Diario Oficial de Galicia
xoves, 29 de abril de 1999
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Número do Dog:
81
Páxina do Dog:5.091
Data da Disposición:14 de abril
de 1999
Sección:I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Organismo:CONSELLERÍA DE
EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 14 de
abril de 1999 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de
bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia.
A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de
ordenación xeral do sistema educativo, dedica á educación das persoas
adultas o seu título III, e nos artigos 52 e 53 establece a competencia
das administracións educativas para promover medidas tendentes a
facilitarlle á persoa adulta a oportunidade de acceder ós niveis e graos
de ensinanzas da educación secundaria obrigatoria e das ensinanzas
postobrigatorias establecidas no sistema educativo. Todo isto coa
finalidade de que a persoa adulta poida logra-lo desenvolvemento persoal
e profesional que non acadou no seu día e que lle permitirá unha
promoción satisfactoria no mundo social e laboral.
Igualmente, nesta lei establécese que as persoas
adultas que desexen adquiri-los coñecementos equivalentes ó bacharelato e
á formación profesional específica poderán facelo en centros
ordinarios, sempre que estean en posesión da titulación requirida. Non
obstante, prevese tamén que estas persoas dispoñan dunha oferta
específica e organizada acorde coas súas condicións, necesidades e
intereses, que difiren, loxicamente, das motivacións e necesidades do
alumnado que cursa estes estudios dentro do réxime ordinario.
A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e
promoción de adultos da Comunidade Autónoma de Galicia, define no seu
artigo 11 a educación e promoción de adultos como un conxunto de accións
de carácter educativo, cultural, social e profesional orientado a lles
proporcionar a tódolos residentes no territorio da Comunidade Autónoma
galega que superaron a idade de escolaridade obrigatoria, o acceso, de
forma gratuíta e permanente, á súa formación persoal, así como a ámbitos
de formación ligados a niveis educativos superiores.
O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de
abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de
educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros na
Comunidade Autónoma de Galicia, establece que as ensinanzas deberán
desenvolverse para as persoas adultas desde a formación inicial ata o
acceso á universidade e terán como finalidade a adquisición dunha
formación básica que facilite a transición da persoa adulta á vida
activa, á promoción e recualificación laboral, así como á súa
orientación e preparación para acceso ós estudios superiores.
Reguladas e adaptadas as ensinanzas básicas
iniciais nos seus diferentes niveis, que van desde a adquisición de
coñecementos instrumentais básicos
ata as ensinanzas conducentes ó título de graduado
en educación secundaria, pola Orde do 26 de maio de 1997, Diario
Oficial de Galicia do 15 de xullo, é necesario agora regula-las
ensinanzas postobrigatorias e darlle así continuidade ó proceso
formativo iniciado. En consecuencia, cómpre adaptar a este tipo de
alumnado as ensinanzas de bacharelato establecidas no Decreto 275/1994,
do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na
Comunidade Autónoma de Galicia. Así, nesta orde introdúcense
determinadas modificacións na organización desta etapa educativa,
adecuando a súa organización ás características do alumnado adulto,
ligadas a condicións laborais, situacións de responsabilidade familiar,
tempo dispoñible para dedicarse ás tarefas educativas.
En atención ás peculiaridades das persoas ás que
está dirixida a oferta das ensinanzas de bacharelato no réxime que
establece esta orde, posibilítase un modelo organizativo que permita
adapta-la permanencia nestas ensinanzas e cursalas segundo o establecido
con carácter xeral ou en función das propias necesidades e
posibilidades, no marco dun horario específico para a impartición destas
ensinanzas.
En consecuencia co anteriormente exposto e en
virtude das atribucións conferidas pola disposición adicional segunda do
Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do
bacharelato na Comunidade Autónoma e pola disposición derradeira
primeira do Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a
ordenación xeral das ensinanzas de educación das persoas adultas e os
requisitos mínimos dos centros, a Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria
DISPÓN:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta orde é a regulamentación e
organización das ensinanzas de bacharelato establecidas na Lei orgánica
1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, de
xeito que poidan acceder a elas as persoas adultas e, en consecuencia,
adquiri-los coñecementos necesarios para obte-lo título de bacharelato.
Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.
Esta orde será de aplicación nos centros
educativos públicos que a Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria determine e naqueles centros privados autorizados para
implanta-las ensinanzas do bacharelato para as persoas adultas.
Artigo 3º.-Destinatarios.
Poderán acceder ás ensinanzas do bacharelato para
as persoas adultas, en calquera das súas modalidades, as persoas que,
ademais de calquera dos
requisitos académicos establecidos no artigo 8º
desta orde, reúnan os requisitos de idade que se determinan:
a) Con carácter xeral, ter cumpridos dezaoito anos
ou cumprilos no ano natural no que comeza o curso escolar.
b) Excepcionalmente, e en cumprimento do artigo
10º do Decreto 87/1995, do 10 de marzo, a delegación provincial que
corresponda, e logo do informe da Inspección Educativa, poderá
autoriza-lo acceso a estas ensinanzas daquelas persoas que, con menos de
dezaoito anos e a partir de dezaseis, no momento de realiza-la
matrícula, acrediten a súa condición de traballadores ou encontrarse en
circunstancias excepcionais que lles impidan realiza-los estudios de
bacharelato polo réxime ordinario.
Capítulo II
Organización académica das ensinanzas de
bacharelato para persoas adultas
Artigo 4º
1. As ensinanzas do bacharelato para as persoas
adultas configúranse coa ordenación establecida con carácter xeral para o
réxime ordinario no Decreto 275/1994, do 29 de xullo. En consecuencia,
estas ensinanzas comprenderán dous anos académicos e organizaranse en
modalidades.
2. Dadas as condicións, necesidades e intereses
das persoas adultas, as ensinanzas do bacharelato poderán impartirse,
con carácter xeral, entre as dezaseis horas e as vintedúas horas, de
luns a venres. En todo caso, o horario deberá adaptarse ó establecido no
anexo I desta orde e os períodos lectivos non poderán ser inferiores a
cincuenta minutos.
3. Para o establecemento do horario teranse en
conta as necesidades específicas dos alumnos e alumnas que desexen
cursar estas ensinanzas.
Capítulo III
Autorización de centros e modalidades do
bacharelato
Artigo 5º
As ensinanzas de bacharelato para as persoas
adultas impartiranse naqueles centros e modalidades que autorice a
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos termos que se
establecen neste artigo:
1. Cando as circunstancias persoais, sociais e
laborais dun número suficiente de alumnos o requiran, poderán impartir
bacharelato para persoas adultas nas modalidades que en cada caso se
determinen os centros que sexan expresamente autorizados pola Dirección
Xeral de Centros e Inspección Educativa, por proposta da Dirección Xeral
de Ordenación Educativa e Formación Profesional.
2. A modalidade ou modalidades de bacharelato que
un centro poida impartir neste réxime de ensinanzas para as persoas
adultas estarán comprendidas entre as que, con carácter xeral, teña
autorizadas cada centro para as ensinanzas de bacharelato de réxime
ordinario.
Artigo 6º
Os centros privados poderán ser autorizados para
impartir estas ensinanzas pola Dirección Xeral de Centros e Inspección
Educativa, por instancia do titular do centro perante o delegado
provincial correspondente, segundo prevé a disposición derradeira
primeira do Decreto 133/1995, do 10 de maio, (DOG do 22 de maio), sobre a
autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime
xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15
de decembro) pola que se desenvolve este decreto.
Artigo 7º
Na autorización deberán consta-las modalidades de
bacharelato e o número de grupos que poden establecerse.
Capítulo IV
Acceso dos alumnos e alumnas
Artigo 8º
1. Poderán acceder ás ensinanzas de bacharelato
para persoas adultas os alumnos e alumnas que reúnan os requisitos de
idade establecidos no artigo 3º desta orde e calquera dos requisitos
académicos que se sinalan:
a) Posuí-lo título de graduado en educación
secundaria.
b) Ter superados os estudios do primeiro ciclo do
programa experimental de reforma das ensinanzas medias (REM).
c) Posuí-lo título de técnico auxiliar de
formación profesional de primeiro grao.
d) Ter aprobado o segundo curso do bacharelato
unificado e polivalente ou, como máximo, con dúas materias non
superadas.
e) Ter superados os cursos comúns dos estudios de
artes aplicadas e oficios artísticos.
f) Estar en posesión do título de técnico
correspondente á formación profesional específica de grao medio.
2. Os alumnos que accedan ó bacharelato desde os
ciclos formativos de grao medio e desexen validar algunha das materias
cursadas, deberanlle solicitar á dirección do centro educativo a
correspondente validación, quen resolverá á vista da certificación
académica dos estudios realizados e do establecido nos reais decretos
dos correspondentes títulos.
Capítulo V
Matrícula
Artigo 9º
O alumnado que desexe cursa-las ensinanzas de
bacharelato para as persoas adultas deberá someterse ó procedemento e
prazos establecidos con carácter xeral para a admisión de alumnos en
bacharelato e deberá formalizar unha única matrícula nun único centro.
Artigo 10º
Logo de admitido, o alumnado poderá solicita-la
formalización da súa matrícula adecuando o itinerario formativo ás súas
características e necesidades, polo que poderá optar por calquera das
dúas opcións que se sinalan:
1. Por curso completo e para unha das modalidades
do bacharelato.
2. Por materias e para unha das modalidades do
bacharelato.
2.1. Cando a organización do centro así o permita,
o alumnado poderá ser avaliado de materias tanto pertencentes ó
primeiro como ó segundo curso, agás naquelas materias que se imparten
con idéntica denominación en ámbolos dous cursos ou que teñen contidos
total ou parcialmente progresivos -física ou química de segundo con
relación a física e química de primeiro; e bioloxía ou xeoloxía de
segundo, con relación a bioloxía e xeoloxía de primeiro-, por estar
supeditada a avaliación do segundo curso á cualificación positiva da
materia de primeiro.
2.2. O alumnado poderá conforma-lo seu propio
itinerario académico, que poderá resultar diferente dos establecidos no
anexo II para cada modalidade. En todo caso, respectarase a modalidade
elixida.
2.3. O alumnado non poderá supera-la carga lectiva
semanal de 32 horas prevista para estas ensinanzas nun curso completo,
segundo se establece no anexo I.
Artigo 11º
Con carácter excepcional e coa finalidade de
facilitarlles ás persoas adultas a permanencia no ensino de bacharelato,
cando se estea seguindo estudios presenciais nestas ensinanzas e se
dean circunstancias que impidan asistir a algunhas materias, logo do
informe da Inspección Educativa, a delegación provincial que corresponda
poderá autoriza-la matrícula en réximes distintos - ordinario e a
distancia-.
Capítulo VI
Permanencia
Artigo 12º
1. Os alumnos que cursen as ensinanzas de
bacharelato para as persoas adultas poderán permanecer durante seis anos
académicos cursando en réxime presencial estas ensinanzas. Para estes
efectos non
serán computables os anos de escolarización no
réxime ordinario.
2. No caso de que un alumno esgote o prazo de
permanencia establecido para o ensino en réxime presencial, poderá
continua-los estudios de bacharelato polo réxime de ensino a distancia
ata rematar estas ensinanzas, segundo o establecido no artigo 31 do
Decreto 88/1999.
3. Coa finalidade de non esgota-los anos previstos
no punto 1 deste artigo, os alumnos poderán solicita-la anulación da
matrícula ó director do centro, antes de remata-lo mes de abril, cando
concorran circunstancias de enfermidade prolongada de carácter físico ou
psíquico, prestación do servicio militar ou servicio social
substitutorio, incorporación a un posto de traballo ou obrigas de tipo
familiar que impidan a asistencia regular ás clases.
Capítulo VII
Avaliación e promoción
Artigo 13º
Para a avaliación das aprendizaxes das persoas
adultas que cursan ensinanzas de bacharelato e a prelación entre
materias, estarase suxeito ó disposto nas normas que regulan esas
ensinanzas con carácter xeral e na Orde do 1 de marzo de 1995, pola que
se regula a avaliación e cualificación dos alumnos e alumnas que cursan
estas ensinanzas, así como os criterios seguintes:
1. O proceso de avaliación continua das persoas
adultas require a súa asistencia regular ás clases e ás actividades
programadas para as distintas materias do currículo. De non cumprirse
esta norma perderase o dereito á avaliación continua.
2. O referente para avalia-las aprendizaxes dos
alumnos e alumnas serán os obxectivos educativos de cada unha das
materias, así como os criterios de avaliación que, para cada materia,
estableza o proxecto curricular do centro. Este proxecto deberá
axustarse ó establecido no Decreto 275/1994, do 29 de xullo.
3. Realizaranse, como mínimo, tres avaliacións de
carácter formativo durante o curso. Rematado o período lectivo, e
coincidindo coa sesión da última avaliación, procederase á realización
da avaliación final do alumnado, considerando os criterios de avaliación
establecidos no proxecto curricular de centro, así como á valoración
global das aprendizaxes e a madurez académica en relación cos obxectivos
xerais desta etapa educativa.
4. Aqueles alumnos e alumnas que non superaron
tódalas materias na avaliación final ordinaria poderán realiza-las
probas extraordinarias que se leven a cabo para supera-las disciplinas
nas que non obtiveran cualificación positiva.
5. As materias nas que o alumnado obteña
cualificación positiva consideraranse definitivamente superadas. A este
respecto, os alumnos e as alumnas
que se incorporen ós estudios de bacharelato para
as persoas adultas procedentes doutras comunidades autónomas, para
obte-lo título de bacharelato, deberán completa-lo número de materias
comúns, propias de modalidade e optativas que correspondan á modalidade e
opción elixida.
Artigo 14º
No caso dos alumnos que opten por matricularse por
curso completo, para a promoción do curso primeiro ó segundo será
preciso que o alumno supere tódalas materias, con dúas excepcións como
máximo. No caso de non poder promocionar do primeiro ó segundo curso por
ter máis de dúas materias suspensas poderá realiza-la matrícula por
materias independentes sen supera-la carga lectiva establecida no artigo
10º punto 2.3.
Artigo 15º
Para as posibles reclamacións sobre as
cualificacións das convocatorias de xuño e setembro haberá que aterse ó
disposto no regulamentado para as ensinanzas do bacharelato de réxime
ordinario.
Capítulo VIII
Documentos de avaliación
Artigo 16º
Os documentos básicos de avaliación son os
establecidos pola Orde do 1 de marzo de 1995, pola que se regula a
avaliación e a cualificación dos alumnos e das alumnas que cursan o
bacharelato (Diario Oficial de Galicia do 9 de maio).
Artigo 17º
No que atinxe ó libro de cualificacións do
bacharelato rexerá o disposto no artigo 14º da Orde do 1 de marzo
(Diario Oficial de Galicia do 9 de maio de 1995), coa excepción do punto
2, que queda redactado da forma seguinte: «No libro de cualificacións
recolleranse, se é o caso, a información referida ós cambios de centro,
modalidade e materias superadas, así como a renuncia á matrícula e/ou
solicitude, por parte do alumno, de expedición do título correspondente,
unha vez superadas tódalas materias».
Artigo 18º
A cobertura dos documentos básicos de avaliación
axustarase ás instruccións que a Dirección Xeral de Ordenación Educativa
e Formación Profesional dea para o efecto.
Capítulo IX
Titulación de bacharelato
Artigo 19º
1. De acordo co establecido no artigo 27 do
Decreto 275/1994, do 29 de xullo, os alumnos e alumnas que acadaran
avaliación positiva en tódalas materias poderán recibi-lo título de
bacharelato.
2. O título de bacharelato será único e no seu
texto deberá consta-la modalidade cursada e a cualificación media
obtida.
3. En consecuencia co establecido no artigo
anterior, para obte-lo título de bacharelato, os alumnos que realizaron a
matrícula por materias deberán ter superado as materias comúns, seis
materias propias dunha modalidade e tres materias optativas.
4. O centro educativo, no que os alumnos ou
alumnas finalicen os seus estudios de bacharelato para as persoas
adultas, proporaos para a obtención do título de bacharelato de acordo
co que se establece na norma que regula a obtención e expedición dos
títulos non universitarios.
Capítulo X
Mobilidade entre os diversos réximes de ensinanzas
de bacharelato
Artigo 20º
As persoas adultas poderán incorporarse desde o
réxime presencial establecido nesta orde para o bacharelato a calquera
outro réxime destas ensinanzas. Así mesmo, poderán incorporarse
procedentes de calquera outro réxime ó réxime presencial establecido
nesta orde, respectando en todo caso as condicións seguintes:
1. Ós alumnos que se incorporen ó bacharelato
procedentes do sistema ordinario, o primeiro ano que se matriculen
nestas ensinanzas para as persoas adultas seranlles de aplicación o
artigo 6 e o artigo 7 da Orde do 1 de marzo de 1995, Diario Oficial de
Galicia do 9 de maio.
2. Os alumnos procedentes do bacharelato no réxime
de educación a distancia conservarán as cualificacións das materias
superadas.
3. No caso de que non se imparta no centro algunha
materia propia de modalidade ou optativa que o alumno tivera avaliada
negativamente no réxime de escolarización do que procede, deberá
substituíla por outra equivalente das que aparecen no anexo II desta
orde.
4. Os alumnos que desde as ensinanzas de adultos
se incorporen ó sistema ordinario farano nas condicións de promoción
deste último, establecidas na Orde do 1 de marzo de 1995, Diario Oficial
de Galicia do 9 de maio. En todo caso, no primeiro ano, non será
necesario volver a cursa-las materias aprobadas.
5. No expediente académico e no libro de
cualificacións do alumno redactarase dilixencia, asinada polo secretario
e visada polo director, que se faga constar que o alumno efectuou o
cambio de modalidade de ensino de acordo co previsto nesta orde.
Disposición adicional
Única.-Para aqueles aspectos non regulamentados
nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 275/1994,
do 29 de xullo, na Orde do 1 de marzo de 1995 e na
normativa que os desenvolva.
Disposición derrogatoria única
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou
inferior rango que se opoñan ó disposto nesta orde.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de
Ordenación Educativa e Formación Profesional e a Dirección Xeral de
Centros e Inspección Educativa a dicta-las instruccións precisas para a
aplicación desta orde.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día
seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de abril de 1999.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria
Directores Xerais de Centros e Inspección
Educativa, e de Ordenación Educativa e Formación Profesional.
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga@xunta.es