UN ACORDO MOI LONXE DAS NECESIDADES DA LINGUA
Desde o STEG, un sindicato que leva o G nas súas siglas, igual que os partidos asinantes deste acordo de normalización, que o único que pretende é seguir impedindo a recuperación de horas de docencia na nosa lingua, sentímonos interpeladas por ese G a amosar publicamente a nosa oposición frontal a este acordo que, segundo o noso punto de vista, non supón avance ningún. Pois, se ben a impartición de materias científicas é importante para a erradicación dos prexuízos, non é menos importante que o alumnado coñeza no noso idioma o vocabulario relativo ao medio máis próximo e á cultura na que vive. Pretender simplemente cambiar unhas por outras agora que os repartos están decididos nos centros, os materiais creados e os bancos de libros mercados, é simplemente unha manobra destinada a conseguir que nada cambie e dar a impresión de que iso é resultado dunha decisión dos claustros docentes e non dos políticos.
Non. As docentes levamos anos dicindo non e sinalando o errado das políticas lingüísticas do goberno galego. As docentes apoiamos a recuperación lingüística e a adaptación de contidos para que o alumnado coñeza a súa historia e a súa cultura. As docentes saímos con pancartas á rúa e seguimos facendo todo tipo de actividades para dinamizar a cultura e a lingua galega nos centros. As docentes queremos máis galego nas aulas, queremos servir de modelo lingüístico e normalizador en todas as materias.
As traballadoras e traballadores do ensino deste sindicato entendemos que resulta fundamental avanzar nun modelo de educación lingüística que parta da lingua minorizada -o galego-, é dicir, dende unha perspectiva ecolóxica, pois tratar dende o mesmo lugar linguas que parten de posicións moi distintas non é contribuír á igualdade, é contribuír a perpetuar o estado actual de marxinación da lingua galega, a súa perda de falantes e o camiño á súa desaparición.
Contra a onda actual doutras organizacións, quen apostan por unha sorte de “futuro continuo”, dende o STEG defendemos un “futuro alternativo”, que rompa coa dinámica de darlle as costas ao que somos pois, entre outras cousas, somos lingua galega e somos escolas na aldea, escolas no rural, esas que a Xunta do PP non parou de pechar.
Precisamos acordos sobre a lingua, pero non este, que significa dar por boas cousas que non o son.
Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps