Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

Éxito histórico da convocatoria de folga en defensa da lingua galega

Máis do 80% do profesorado secundou a folga convocada polo STEG. Ao redor de 60.000 persoas encheron dúas veces a Praza do Obradoiro.

Desde o STEG queremos agradecer a todo o profesorado, ao alumnado e ás nais e pais o apoio masivo á convocatoria de folga e manifestación que tivo lugar hoxe 21 de xaneiro en Compostela.

O éxito das mobilizacións confirma que a sociedade quere unha capacitación real e plena para o alumnado na lingua propia de Galiza polo que non pode rebaixarse a súa presenza no ensino.

Toda a comunidade educativa rexeita unhas bases que, de ir adiante, en lugar de evitar o fracaso escolar afondarían nel.

Desde o STEG facemos un chamamento ao presidente da Xunta de Galiza para que mude de postura e traslade ao titular da Consellaría de Educación a necesidade da retirada das bases. O que menos precisa o ensino galego é a creación de conflitos artificiais que só xeran problemas nos centros incidindo negativamente na aprendizaxe do noso alumnado. Unha Consellaría de Educación ten como obriga a elaboración de normas de mellora do ensino e debe actuar responsabelmente desistindo de promesas contrarias ao que a comunidade escolar e a sociedade en xeral queren.

Instamos á Consellería a que se poña a traballar eficazmente nos verdadeiros problemas do ensino e que abandone aventuras e experimentos co noso alumnado por puros intereses partidistas.

Se non escoita o clamor da comunidade escolar, demandando sentido común e traballo para solucionar os verdadeiros problemas do ensino, teremos que pensar que estamos ante uns xestores irresponsábeis que non merecen o cargo que ocupan. Neste sentido, desde o STEG, seguiremos a mobilizarnos para conseguir a retirada destas bases e así salvar ao ensino galego da peor proposta da súa historia.

 


Secretariado Nacional do STEG
xaneiro 2010