Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

Mesa do 6 de abril de 2010

Revisión dos borradores definitivos dos ROCs de EOIs e Conservatorios e novos artigos sobre os equipos de normalización.

Na mesa sectorial de hoxe revisáronse os borradores definitivos dos ROCs de EOIs e Conservatorios nos que, supostamente, deberían terse incluído as demandas aceptadas nas anteriores mesas sectoriais. Comprobamos que, nalgúns casos, a administración non incluíra achegas que foran aceptadas, ademais de novas redaccións de artigos que seguimos a rexeitar.

Entre as cuestións de máis disenso nesta mesa, compre destacar a desaparición da coordinación de formación (pasa ás funcións da vicedirección, pero esta figura non existe nas EOIs de menos de 750 alumna/os), a proposta de substitución de cargos directivos e especialmente que as substitucións de membros de equipos directivos, xefaturas de departamento... non se lles recoñeza ningún dereito administrativo nin económico.

No referente ao novo articulado sobre os equipos de normalización lingüística a impermeabilidade da Consellería ante as nosas proposta foi a habitual que veñen mantendo no tema da lingua galega.

Ningunha das propostas foi aceptada agás que estudarán o incremento do profesorado nos novos equipos de “dinamización”.

As propostas presentadas polo STEG foron as seguintes:

EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DE LÍNGUA GALEGA.- Solicitamos o cambio de nome por equipos de normalización e dinamización de lingua galega.

COMPETENCIAS.- Propoñemos que sexan as competencias que estaban no antigo ROC, xa que hai puntos (o 2 e o 3) que non aparecen e que o que fan é concretar o traballo a realizar por estes equipos.

No punto C solicitamos que os equipos dispoñan dun orzamento fixo, desde principio de curso, e que non dependan das subvencións de política lingüística.

En ROGOS e PREGUNTAS, tratáronse os seguintes temas:

- Postura do Consellaría ante a desaparición da posibilidade de renuncia á resolución provisional recollida no borrador de RD de Concurso Xeral de Traslados. Están a favor de eliminar esta posibilidade aínda que nos concursos nacionais poderían incluíla se hai unha postura clara nese sentido pola parte sindical.

- Demanda de abrir negociacións co fin de incrementar as gratificacións da xubilación LOE. Non negociaran nada que implique un incremento dos gastos da Consellaría.

- Temporalización dos decretos e ordes dos ROCs. Teñen previsto que os decretos e as súas correspondentes ordes pasen pola Mesa no que queda de curso.

- Salientouse unha vez máis o problema que esta a pasar co profesorado itinerante na provincia de Pontevedra por unha mala interpretación do acordo do Xefe Territorial. Non responderon

- Por outra banda deixamos constancia da nosa queixa, aínda que xa o presentáramos oralmente e por escrito antes de semana santa, sobre a non cobertura das baixas nos días anteriores ás vacacións de Semana Santa.



Secretariado Nacional STEG
Abril de 2010