Secretaría da Muller · Informacións varias

Día internacional das traballadoras do fogar

30 de marzo -

30 de marzo: DÍA INTERNACIONAL DAS EMPREGADAS DO FOGAR.

 

Foi no ano 1988 cando se proclamou o 30 de marzo como o Día Internacional das Traballadoras do Fogar, por medio do primeiro gran Congreso de Traballadoras do Fogar, que tivo lugar en Bogotá, Colombia.

Nesa reunión discutíronse moitos asuntos, pero os de maior interese eran a gran discriminación que sofren as persoas que se dedican a este traballo, a falta de leis que as amparen, o establecemento dun pago digno polo seu labor e o dereito a unha protección social por parte dos estados.

Segundo o estudo Grandes Cifras do Sector Limpeza 2022, elaborado por IFMA e ASPEL, en España o sector ten máis de 570.000 persoas empregadas, das que o 76% son mulleres. Sendo o noso un país de servizos, a limpeza constitúe un compoñente esencial da cadea de valor dos demais sectores, e representa unha porcentaxe do 1,05% do PIB.

Un sector feminizado e invisible.

Resulta que as dúas profesións máis altamente feminizadas son o coidado das persoas e, precisamente, a limpeza, ámbolos dous moi castigados historicamente en España, por unha banda pola falta de regulación no pasado, por outra, unha vez tivemos a normativa, pola discriminación que se permitía con respecto ao resto de sectores.

Por fin, dende o 2023, a nova regulación elimina dúas discriminacións históricas: que non tiveran dereito a paro e que se puideran despedir sen xustificación. O novo sistema inclúe cotizacións por desemprego para traballadoras e aumenta a base mínima para quen teña contratos de poucas horas. A norma, que responde a peticións históricas deste colectivo e organizacións feministas, ten a súa orixe na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TSXUE) que declarou que o sistema anterior era discriminatorio.

Esta normativa ten como obxectivo equiparar as condicións de traballo e de Seguridade Social das persoas traballadoras do fogar familiar ás do resto de persoas traballadoras por conta allea para acabar coa discriminación histórica deste colectivo feminizado.

Resólvese, por tanto, a equiparación coas persoas traballadoras por conta allea tanto no eido do sistema extintivo da relación laboral como no da prestación por desemprego.

Tamén se garante a protección da seguridade e saúde das persoas ao servizo do fogar familiar equivalente á de calquera outra persoa traballadora, esencial non só para asegurar a equiparación de condicións que esixe a normativa anti-discriminatoria da Unión Europea e o Convenio 189 da Organización Internacional do Traballo, senón tamén para garantir o dereito constitucional á saúde que corresponde a todas as persoas.

ATA O DE AGORA SÓ EQUIPARACIÓN. Hai que seguir a loitar pola valoración dos labores dos coidados e da atención doméstica e que isto se traduza en melloras nas condicións de traballo.

Dende as organizacións feministas, dende a Secretaría da Muller do STEG e a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, xunto coas asociacións profesionais do sector temos que seguir reivindicando as melloras que a partir desta necesaria e xusta equiparación deben perseguirse.

Debemos esixir que se cumpran os compromisos adquiridos polo Goberno neste senso, por unha banda, reivindicando a implantación de políticas de formación e acreditación para as persoas empregadas do fogar dedicadas ao coidado ou á atención das persoas que forman parte da contorna doméstica e familiar. E que estas teñan en conta as particulares condicións de traballo do sector e das persoas traballadoras que desenvolvan a súa actividade nel; e por outra banda, reclamando a creación dunha comisión de estudo cuxo obxectivo sexa a inclusión da perspectiva de xénero no cadro de enfermidades profesionais para que se identifiquen e se corrixan as eivas que existen no eido da protección ante as enfermidades profesionais dos traballos desenvolvidos maioritariamente por mulleres. A partir dese momento, poderemos comezar a falar de melloras nas condicións de traballo das empregadas do fogar e dos coidados.

Por todo isto seguiremos visibilizando as necesidades do sector e reclamando a redución da palpábel precariedade que segue a caracterizalo, así como en aqueles outros ramos nos que as mulleres continúan sendo as máis prexudicadas. Seguiremos esixindo a xusta valoración que merece esta profesión da que depende o benestar de moitas persoas.


 

Secretaría da Muller do STEG e Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza