SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES
DO ENSINO DE GALICIA | |
![]() ![]() |
O
MEC DESPRECIA AS PROPOSTAS PARA MELLORAR A NOVA LEI Na xuntanza da Mesa Sectorial celebrada o 13 de xuño en Madrid, o Ministerio de Educación informou ás organizacións sindicais das modificacións que introduciron no anteproxecto de Lei Orgánica de Educación (LOE) tras o debate realizado e as propostas que recibiron das distintas organizacións da comunidade educativa. A xuntanza foi decepciónante e frustrante, dado que apenas se admitiron propostas, a pesar de que foron numerosas as aportacións. Entre as propostas admitidas, presentadas pola Confederación de STEs-intersindical da que o STEG forma parte, destacamos a ampliación dos estudos de Filosofía, que se impartirá en todos os bacharelatos, así como a recuperación da Ética en 4º de Secundaria, a contratación de persoal técnico tamén para o segundo ciclo de Infantil , e nada mais que se poda cualificar de significativo. Outras propostas admitidas, foron a retirada do Art. 130 (necesidade de ter 5 años de antigüidade para poder optar á dirección cando se cambia de corpo docente); en 1º, 2º e 3º da ESO (art. 24,2) procesos tecnolóxicos e informáticos substitúense por Tecnoloxía; en 4º da ESO (art. 25,1) educación para a cidadanía pasa a chamarse educación ético-cívica e algunha outra referente basicamente a temas de redacción. Non se aceptaron propostas clave das aprobadas no Consello Escolar do Estado. Isto supón, e así llo fixemos saber ao Subsecretario nas nosas intervencións, que o "talante" do que tanto se presumiu nesta Mesa e fora da mesma é só unha palabra e que se desprezou o traballo realizado polo conxunto de organizacións e órganos de participación. Manifestamos tamén que, mantendo o texto tal e como nos informaron, teñen asegurada a oposición do STEG a este proxecto de Lei, pois non se recolleron aportacións fundamentais (potenciación da escola pública, diminución das ratios, elección democrática dos cargos directivos, discriminacións salariais ao profesorado, medidas concretas para previr o fracaso escolar en Primaria, mantemento da carga horaria de determinadas materias en Secundaria, o acceso diferenciado para o profesorado interino, o recoñecemento das enfermidades profesionais, a redución do horario lectivo aos maiores de 55 años ), nin se pensa aportar os medios económicos necesarios para mellorar a calidade do sistema, xa que coa memoria económica presentada só se eleva a porcentaxe do PIB destinado a educación nun 0'2%, o que nos deixa lonxe da media da UE e sen posibilidade de superar as demoras históricas que temos. Ao mesmo tempo, poténciase o transvase de diñeiro da escola pública á privada, ao non presupostarse ningunha cantidade para os concertos aos estudos non obrigatorios que se permitirán con esta lei. Desde o STEG esperamos que no debate parlamentario se acepten propostas dos partidos de cuxo consenso depende a aprobación desta Lei e que, neste proceso, se acepten as propostas que seguiremos propoñendo para a mellora da escola pública e para a mellora das condicións de traballo dos traballadores do ensino público e privada. Esperamos que esta bofetada,
pois non se pode cualificar de outra maneira o desprezo que supón a nula
aceptación de propostas do conxunto de organizacións, sirva para
animar a necesaria mobilización da comunidade educativa e para quitar a
algunhas organizacións do letargo en que semellan terse sumido. |