STEG ó día · Novas

DESMONTANDO A FALSA SUSTENTABILIDADE DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN
05-05-2025

DESMONTANDO A FALSA SUSTENTABILIDADE DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

STEG e organizacións ecoloxistas denuncian que Educación deixe en mans das enerxéticas a formación para a docencia da materia de Sustentabilidade na FP

 

A Fundación Naturgy impartiu a finais do curso pasado a formación do profesorado e elaborou os materiais  para o novo módulo dos ciclos de FP.
Este curso, a Consellaría de Educación encomendou á Fundación Repsol esta formación para o persoal docente.

 

A nova lei  orgánica de Formación Profesional aprobada en 2022 supuxo a incorporación de novos módulos formativos aos currículos de todos os ciclos de grao medio e superior. Un deles é o de Sustentabilidade aplicada ao sector produtivo, que segundo o RD que desenvolve a ordenación do sistema de FP, ten como obxectivo desenvolver no alumnado competencias básicas en economía verde, coñecemento do  impacto ambiental do ámbito no que vai traballar, e das modificacións da actividade requiridas pola transición ecolóxica plasmadas  nos plans de sustentabilidade das empresas.

Este novo módulo comezouse a impartir neste curso 2024/25, collendo por sorpresa a unha boa parte do profesorado, que se viu obrigado a preparar unha materia nova e para a que non sempre contaba con coñecementos e materiais. Para solventar esta eiva, a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades, e FP organizou a finais do curso pasado unha actividade de formación do profesorado, dúas edicións de 21 horas de duración en modalidade online e na que participaron arredor de 200 docentes nos meses de xuño e xullo de 2024.  O principal aliciente desta formación eran os materiais que se proporcionaban ao profesorado, toda unha guía para organizar a docencia, con apuntamentos e propostas de actividades. Un grande servizo á comunidade docente da formación profesional, afeita a ter que preparar en soidade e sen apenas apoios os seus materiais. Tanta xenerosidade resultaría sospeitosa, de non ser porque todo o pack do curso (tanto a elaboración dos materiais como a impartición e titorización da docencia) estivo a cargo da Fundación Naturgy, a raíz do convenio asinado pola fundación herdeira de Gas Natural co Ministerio de Educación.

Ao longo do actual ano lectivo, moitas foron as persoas docentes que botaron man destes materiais, apremiadas pola falta de tempo para prepararen con xeito as clases. A fin de contas, este novo módulo acabou por ser asignado, as máis das veces, ás e os substitutos ou interinas, afeitas a seren as últimas en chegar ao centro cada curso, obrigadas a reinvertarse de ano en ano, a preparar novos módulos. Outras moitas, malia as dificultades, optaron por empregar materiais propios para trasladar contidos máis acordes ao espírito orixinal do módulo. Mais, quen se atreve, desde un ciclo da familia profesional da Madeira, a criticar o modelo produtivo de Ence ou de Altri, cando estas empresas serán, con moita probabilidade, quen contratarán unha importante porcentaxe do alumnado na nova FP Dual?

A necesidade da industria das enerxías fósiles por limpar a súa imaxe e vestir de sustentábel o que non o é, vai da man da vontade, cada vez menos disimulada, da Consellaría de Educación por servir os intereses do mercado. Sustentabilidade será, pois,unha nova marca para maquillar prácticas de destrución do patrimonio natural e cultural, do mesmo xeito que a nova FP Dual tende a convertirse nun viveiro de man de obra barata.

Agora que o curso 2024/25 se encamiña ao seu fin, o departamento de formación do profesorado da Consellaría de Román Rodríguez vén de publicar unha nova oferta formativa relativa ao módulo de sustentabilidade. Neste caso, a encargada de impartilo e de trasladar os materiais ao corpo docente non ten nada que envexar en pegada de carbono á súa predecesora. Trátase, nesta ocasión, de Repsol, outra enerxética que, a través da súa fundación e do proxecto Zinkers, tenta blanquear o seu contributo ao cambio climático mediante a súa inclusión no ámbito da divulgación “verde”. 

 

As organizacións asinantes queremos denunciar que a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a deixar en mans de organizacións do ámbito das enerxías fósiles a formación da docencia nun módulo que tería que contribuír xustamente a unha mudanza activa nas prácticas produtivas dos sectores do país, tanto industriais como de servizos, e da concienciación do alumnado e da sociedade. Existen en Galicia numerosas entidades, consultoras ou grupos de investigación sobradamente preparados para impartir esta formación segundo unha concepción da sustentabilidade que permitiría contribuír aos compromisos de redución de emisións acadados nos acordos internacionais.

 

SINDICATO DE TRABALLADORAS DO ENSINO DE GALIZA (STEG)

FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA   (FEG)

ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA ECOLÓXICA DE GALIZA (ADEGA)

SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL (SGHN)

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza