Xunta de Persoal docente de Lugo celebrada o 9 de outubro de 2024 ás 10,33h. na Sala Muralla do Edificio Multiusos de Lugo
Asisten: STEG, CIG, CCOO, Fete-UXT, ANPE e CSI-F e por parte da administración o Xefe de Inspección Educativa, Íñigo Barreiro García e a Xefa Terrritorial de Educación, Sagrario Sánchez Ramil.
Ao comezar a reunión o Presidente da Xunta de Persoal Docente non universitaria, Pablo Rodríguez Vila, lémbralle o Xefe de inspección en nome de todos os sindicatos o descontento pola tardanza na celebración desta reunión que se pediu ao comezo de setembro, este sinala que non tiña axenda nese momento e que “pouco podía aportar xa que estaba todo moi aberto” en canto a falta de profesorado e outras incidencias de comezo de curso.
1.
Comunicación de expedientes abertos por parte da administración.
O inspector relata os expedientes abreviados e non abreviados correspondentes ao ano 2023 e 2024.
2.
Incidencias de comezo de curso.
A CIG di que prefire entregar por escrito a inspección as súas reclamacións e que se conteste tamén por escrito.
O STEG aclara que xa presentou por sede electrónica dirixida á secretaría xeral de persoal en Santiago as numerosas incidencias detectadas tanto na provincia de Lugo como no resto de Galicia, pero que aínda así quere que se lle aclare varias incidencias de varios centros educativos:
-
No Ceip Veleiro do Campo de Castro Ribeiras de Lea reclaman unha mestra de inglés, dende inspección din que é verdade que lles corresponde, que está pedidada e que están pendentes de que chegue.
-
As vacantes de primaria que reclamaban no Ceip Virxe do Carme de Sober e no Ceip Virxe da Luz de Portomarín foron cubertas pero xa ben comezado o curso.
-
No Ceip Lui Pimentel teñen pedido dende inspección outra vacante de primaria que lles corresponde, como mínimo, aínda que non se fixo efectiva.
-
No IES de Monterroso a inspección di que as súas peticións dunha PT ou media xornada de dúas profesoras de lingua e ciencias non vai ser aceptada, xa que consideran que teñen profesorado suficiente ou horas para cubrir as necesidades que teñen.
-
No Ceip de Pobra de Brollón hai un agrupamento de 16 alumnas
xuntando 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, non chegan a
18; dende o centro reclaman unha mestra máis para non xuntar nenos e nenas de idades tan dispares, está pedido a Santiago e depende deles mándalo.
-
No IES Lois Peña Novo de Vilalba reclamaban unha media xornada do ciclo de Mecatrónica Industrial; dende inspección din que non sabían nada e que van revisalo.
-
No IES Marqués de Sargadelos ata final do mes de setembro non atoparon profesorado para o novo ciclo medio de cultivos acuícolas, o alumnado estivo sen clase. A razón esgrimida e que non hai lista e non atopaban profesorado que polo contido do ciclo e pola zona de ubicación do centro quixese ir.
-
No Ceip Castro de Ouro de Alfoz reclaman unha PT; inspección di que non lles toca xa que correspondíalle a un alumno que se foi. Din que está pedido unha PT a media xornada.
-
No Ceip Concepción López Rei de O Cádavo reclaman unha mestra de infantil xa que teñen un grupo con 13 alumnnas (con alumnado de 3 anos); dende inspección din que van revisalo.
-
No IES Ollos Grandes de Lugo reclaman unha PT que está pedida dende inspección pero aínda non chegou.
ANPE sinala que distintas incidencias que se producen non se lle poden culpar de todo ao acordo, pero ao mesmo tempo sinala que o acordo que se asinou nunca se entendeu como de apliación progresiva como o fai a administración e din que asinaron a súa aplicación inmediata. Ao mesmo tempo din que onde máis se está a incumplir o acordo é na provincia de Lugo.
Outra incidencias de profesorado comunicada polos distintos sindicatos son as seguintes.
-Falta unha PT pedida no IES Río Cabe de Monforte.
-Falta unha AL no Ceip de Begonte
-Falta profesorado no IES Lucus Augusti nos ciclos da familia de química (van revisalo, pero din que foi falta de previsión do centro)
-Falta unha mestra no Ceip Eloísa Rivadulla de Chantada; arranxaron cunha mestra que ten 13 horas no centro e 10 de atención domiciliaria.
-No Ceip do Oural unha PT está pendente de pedirse dependo dunha casuística da evolución dun rapaz que ten problemas conductuais.
-No Ceip Xela Arias de Sarria fai falta máis profesorado por mor da presenza de moito alumnado con necesidades educativas especiais.
-No Ceip Santa Rita de Viveiro piden unha mestra de inglés pero dende inspección din que hai profesorado no centro que pode dar esas horas.
- Está pedido unha PT compartida entre o EEI San Roque de Viveiro e Ceip de O Vicedo.
3. Obras en centros de ensino.
Dende a CIG sinalan que no Ceip Quiroga Ballesteros só teñen baños de pé na obra rematada en infantil.
4. CEIP Paradai.
Dende o STEG damos lectura á acta do consello escolar do Ceip de Paradai do 20 de xuño de 2024 para o nomeamento accidental da dirección onde se dí “a directora trae o Consello Escolar as propostas do claustro que son que continúe parte do actual equipo directivo (a xefa de estudos e a secretaría) e Dna Isabel Ferreiro Rodríguez que se postulou no claustro como candidata, manifestando que conta cun equipo directivo xa formado. Dúas persoas do Consello Escolar preguntan se se pode saber o nome do equipo co que conta, ao que responde que prefire gardar o seu anonimato a petición das persoas interesadas. A proposta por parte dos representantes dos pais é que continúen a xefa de estudos e a secretaría”.
Dende o STEG deixamos claro que a delegación territorial escolleu a dirección do centro sen ter en conta o parecer xeral do profesorado e dos pais e nais e que a candidata elixida non reúne as características de idoneidade, conveniencia e adecuación ao posto.
A Xefa Terrritorial di que o proceso foi legal, que a proposta do consello escolar non era vinculante e que nunca houbo un rexeitamento por escrito á nova directora.
Dende o STEG sinalamos o noso descontento por non oír á comunidade educativa do centro e sinalamos que o historial da nova directora non aconsellaba a súa elección.
A Xefa Territorial di que non ten ningunha queixa dende o centro nin do inspector específico do centro e que se existe outro equipo directivo que queira presentar un proxecto pódera facelo ao final deste curso.
Por último, dende o STEG deixamos claro a nosa postura para que quede claramente reflectida na acta da xunta de persoal.
5. Prazas con afíns.
Dende ANPE, co apoio dos demáis sindicatos, coméntase a inspección que se investiguen certas prazas do CADP que saen con afíns sospeitosas e que unha vez que a persoa chega ao centro non ten que dar estas afíns.
6. Incumprimento de protocolos.
Dende o STEG a través do exemplo dun centro concreto sinalouse o elevado incremento dos protocolos de suicidio abertos e a importancia de ter profesorado con tempo abondo para atender a situacións tan delicadas.
7. Varios.
A CIG sinala a revisión das comisións de servizos sen unha convocatoria
pública.
A CIG sinala que dende inspección se lle pediu aos centros non darlles ás ANPAS a información moi concreta do número de alumnado con grandes necesidades educativas específicas para respectar o dereito á privacidade, sobre todo, en centros moi pequenos. Dende a inspección dise que esta información deberán pedila a través da secretaría xeral técnica.
Fete-UXT pide a reunión do comité de seguridade laboral.
Dende os sindicatos lémbrase que se nos mande a grella de inspectoras/es actualizada.
Dende ANPE pídese ter unha reunión para tratar as vacantes do CXT.
Dende CSIF pídese ter as instruccións que se van ter en conta na comisión para avaliar o funcionariado en prácticas.
Sen máis asuntos que tratar péchase a reunión sendo ás 13:01