe encuberto por parte desta consellería, se precisas esas dotacións debes entrar...
Falemos agora dos “poucos” centros que abandonan o proxecto... En primeiro lugar, os centros teñen obriga de permanencia de catro anos e, pasados eses catro anos, este compromiso renóvase de xeito automático. O único xeito de saír desta roda infinita é realizar unha renuncia expresa por parte do Claustro e do Consello Escolar. Máis por que non lle conta, señor conselleiro, á comunidade educativa e ás familias o que sucede cos centros que superan tódalas trabas impostas para saír e reúnen todos estes requisitos impostos? Por que non conta que reciben a visita do servizo de inspección e da asesoría Abalar de zona para presionar a eses claustros para que non abandonen? Por que non conta que mesmo se lles ofrece, como último recurso, que aparquen os libros electrónicos e retomen os libros ordinarios pero sen abandonar formalmente o proxecto? Todo por manter esta cosmética estatística!
A que ven tanto interese en seguir sumando adeptos cando todo o mundo é consciente que esa suposta modernidade superficial que tanto lle gusta á Xunta de Galiza, esa foto tan prezada de ver unha clase ateigada de pantallas, é algo superado. A calidade educativa non está aquí señor conselleiro e os países punteiros no eido da innovación educativa están a percorrer o camiño exactamente inverso, chegan vostedes por desgraza outra vez tarde!
O informe PISA determina que o alumnado de 15 años que le en papel mellora a súa comprensión lectora tres veces máis que o que só le de xeito dixital, o exhaustivo estudio do ISEAK, realizado en 22 países e nas 17 CC. AA. do estado, é demoledor relacionando este tipo de proxectos cunha diminución significativa do rendemento escolar.
https://iseak.eu/publicacion/tecnologia-en-la-educacion-como-afecta-al-rendimiento-del-alumnado
Isto só no que se refire ao rendemento escolar, deixando de lado toda a evidencia científica que relaciona a sobreexposición ás pantallas co retraso no desenrolo cognitivo das crianzas entre moitas outras cousas.
Porén a esta administración non só se lle pode achacar ir a contracorrente, sumando horas de pantalla ao alumnado. Este interese en persistir no erro non é un interese destinado a favorecer ao alumnado senón a favorecer outros actores...
Só nos últimos cinco anos licitáronse 23 contratos relacionados con E-Dixgal por un valor superior a 100 millóns de euros (concretamente 101.889.510,53 euros). Contratos que foron parar a grandes multinacionais como Telefónica, Everis o El Corte Inglés.
Pero que dicir dos contidos ofertados nestes libros dixitais. Calquera docente que os utilizara sabe que ditos contidos son incompletos, de pésima calidade, absolutamente inexistentes en moitas materias e totalmente residuais na nosa lingua. Iso si, os contratos fóronlle adxudicados á multinacional Pearson e ao Grupo Planeta (La Razón, Atresmedia), nada novo baixo o sol… Pero o que resulta totalmente surrealista é que a resposta da Xunta a esta eiva evidente de calidade nos contidos é que se trata dunha ferramenta aberta e novidosa, que é o propio profesorado o que se debe formar e completar ditos contidos. Señor conselleiro, o profesorado sempre complementou e adaptou os contidos á realidade concreta do seu alumnado, máis cando a Xunta financiaba libros de texto estes viñan completos non coa metade das páxinas en branco para que as enchesen as docentes. Non nos queira vostede vender unha moto coa metade das pezas…
Se vostede ten algún interese en mellorar a calidade da educación pública galega, dende o STEG dámoslle a receita sen cobrarlle un duro señor conselleiro. Aquí vai:
- atención á diversidade: é tremendamente frustrante ver a centros cunha dotación insuficiente de PTs e ALs ou memso a alumnado que o precisa con urxencia sen coidadores entre outras moitas cousas.
- redución das ratios: aborden vostedes unha redución das ratios xa e non en diferido como pretenden facer co acordo da miseria que pretensiosamente se denomina “de medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo”
- volta ás 21 horas de docencia en Infantil e Primaria e as 18 en Secundaria, Bacharelato e FP que se nos arrebatou no ano 2011 e que recuperaron a práctica totalidade das CC. AA. do Estado para que este profesorado poida individualizar e coordinar axeitadamente o proceso de ensino-aprendizaxe.
- limitación do inxente papeleo superfluo que resta tempo ao traballo efectivo do profesorado que, este si, ten unha incidencia positiva e real sobre a calidade educativa.
Pregámoslle señor conselleiro que se rodee e escoite á xente de acordo a súa valía e non á súa filia, patee vostede o terreo, pise os centros e pregunte se precisan de máis docentes ou de máis cacharrada tecnolóxica… O seu modelo é tan ineficiente que non dota nin de horas de redución suficientes (nin por suposto de ningún recurso económico extra) ás persoas dedicadas á coordinación do E-Dixgal no centro. Cada vez hai máis ordenadores pero ninguén que manteña eses equipos… un absurdo!
É incomprensíbel que se negue a negociar, e mesmo a recibir, aos representantes das organización sindicais que reuniron 16257 firmas (o 54% de todo o profesorado en activo) contra un acordo que segundo a súa consellería mellora o sistema educativo galego e as condicións de traballo deste propio profesorado.
Máis de 100 millóns de euros en 5 anos ben invertidos dan para mellorar moito, moitísimo a educación pública galega señor conselleiro. Invértaos en recursos humanos que son sen dúbida o recurso insubstituíbel e máis valioso para mellorar a calidade dun sistema educativo público ao que só acceden as e os mellores profesionais da docencia segundo os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.
En definitiva, deixe de entender a educación como un negocio. ¡A educación é un dereito señor conselleiro! O dito:
¡Menos Edixgal e máis persoal!
STEG