STEG ó día · STEG opina

10-09-2026

STEG opina-Un grande Acordo para o comezo de curso

Un grande Acordo para o comezo de curso

 

O comezo deste novo curso, no que algún cálculos falan de case 900 prazas sen cubrir e proliferan as medias xornadas (afectando á precarización de parte do profesorado pero tamén á actividade pedagóxica dos centros) visibiliza tamén outras problemáticas que, non por coñecidas deixan de resultar intolerábeis, proporcionándonos un marco axeitado para interpretar o camiño sindical a seguir. Á vista do desenvolvemento dos acontecementos da actualidade educativa, poderíamos concluir que as evidencias inflúen pouco na conduta humana pero tamén que, como organización sindical, debemos ofrecer un modo de relacionarnos co futuro. E namentres algunhas organizacións sindicais ofrecen un futuro contínuo, no que a resignación e unha confusa política de sentidiño e pequenos pasos son a tónica habitual, o STEG sitúase nun futuro alternativo e defende a importancia de interpretar correctamente o contexto como única vía para estar na realidade e poder incidir nela significativamente: a Consellería avanza no seu plan de deterioro da calidade do ensino público, reafirmándose nos recortes de persoal e recursos, na propaganda e nun alarmante descenso en indicadores de uso do galego pero tamén nos resultados do último informe PISA (cos matices e validez que queiramos darlle ao mesmo). Todo, malia os intentos do Conselleiro nas rrss farmeando aura dende as naves de material da Consellería.

 

As faltas de profesorado motivaron protestas no comezo de curso, como por exemplo no CEIP Mestre Pastor Barral de Melide (A Coruña),  o CEIP Xoaquín Loriga de Prado, Lalín (Pontevedra) e tamén se denunciou nas comunidades educativas de varios centros de A Coruña as carencias de orientadores, PT e especialistas de Audición e Linguaxe. Na mesma maná, unha representación do STEG acompañou a comunidade educativa do Ceip Virxe do Corpiño de Begonte (Lugo), na súa demanda dunha aula máis de Infantil que lle corresponde pola lei de 2024 (todo ten un antecedente: e a problemática vén de 2021, cando a Consellería pechou a outra escola do concello, a de Baamonde, prometendo que no novo centro o alumnado estaría moito mellor atendido; o STEG manifestouse, opúxose e advertiu do grave deterioro en marcha da calidade educativa a mans da Consellería). Estas cuestións así como o anuncio de peche de catro pequenas escolas da aldea durante o verán, a atención á diversidade e os recursos insuficientes así como as elevadas ratios (especialmente en Secundaria) son outras das cuestións que nos fan falar de inseguridade social e educativa, nun contexto onde tamén se tensiona os propios equipos directivos, en quen recaen moitas responsabilidades que con frecuencia transcenden a súa marxe de manobra.

 

E é que as deficiencias estruturais, das que son bo exemplo a situación do CEIP Josefa Alonso de Matamá de Vigo (deficiencias relacionadas con cubertas, baixantes ou problemas co oco dun ascensor), a do IES Zalaeta da Coruña (problemáticas coa retirada do amianto), a do IES Lois Peña Novo de Vilalba (graves deterioros estruturais), a do Ceip Veleiro Docampo en Castro de Rei, Lugo (sen pavillón cuberto e obras sen concluír dende setembro de 2025), fálannos dun problema estrutural que o é de dobre vía: as infraestruturas, si; pero tamén a ausencia dun modelo educativo por parte da Xunta acorde ás necesidades dunha sociedade verdadeiramente democrática baseada na calidade dos seus servizos públicos. 

 

Tamén falando de calidade somos conscientes de que en moitos institutos van quedar sen especialistas de Latín e Grego e de que o ensino destas materias vai quedar deslabazado entre o profesorado ao que lle quedan horas lectivas soltas. Esta situación resulta aínda máis aberrante cando o alumnado debe presentarse á PAU e precisa unha preparación adecuada e impartida por profesorado especialista. No CADP créanse prazas nas que, a través das materias afíns, se pode chegar a encomendar a un docente a impartición de materias que nada teñen que ver coa súa especialidade. Así, danse casos como dar todo o departamento de Música como afín cando a praza de CADP sae por Bioloxía.

A desregulación das materias afíns fai posible que, na práctica, calquera profesor ou profesora poida impartir determinadas materias sen que se lle esixa acreditar unha formación ou un coñecemento mínimo específico sobre elas. Isto supón unha evidente perda de especialización e ten consecuencias directas sobre a calidade do ensino que recibe o alumnado. Se realmente queremos falar de calidade educativa, o primeiro que deberiamos garantir é que cada docente imparta as materias para as que se formou e para as que se presentou a un proceso selectivo. A especialización do profesorado non é un luxo nin un elemento secundario: é unha garantía de calidade do ensino.

Estamos asistindo a unha política de «optimización» dos recursos humanos que, en nome da eficiencia, acaba relegando a un segundo plano a formación específica do profesorado e as necesidades educativas do alumnado. É unha optimización de recursos humanos, si, pero sen humanidade. Porque detrás de cada praza, de cada horario e de cada decisión administrativa hai profesorado especializado e, sobre todo, alumnado que ten dereito a recibir unha educación de calidade, impartida por profesionais coa formación e a preparación necesarias para cada materia.

A FP presenta outra problemática diferente. A Xunta mantén aberto ata o 11 de setembro o procedemento de matrícula en prazas liberadas para ciclos de grao básico, medio, superior, FP dual intensiva e outras modalidades. Mais aló desta coexistencia entre unha forte demanda de determinados perfís profesionais con ciclos que quedan con vacantes, a improvisación na autorización ou denegación de determinados ciclos está a ocasionar tamén diversas problemáticas para o alumnado. Interrógase sobre este tipo de cuestións o gobierno galego? E as organizacións asinantes do Acordo? Que situación agardan do futuro distinta da actual? Pois facelo é parte de gobernar, pero tamén da acción sindical. 

 

Por eso, pensamos que a discusión está aquí, nesta confrontación de futuros. E facer críbel e desexábel a promesa dun futuro alternativo, mellor e compartido para o ensino público galego, sabendo -por Delanty- que o presente vén definido polo futuro.

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza