Desde a Organización de Mulleres do STEG presentámosvos a campaña "Espazos libres de machismo" que estamos a desenvolver de forma conxunta coa Confederación Intersindical-Organización de Mujeres, xa que se trata dun proxecto a nivel estatal.
Basicamente consiste en que as traballadoras e os traballadores que así o consensúen en asemblea declaren os seus centros de traballo como "Espazos libres de machismo". Ao realizar esta declaración comprométense a velar por garantir os dereitos e as liberdades das empregadas e dos empregados do mesmo.
Desta forma queremos poñerlle fin a situacións de acoso sexual no ámbito laboral; á fenda salarial que existe entre homes e mulleres; ao bloqueo que sofren as traballadoras para poder acceder a postos de responsabilidade e dirección; aos atrancos para poder conciliar axeitadamente a vida laboral coa vida familiar e aos micromachismos e esterotipos de xénero que, por desgraza, están tan arraigados na nosa cultura.
Se queremos rematar co drama social que supoñen os feminicidios -a expresión última e máis miserable das violencias machistas, que o ano pasado se cobrou a vida de 93 mulleres e este ano co pouco que levamos, xa hai 72 mulleres asasinadas- temos que acabar co machismo en todos os seus ámbitos, incluíndo, como non, o laboral.
A este proxecto pódese sumar calquera organismo, empresa, colectivo ou asociación que o desexe sexa tanto no ámbito público como privado. Crearemos unha “Rede de espazos libre de machismo” a nivel estatal para que poidan contactar entre si e ir valorando a aplicación do mesmo.
Animámosvos a unirvos a este proxecto, no camiño de acadar que nos vosos centros de traballo a igualdade e o respecto entre todas e todos sexa unha realidade.