Un acto reivindicativo por unha escola laica, reunirá en Madrid a organizacións educativas, parlamentarios e personalidades do mundo da cultura, o 24 de Novembro.
As organizacións que impulsan a campaña "Por unha sociedade laica, a relixión fóra da escola", co apoio de parlamentarios e personalidades do mundo da cultura, celebrarán un acto reivindicativo en Madrid, no que pedirán ao Goberno que non ceda ante a intensa campaña que está a desenvolver a Igrexa Católica, coa finalidade de preservar os seus históricos privilexios na Escola e en diversos ámbitos do Estado.
Estas organizacións lembran que a Constitución estabelece un Estado non confesional, polo que esixen que a relixión se retire do currículo escolar, así como a derrogación dos acordos co Vaticano, que non se pague o adoutrinamento relixioso con diñeiro público e que se defenda un ensino científico e humanístico, onde non se segregue a ningún alumno como consecuencia das súas crenzas...
Estas organizacións avogan por un modelo de escola laica, que eduque sen dogmas, en valores humanistas e universais, na pluralidade e no respecto aos dereitos humanos, na asunción da diferenza e da diversidade, e nos valores éticos, non sexistas e democráticos. Queren unha escola onde se sintan cómodos tanto os non crentes, coma os crentes das diversas relixións e crenzas.
Este acto enmárcase dentro da campaña "Por unha sociedade laica, a relixión fóra da escola", que impulsan en todo o Estado a principal confederación de APAS (CEAPA), as organizacións máis representativas de estudantes e do profesorado e distintas organizacións políticas, sociais e laicistas, nun momento decisivo, tras a presentación por parte do Goberno dun borrador de nova lei de Educación.
Apoian esta campaña Rosa Regás, Almudena Grandes, Lucia Etxebarría, José Luis Sampedro, Vicente Aranda, Maruja Torres e outras personalidades do mundo da cultura, algunhas das cales asistirán ao acto, xunto a varios parlamentarios e representantes das organizacións que impulsan esta campaña.
Mércores 24 de novembro, ás 19:00
Hotel Suecia - C/ Marqués de Casa Riera, 4
Ao lado do Círculo de Belas Artes e do Congreso dos Deputados - Madrid
Organizacións que impulsan a campaña "Por unha sociedade laica, a relixión fóra da escola": CEAPA, Sindicato de Estudiantes, STES-i, Esquerda Unida, Europa Laica, CGT, Confederación Estatal de MRP´s, Federación de Asociacións de Estudantes, Federación Estatal de Gays e Lesbianas, SOS Racismo, PCE, Mocidades Comunistas, Esquerda Republicana, Unidade Cívica pola República, Foro pola Educación Pública, Lliga per a Laïcitat de Catalunya; Asociación Pi i Margall pola Educación Pública e Laica, Andalucía Laica, Asociación Galileo de Úbeda, Asociación Escola Laica de Albacete, Colectivo Escola Laica de Zaragoza, Foro Cidadán da Rexión de Murcia, Federación Rexional de Asociacións de Viciños de Madrid, Clube de Amigos da UNESCO de Madrid, Non Nos Resignamos, Asociación Manuel Azaña, Mais Democracia e Espazo Alternativo.
Máis información:
Santiago Dosal Ariza
Gabinete de prensa de CEAPA
917014710 prensa@ceapa.es