28 de abril
28 DE MAIO
Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres
Non podemos esquecer no noso calendario o Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, unha xornada que se conmemora co obxectivo de reafirmar e garantir o dereito á saúde integral de todas as mulleres e nenas do mundo. É un recordatorio fundamental para abordar e previr as múltiples causas de enfermidades e mortes que afectan ás mulleres de todo o mundo.
Hoxe en día, ser muller considérase un factor de risco no que se refire á saúde mental. Numerosos estudos demostran que as mulleres xeralmente teñen taxas máis altas de depresión, estrés, ansiedade ou trastornos alimentarios que os homes.
Para acadar o obxectivo da igualdade no ámbito da saúde, é importante recoñecer que non todos somos iguais. Necesitamos identificar os factores que poñen en risco a atención sanitaria das mulleres para facer un uso eficaz da información e dos servizos de saúde.
Obsérvanse diferenzas entre homes e mulleres, especialmente relacionadas coas desigualdades de xénero derivadas de menores ingresos, maior exposición á pobreza, exceso de traballo, discriminación laboral, violencia de xénero, entre outras, que poden aumentar a posibilidade de padecer problemas de saúde mental. Neste sentido, estímase que os casos de depresión son aproximadamente o dobre entre as mulleres que entre os homes.
Isto é así, xa que na maioría das sociedades as mulleres son as primeiras responsables das tarefas domésticas non remuneradas e se lles atribúe o papel de coidadoras familiares, apoiando unha dobre función e tamén sen ningún tipo de recoñecemento social.
Segundo un informe da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), en España as mulleres dedican máis do dobre de horas que os homes ás tarefas domésticas. Este fenómeno de dobre rol pode levar a manifestacións de fatiga, estrés ou depresión, ao que se lle engade a presión pola maternidade, a menor elección ou a consideración das mulleres como obxectos sexuais.
Non deben pasarse por alto todos estes mandatos da sociedade que empeoran a saúde da muller, porque son factores que aumentan o risco de padecer depresión e ansiedade.
Por iso, estes datos fan palpábel a necesidade de tomar medidas para concienciar e desafiar estereotipos co fin de acadar a igualdade e a saúde integral das mulleres.
Recentemente, a nova Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027 incorpora unha liña de actuación específica en materia de saúde mental abordando o enfoque de xénero. Pero non abonda, e hai que seguir buscando medidas concretas para acabar con estas alarmantes cifras que sitúan ás mulleres á fronte das desigualdades. É necesario un compromiso firme e decidido, por parte das Administracións e da sociedade, para favorecer o benestar físico e emocional das mulleres promovendo estilos de vida máis saudables.
Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical sinalamos algúns dos factores que inciden na saúde das mulleres, para comezar a concienciar, erradicar e buscar solucións que freen estas desigualdades.
Na OM cremos na necesidade de buscar alternativas como a corresponsabilidade e a promoción do benestar das mulleres para contribuír a unha sociedade máis igualitaria, xusta e enriquecedora para todas as persoas.
Porque todas somos válidas independentemente de se coidamos ou non, somos válidas independentemente do noso corpo, independentemente da maternidade, teñamos parella ou non, independentemente da sociedade, todas as mulleres somos válidas.
Porque a saúde das mulleres NON sexa unha cuestión de xénero!