Tras anos de negarse a Consellaría de Educación a negociar calquera mellora do ensino público galego, en setembro 2023 consultamos á nosa afiliación a conveniencia de planificar mobilizacións e de facelo dende a unidade sindical. O 90% das afiliadas considerou que debiamos planificar mobilizacións e o 98% confirmou que debemos facelo dende a unidade sindical.
Na mesa sectorial convocada de urxencia para primeiros de outubro, a Consellaría presentou unha primeira proposta que so cabe calificar coma unha tomadura de pelo. Tras unhas insuficientes modificacións da proposta inicial, as organizacións sindicais CC.OO. UXT e ANPE asinaron coa administración o "acordo da miseria" que renuncia, a cambio dunha miseria, á recuperación dos dereitos laborais perdidos durante a crise financieira de 2008.
Dende o STEG manifestamos o noso rexeitamento do acordo da miseria e das actuacións sindicais en solitario, reunímonos coas organizacións sindicais representativas do profesorado que, ao igual que nós, rexeitaron este acordo (CIG e CSIF) e acordamos centrar as nosas reivindicacións, dende a unidade sindical, en 4 eixes irrenunciabeis:
• Recuperación dos horarios de 18 e 21 horas lectivas nun máximo de 2 cursos
• Redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
• Aplicación de medidas inmediatas (curso 2024/25) para a redución da burocracia: aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e titoría e
aumento de persoal administrativo .
• Reparto lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.
Aparte destes 4 eixes comúns, dende o STEG reclamamos que o persoal interino e substituto que traballe máis de 5 meses e medio cobre o verán en igualdade de condicións co resto do profesorado, que se recupere a plena presencialidade na FP que se perdeu o curso pasado e que se adapte a burocracia á singularidade dos CRA e das escolas unitarias
No marco desta fronte común de STEG, CIG e CSIF en prol da mellora do ensino público e da recuperación dos dereitos laborais perdidos e contra o acordo da miseria, fixemos un CHAMAMENTO Á FOLGA NO ENSINO o 24 de outubro cunha concentración en Compostela, a cal contou cunha participación masiva do profesorado coma sinalan varios medios de comunicación
Tras a masiva participación na folga e na concentración do 24 de outubro, quedou claro que a meirande parte do profesorado galego rexeita o acordo da miseria e está comprometido coa loita pola mellora do ensino público e pola recuperación dos dereitos laborais recortados nos últimos 12 anos.
A Consellaría ten agora a palabra: ou rectifica e abre negociacións para superar o acordo da miseria ou estará dicíndolle ao profesorado que desatende as súas demandas e que só queda a vía da mobilización para recuperarmos os nosos dereitos