STEG ó día · STEG opina

16-03-2023

O STEG defende o ensino público

Fronte a algunhas informacións periodísticas

O STEG EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO

Hoxe, en plena campaña de matrícula, o brazo armado da Xunta, o xornal auto denominado “La Voz de Galicia” titula o seguinte:

“300 euros al año por alumno: eiso es  lo que paga la Xunta a la escuela concertada” Esta nova non é tendenciosa, non é parcial, non é nesgada, é simplemente falsa! A nova aclara, só para os subscritores, que as cantidades reais son casualmente 10 veces maiores ao incluíren o soldo do profesorado.

Esta fake news publicada hoxe pola Voz non é algo illado. Ano tras ano asistimos a unha campaña de desprestixio da escola pública en favor da concertada por estas datas. De feito La Voz de Galicia tamén publicou en xaneiro do ano pasado, o seguinte artigo: “Galicia destina a la escuela concertada la mitad de dinero que País Vasco o Madrid”.

Cabe polo tanto analizar certas cuestións ao respecto. É unha realidade que o ensino público teña un custo máis alto que o concertado? É preciso o ensino concertado na actualidade? Que leva a un centro a concertar as súas ensinanzas se tal e como líamos en prensa non lle sae rendible? Por que non privatizan as súas ensinanzas? Como seleccionan ao seu profesorado? Por que en Galiza séguense asinando concertos con centros educativos cando o alumnado vai a baixa?

No artigo vemos que a UXT declara:

“La concertada no está bien financiada. Técnicamente le falta dinero para ofrecer los servicios con una calidad aceptable. Desde UGT se quiere conseguir que la escuela concertada sea gratuita para las familias, y así se evitaría la segregación por clase socioeconómica.”

Neste contexto, o STEG non pode permanecer impasible ante este novo ataque ao ensino público orquestrado pola Xunta coa “Voz de su amo”, co apoio explícito da UXT ou implícito por parte doutros sindicatos, supostamente de esquerda, como a CIG ou CC.OO. que pretenden defender á vez o ensino público é concertado. O primeiro que hai que demandar a tódalas forzas sindicais é que se postulen sobre que tipo de ensino defenden. A situación de perda de alumnado por parte da educación pública non permite ambigüidades nin dobre discurso en función da titularidade do cento ao que estás acudindo.

A única realidade obxectiva son as cifras, e o STEG posúe a liberdade de quen ten a coherencia de traballar exclusivamente co profesorado do ensino público para esgrimilas. Segundo os propios datos da Xunta de Galiza (Datos e cifras do ensino non universitario, setembro 2022), nos últimos 10 anos a crise demográfica implicou unha perda de 15.959 alumnos na educación infantil, un arrepiante 23,6% do total. Porén a perda non afectou de igual xeito á educación concertada e á pública. Mentres a educación pública sufriu unha verdadeira desfeita nesta etapa, a privada concertada unicamente baixou un 2,5% o seu número de unidades. Numericamente o impacto que soportou a concertada en unidades e profesorado foi 10 veces inferior ao soportado pola pública.

Isto por desgraza non acaba aquí. A Xunta, acaba de publicar no DOG a Orde de 12 de xaneiro de 2023 que regula os concertos educativos cos centros docentes privados para os próximos 6 cursos académicos. Dita orde supón unha verdadeira declaración de intencións, unha visión ideolóxica reflectida nun orzamento que destina á educación concertada a escandalosa cifra de 1.901 millóns de euros. Se a comparamos coa cifra do anterior sexenio, que era de 1.550 millóns, vemos que a partida para a concertada disparouse un 23% nun contexto de perda de alumnado. Para todas as traballadoras e traballadores da educación pública que contrarrestamos con voluntarismo a cicatería da Consellería nos nosos centros mantendo así a calidade do ensino, isto é unha auténtica labazada.

Por iso asistimos estupefactos a que o sindicato UXT declare no artigo que o profesorado do ensino concertado “cobran el 80% del sueldo de la pública por el mismo trabajo”. Coidamos que ante este tipo de afirmacións é necesario aclararlle as compañeiras sindicais unha serie de puntos:

  • o profesorado do ensino público non é elixido en función de características doutrinais ou ideolóxicas, por afinidade á dirección do centro ou por calquera outra cuestión discrecional senón a través de procesos selectivos baseados nos criterios de igualdade, mérito e capacidade.
  • o profesorado do ensino público para poder ter a puntuación necesaria para superar ditos procesos selectivos debe, na maioría das ocasións, realizar un auténtico “vía crucis” de interino e substituto, en numerosos centros lonxe do seu domicilio.
  • o profesorado do ensino público é o encargado de traballar co alumnado de contextos sociais máis desfavorecidos e o único comprometido co reequilibrio das desigualdades, a inclusión e a xustiza social

Polo anteriormente exposto, animamos encarecidamente ao profesorado da escola concertada que se considera discriminado salarialmente a que se presente aos próximos procedementos selectivos e comprobe o doado que resulta a carreira docente no ensino público.

O goberno do Partido Popular persigue privar ás clases populares da única ferramenta realmente útil para compensar as desigualdades, unha educación pública de calidade. Polo contrario, pretende adoutrinar grandes masas de man de obra barata e submisa, de persoas ignorantes dos seus dereitos sociais e laborais, de persoas que estean dispostas a traballar todo o que faga falta co menos gasto posíbel.

A obriga do STEG, e de calquera outro sindicato de clase, é a de garantir unha formación universal, laica e de calidade que asegure a igualdade de oportunidades independentemente das diferenzas sociais e económicas. Por iso estamos inmersos nunha campaña denominada “Matricúlate na pública” á que quixéramos sumar a toda a comunidade educativa, a tódalas forzas sindicais e axentes sociais implicados nesta loita.

A escola pública está en perigo e, como acabamos de ver, os seus inimigos son moitos e poderosos... pero aínda temos o poder de decidir, o futuro das nosas fillas e fillos está a decidirse nestes momentos, mobilízate pola pública!

- Documento en .pdf

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza