Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

STEG, CIG, CCOO e UXT abandonamos a Mesa Sectorial ante a negativa da Administración a negociar os aspectos máis relevantes recollidos no borrador de Decreto do plurilingüismo.

A postura da administración foi clara, xa se introduciron as modificacións que consideraban oportunas e non hai a máis mínima posibilidade de negociación.

Que esta Mesa era un simple “paripé” estaba claro desde o momento en que o borrador xa foi mandado, antes de pasar pola Mesa, aos membros do Consello Escolar de Galiza para que fixeran as súas achegas.

Ante esta situación, todas as organizacións sindicais agás ANPE, abandonamos a Mesa Sectorial.

Desde o STEG traballaremos, como sempre facemos naqueles temas que coincidimos, para conseguir unha unidade de acción sindical que nos leve a plantexar medidas de actuación conxuntas co fin de impedir a tramitación, ou no seu caso a aplicación, deste nefasto decreto.

A continuación recollemos a intervención do STEG na que lle formulamos a Administración cales eran os puntos fundamentais que desde o noso punto de vista tiñan que ser modificados no decreto:

Queremos comezar a nosa intervención amosando a nosa preocupación polas declaracións do Conselleiro desbotando practicamente a posibilidade de introducir variacións neste borrador ao cualificar de “non razoables” aquelas medidas que modifiquen aspectos fundamentais deste decreto, que para o STEG é o máis lesivo para os dereitos lingüísticos do noso alumnado e do conxunto da cidadanía deste pais. Malia isto, vimos aquí a expor “razoadamente” os aspectos esenciais que unha norma sobre a nosa lingua debe conter:

1. CONSENSO: coa lingua ningún partido nin goberno pode frivolizar impoñendo un discurso parcial e partidista que só fará dano ao conxunto da sociedade galega e en especial ao futuro da nosa lingua. Neste sentido demandamos que a elaboración dunha norma sobre o galego, neste momento, só pode partir do desenvolvemento do Plano de Normalización lingüística do 2004 tal e como demanda a RAG, ao ser o último consenso parlamentario sobre a lingua. Entendemos, xa que logo, que para a lexitimidade dunha norma para o galego no ensino debe contar como principio esencial que sexa unha norma que emane do Parlamento de Galiza co acordo unánime da cámara.

2. RETIRADA DA ESCOLLA VINCULANTE DAS FAMILIAS: partindo de que para o STEG a implicación da comunidade educativa é fundamental no desenvolvemento da vida escolar do alumnado rexeitamos de plano a introdución deste poder para as nais e pais, vulneradora dos dereitos do alumnado. Para o STEG é obriga da administración garantir a competencia lingüística do alumnado baseando a súa actuación en criterios lingüísticos, científicos e pedagóxicos. A filosofía demagóxica desta proposta afondará na desvalorización do profesorado e da súa autoridade xa que a suposta liberdade de familias e alumnado detraese da do profesorado desvalorizando a súa capacidade e formación. Xa que logo é unha demanda incuestionábel pola formación do alumnado e pola convivencia nos centros a retirada deste aspecto.

3. DISCRIMINACIÓN POSITIVA PARA O GALEGO NA CARGA HORARIA DAS MATERIAS: para o STEG a administración, cumprindo o estatuto de autonomía e a LNL debe garantir, cando non fomentar, o aumento da presenza actual do galego no ensino.
A proposta de tratar por igual ao que é desigual atenta contra os alicerces da democracia. Aplicada neste decreto adoece, ademais, de calquera fundamento pedagóxico e científico e vai en contra de todos os estudos de sociolingüística e das indicacións de institucións de recoñecido prestixio e mesmo de recomendacións europeas. A normalización ten como fin a igualdade do desigual, mais iso é a meta, non o principio. Si o situamos no principio nunca conseguiremos o obxectivo e estamos a lexislar un erro histórico para a cultura e o futuro de Galiza.
Ao mesmo tempo non se pode eliminar a liberdade do profesorado para colaborar, voluntaria e desinteresadamente, na tarefa normalizadora que ben facendo todos estes anos sen ningún recoñecemento. Neste sentido a proposta presentada supón un retroceso na liberdade do profesorado e un achegamento á prohibición máis acorde con outros rexímenes políticos non democráticos.
4. DETERMINACIÓN DA LINGUA INICIAL EN EI: para a aprendizaxe dunha lingua oficial é fundamental, desde o punto de vista pedagóxico, o seu contacto desde o inicio da escolarización. Neste sentido este decreto non garante a competencia lingüística do alumnado ao non introducir a presenza e uso do galego de forma clara na aula, en especial nas contornas onde o galego deixou de ser ambiental, polo que estamos impedindo ao alumnado de infantil un coñecemento mínimo e imprescindible para comezar coa competencia necesaria a etapa de primaria e, en última instancia, o dereito ao seu uso ás futuras xeracións.. Todo isto coa aspiración de sustentalo sobre os prexuízos lingüísticos existentes na nosa sociedade -unha das herdanzas máis tristes do franquismo- e coa cínica pretensión de presentalo como un exercicio de liberdade.

5. LINGUA DO ALUMNADO: a proposta que contempla o texto presentado é contrario a calquera principio pedagóxico para o ensino de linguas. Queremos saber como medirá esta consellaría a competencia lingüística dun alumnado que só terá que expresarse en galego na materia de galego, como se dunha lingua estranxeira se tratase. Non entendemos como se pode garantir o dominio dunha lingua por parte do alumnado se este non a emprega en ningún momento.

Non se pode por unha banda dicir que hai que revalorizar e prestixiar a función docente e ao mesmo tempo negar os criterios profesionais do profesorado, deixándoo sen autoridade diante do alumnado.

Versión en pdf para imprimir

Secretariado Nacional do STEG
marzo 2010