STEG ó día · Campañas · SAÚDE LABORAL

Saúde Laboral e muller

1.  Saúde Laboral e muller.
2. O período de embarazo e lactancia.

1. Saúde laboral e muller.

As diferenzas biolóxicas deberían ser suficientes para considerar dende un prisma diferente os factores que inflúen na saúde laboral das mulleres. Durante moito tempo, a preocupación pola saúde laboral das mulleres foise limitando a protexe-la capacidade reprodutiva e a maternidade, sen ter en conta outros aspectos que tamén a condicionan.

O exame de saúde laboral aínda segue centrado nos homes, nas enfermidades de predominio no sexo masculino. O que afecta ó sexo feminino, como poden se-los trastornos de menstruación, hemorraxias, anemias, enfermidades endocrinolóxicas, tiroides, glicemias, etc., vixíanse escasamente.

Os recoñecementos médicos deben ser específicos, é dicir, os contidos teñen que estar determinados polas características dos riscos para a saúde ós que estamos sometidas como traballadoras. E non só hai que ter en conta o tipo de traballo que se fai senón tamén a duración e o tipo de xornada de traballo. A sobrecarga de traballo produce unha sobrecarga física e mental e son as mulleres quen na meirande parte asumen unha doble xornada, profesional e doméstica. Este feito engade aínda máis razóns para considerar que a saúde laboral das mulleres responde a uns condicionantes específicos a ter en conta.

Os estudios realizados demostran que hai unha grande diferenza entre os sexos no número de xubilacións anticipadas. É o sexo feminino o que máis se retira a partir dos 50 anos, segundo nos di a Doutora Carmen Valis, e o 80,5% dos casos é por razóns de trastornos musculo-esqueléticos (artrose, dores cervicais, dorsais...). Este dato contrasta coa concepción tradicional de que os traballos que realizaba a muller non supoñían esforzo e con que os traballos que esixían forza eran realizados por homes. Pero dende hai oito ou dez anos, co inicio de investigacións sobre a orixe da sobrecarga que soportan as articulacións, descubriuse que non é tan livián o traballo físico realizado polas mulleres.

E se non se tivo en conta a especificade das mulleres cando se estudou o tema da saúde laboral, tampouco lembraron que existían profesións practicamente feminizadas cando se falaba do tema. A sanidade, o ensino, o eido da limpeza, etc., non foron nunca abordados dende o punto de vista da saúde e queda moito por coñecer en canto ás enfermidades e riscos laborais, as súas causas e efectos.

Falar de saúde laboral supón falar non só dos efectos negativos, como os accidentes e enfermidades profesionais, se non tamén previr calquera dano que as condicións de traballo poidan causarnos, protexernos contra os riscos provocados por axentes nocivos, así como ter e manter un emprego adecuado ás nosas aptitudes físicas e psicolóxicas. En definitiva, redistribuír e humaniza-la organización do traballo considerando tódalas diferenzas, para o que é necesario romper con esa imaxe invisible das mulleres que aínda parece manterse en moitos eidos. Así logo, faise necesario configurar un sistema que contemple as novas relacións sociais xurdidas e un novo modo de cooperación e compromiso entre mulleres e homes que permita un reparto equilibrado de responsabilidades na vida profesional e na privada.

 

2. O período de embarazo e lactancia.

O embarazo e a lactancia seguen sendo situacións específicas da muller, que requiren unha protección especial. A Lei de Prevención de Riscos Laborais recolle a obriga empresarial de elimina-los riscos que poidan afectar á muller ou ó feto, así como a obriga de adaptar de forma ergonómica o posto de traballo á nova situación do seu ocupante. Se os riscos non poden ser eliminados na súa totalidade e existira risco, a traballadora será destinada a outro posto sen risco, sen merma das súas retribucións. Tamén se recollen os permisos remunerados para exames prenatais e para a preparación ó parto.

Debido a algunhas modificacións fisiolóxicas que se producen durante o embarazo, algúns dos riscos que se producen habitualmente no posto de traballo poden aumentar. Por exemplo, a hiperventilación constante ó longo do embarazo conleva un aumento da cantidade de tóxicos inhalados. Tamén existe maior propensión á aparición de varices durante o embarazo cando se está de pé períodos de tempo prolongados, e un meirande risco de sufrir caídas pola variación da posición e do centro de gravidade do corpo. Ademais, o ruído afecta ó desenvolvemento normal do feto, polo que as traballadoras embarazadas non deben expoñerse a ambientes con máis de 80 dB.

Por todo iso, no ámbito do ensino, e como mínimo, debería procederse ó cambio de posto de traballo durante o embarazo e a lactancia:

  • Cando se traballa en contacto directo con nenos que poden transmitir enfermidades infecciosas como a rubéola, o sarampelo ou a varicela, se non se está inmunizada contra dito risco.
  • Cando se realizan traballos de limpeza.
  • Cando se traballa con máquinas fotocopiadoras.
  • Cando se está exposta a radiacións ou substancias tóxicas.
  • Cando se traballa nun ambiente con ruído superior a 80 dB.
  • Cando o traballo requira a manipulación de cargas ou pesos, adoptar posturas forzadas, ou calquera outro labor que esixa un esforzo físico importante.

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza