A CARTA DOS BISPOS,
UNHA NOVA PRESIÓN CONTRA A OPINIÓN MAIORITARIA

No curso da campaña que, individual e conxuntamente con outras organizacións, o STEG leva a cabo contra a materia de Sociedade, Cultura e Relixión, que na práctica significa relixión obrigatoria no Ensino -campaña que non se debe entender contra a relixión nin contra as relixións-, puidemos comprobar ata que punto a opinión maioritaria da comunidade educativa non cadra coa que os bispos da comisión de ensino e catequese dan a entender que difundirán na carta na que van convidar ás familias a solicitaren clase de relixión nos centros.
A preocupación episcopal para que as familias escollan a clase de relixión para os seus fillos e fillas -no mes de Abril, cando aínda resta medio ano para o comezo do vindeiro curso-, non pode interpretarse máis que como unha nova presión exercida neste caso ante un Goberno que vén de tomar posesión e que se presentou ás eleccións co compromiso de non levar adiante as reaccionarias reformas que neste e outros terreos introducía a LOCE.
A proxectada imposición da materia de relixión para todo o alumnado, o espantoso currículo da opción supostamente non confesional e o retorno ao carácter avaliable destas materias provocaron alarma na sociedade, ata o punto de que son xa abondosos os recursos pendentes ante o Tribunal Supremo por este motivo, entre eles o interposto por STEs-intersindical. Os precedentes de fallos anteriores fan supor que se deberá de impor a lóxica propia dun Estado aconfesional, onde non se debe confundir o ensino co adoutrinamento nin os valores democráticos de toda a sociedade coas crenzas das distintas confesións relixiosas.