STEG ó día · STEG opina

17-01-2022

Séguese a discriminar a este profesorado

Profesorado técnico de FP

Malia o que establece esta lei orgánica, ninguén puido acceder ao grupo A1 e segue pesando sobre este colectivo a ameaza de fragmentación en varios corpos. O 30 de decembro do ano 2.020 publicábase no BOE a Lei Orgánica pola que se modifica a lei Orgánica de Educación ( LOMLOE).

O 19 de xaneiro de 2.021 entrou en vigor. Na súa disposición adicional undécima establece que “se integran no corpo de profesores de ensino secundario as especialidades de formación profesional incluídas no corpo a extinguir de profesores técnicos de Formación Profesional…”.

O STEG no plano nacional, así como na súa actividade a nivel estatal na Confederación de STEs-i, dende o comezo, pediu que se arbitren as medidas correspondentes para que a totalidade do profesorado que imparte formación profesional teña acceso ao nivel A1. Nada disto se realizou: o Ministerio foi mirando para outro lado a unha negociación pedida unanimemente polo conxunto de organizacións presentes na Mesa de Negociación do MEFP e incumpriu sistematicamente os seus propios compromisos, o último deles o contraído na última reunión desta Mesa na que o Ministerio de Educación asegurou que convocaría ás forzas sindicais “con carácter inminente” para abordar o paso do profesorado de FP coa titulación correspondente, ao corpo de Secundaria. Doutra banda, A Consellería de Educación da Xunta nada fixo tampouco, cómoda nun papel aparentemente subsidiario pero que evidencia, no fondo, unha manifesta incapacidade para enfrontar cunha mínima solvencia moitas das actuais problemáticas do ensino público galego.

O malestar dentro do colectivo é, cada vez, maior. Non se pode maltratar deste xeito un profesorado que leva realizando un esforzo extraordinario dende hai tempo (toda súa carreira profesional), que observa dende hai tempo uns e outros manifestando que todo é normalidade, á vez que se dilata o cumprimento da lei, dividindo e enfrontando as traballadoras e traballadores dun mesmo colectivo.

Dende o STEG esixímoslle ao Goberno que faga efectivo o acceso ao A1 de quen xa cumpre as condicións establecidas na LOMLOE, que dito acceso sexa inmediato e con carácter retroactivo, sen outro impedimento que cumprir eses requisitos e, doutra banda, que se inicie de inmediato o proceso de negociación para establecer un mecanismo que permita incorporar o resto de PTFP ao A1 mediante o recoñecemento das titulacións equivalentes a efecto de docencia que procedan. Ademais, dende o STEG defendemos o dereito á non discriminación de todo o PTFP baixo unha premisa fundamental en dereito laboral: "A igual traballo, igual salario e iguais condicións laborais". Por ese motivo non podemos admitir a idea de que a LOMMOE puxese fin a unha discriminación de hai máis de 30 anos. O que fixo é parchear a situación, pero, nin solucionou nada, nin o que establece se aplicou. Cal é a responsabilidade das autoridades educativas? É este o compromiso cun dos piares fundamentais da nosa sociedade? É esta a estima que lle teñen uns e outras ás traballadoras de traballadores do ensino público galego? Non sabemos se o Ministerio ten un plan para chegar a un debuxo final do profesorado que imparte formación profesional; sabemos que a Consellería carece del. Pero se alguén o ten e este baséase na división do colectivo en tres corpos diferentes -Corpo de Secundaria, Corpo de Profesorado Técnico a extinguir e Corpo de Profesores de especialidades singulares, máis a posibilidade de profesorado contratado,- este plan estará a dinamitar a necesaria coordinación e cooperación que debe presidir o traballo colectivo dos claustros.

Nese caso, seguirá quedando profesorado cunhas condicións salariais e profesionais diferentes ao as do resto, malia realizar as mesmas funcións e ter as mesmas responsabilidades, algo que en dereito laboral sería inadmisible pero que a Administración Pública se salta sistematicamente porque se rexe por unha lexislación específica que elabora á medida das súas propias necesidades. Cremos que se trata dun proceder, ademais de ineficaz, absolutamente inmoral, máis aínda procedendo dun Goberno que se autodefine como progresista. Doutros, xa nada agardamos.

-documento en pdf

 

Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG

 

17 de xaneiro de 2.022

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza