21 de xuño
A escola coeducativa proponse salvar todo o positivo da experiencia colectiva das mulleres e dos homes e acercarse a cada persoa na súa individualidade e singularidade para potenciar que dende a súa liberdade vaia elixindo quen quere ser á marxe dos estereotipos sexistas, e cal vai ser a súa colaboración á xustiza e liberdade colectivas.
María José Urruzola Zabalza, 2003
Poucos obxectivos hai na educación con maior respaldo normativo que la coeducación. Obrigan a educar para a igualdade tres leis orgánicas e as correspondentes leis de igualdade autonómicas e non é de agora, xa existe esta obriga dende fai décadas. Cabería pensar, por tanto, que cunha lei vixente dende 2004 (Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero), e coas leis seguintes, a coeducación xa estaría “incrustada” ou “automatizada” no noso sistema educativo. Non é o caso. De novo, en palabras de María José Urruzola Zabalza (2003): “estamos moi lonxe da Coeducación superadora da normalización do sexismo, é dicir, das relacións baseadas no esquema de dominación- submisión entre homes e mulleres, mantido a través da violencia. “Isto é un feito comprobable, a día de hoxe, en calquera claustro.
Sabemos que a lei non o é todo, que hai moito papel mollado con forma de lei orgánica, que a realidade é que non é doado levar a igualdade ás aulas e que as autoridades educativas prefiren ignorar esta realidade antes que poñerse mans á obra. O servizo de inspección educativa leva anos desatendendo este tema, a xulgar pola relaxación amosada á hora de asegurar o cumprimento dunha educación non sexista, de igualdade entre mulleres e homes. A lei é transgredida con absoluta normalidade, de xeito obvio, á luz do día e sen repercusión ningunha.
Sabemos que a coeducación non chega por ciencia infusa aos centros educativos, porén, o que si chega é o sexismo - consúltese o magnífico estudo de Ana López Navajas, Ángel López García-Molins, et alii (2009) dentro do proxecto de investigación TRACE Las mujeres en los contenidos de la Enseñanza Secundaria Obligatoria. Entón, con que medios se pretende facer cumprir as leis, se a formación de boa parte do profesorado e das propias autoridades educativas é totalmente nula? Non é que non existan materiais, bibliografía ou persoas co coñecemento suficiente para impartir a formación adecuada. Sinxelamente, a cuestión é que non se considera un asunto prioritario. Coñecemos todas as escusas patriarcais para non traballar a igualdade: agora non é o momento, non sabemos facelo, xa o faremos outro ano, etc. Tamén coñecemos as caras de pasmo e sorpresa cando hai violacións en menores de idade, ou cando aparece a violencia de xénero nas primeiras relacións sexuais da adolescencia. Entón, a sociedade bótase as mans á cabeza e mira inmediatamente cara os centros educativos reclamando unha educación en igualdade para erradicar o machismo, pero a indignación dura pouco, e ninguén se pon de verdade a traballar.
Por todo isto, dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical esiximos:
PARA EDUCAR EN IGUALDADE, FORMACIÓN FEMINISTA XA!!!!