A MATERIA DE Sociedade, Cultura e Relixión (SCR):
UN DEBATE SOCIAL

Perante a polémica suscitada como consecuencia da introdución da materia de SCR dentro do noso sistema educativo coa opción de cursala nas súas vertentes confesional ou non-confesional, penso que pode resultar de interese facer unha pequena reflexión de carácter xurídico que ofreza outro punto de vista no debate.

Na miña opinión, o punto de partida da reflexión debe de se situar en dúas cuestións: 1ª. Permite o noso sistema xurídico inserir o ensino relixioso no seo da escola pública?; 2ª. Para o caso en que a resposta ao interrogante anterior sexa afirmativa, permite que se insira no sistema educativo cos caracteres cos que se introduciu?, isto é, permite que se configure como unha disciplina curricular, obrigatoria e avaliábel?

Para dar resposta a estas cuestións é preciso acudir á literalidade da nosa normativa vixente. O artigo 27.3 da Constitución española afirma que "os poderes públicos garantirán o dereito que asiste aos pais para que os seus fillos reciban formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias convicións". Mais o certo é que en momento ningún estabelece a obrigatoriedade da formación relixiosa; e non é o mesmo recoñecer un dereito que estabelecer unha obriga.

No artigo 2.1.c) da Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa sinala (entre outros dereitos derivados da liberdade relixiosa), o dereito a "...elixir para si, e para os menores non emancipados e incapacitados, baixo a súa dependecia, dentro e fóra do ámbito escolar, a educación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias convicións". Isto é, dereito á educación relixiosa tamén no ámbito escolar, mais sen a obriga de recibila; e subliño que se refire textualmente ao "ámbito escolar", e non ao "sistema educativo", que é cousa moi diferente.

O artigo II do Acordo celebrado coa Igrexa Católica sobre ensino e asuntos culturais, dispón que "Os planos educativos... incluirán o ensino da Relixión Católica en todos os Centros de Educación, en condicións equiparábeis ás demais disciplinas fundamentais". E segue "...non terá carácter obrigatorio" e que "...recibilo ou non, non ha de supoñer discriminación na actividade escolar". Enfin, afirma que o ensino da relixión se debe levar a cabo en condicións equiparábeis, mais non en condicións iguais, pois ao afirmar o seu carácter non obrigatorio fai difícil que se iguale de xeito absoluto ao resto das materias, que si teñen carácter obrigatorio.

Finalmente, os respectivos artigos 10.4 dos Acordos celebrados coas Comunidades Islámica e Israelita e as Igrexas Evanxélicas, dispoñen que "Os centros docentes públicos e privados concertados... deberán facilitar os locais axeitados para o exercicio de aquel dereito (refírese ao ensino relixioso) en harmonía con (no acordo coa Igrexa evanxélica) ou sen que poida prexudicar (nos acordos coas comunidades islámicas e israelitas) o desenvolvemento das actividades lectivas". Isto é, facilitar locais e que non entre en colisión coas actividades lectivas, pero sen pretender un inserimento no sistema educativo.

Da normativa transcrita, efectivamente semella derivarse a intención do lexislador para que o ensino da relixión estea, de algún xeito, presente na escola; polo tanto, responderiamos afirmativamente ao primeiro interrogante proposto. Mais, como debe de estar? (sempre que se opte en prol de que estea, pois isto tampouco ven imposto por norma ningunha das citadas).

Son dous os sistemas que, xeralmente, se empregan desde o punto de vista xurídico: o sistema de integración orgánica, que supón o incardinamento do ensino relixioso dentro do sistema educativo; e o sistema de libre acceso que, situado no ámbito escolar, permite o uso das instalacións públicas fóra de horario lectivo para impartir este tipo de ensinanza. Curiosamente semella que, nun principio, se pretendese unha aproximación ao sistema de integración orgánica para o caso da Igrexa católica, optando decididamente polo de libre acceso para os casos das outras confesións.

Os nosos lexisladores elixiron, sen reservas, o sistema de integración orgánica, tratando de inserir o ensino relixioso dentro do sistema educativo. Isto xa suscita certas dúbidas, pois a Constitución recoñece un dereito, mais non estableceu ningunha obriga de recibir ensino relixioso. E o lexislador tivo que realizar a introdución do ensino relixioso dentro do sistema educativo facendo equilibrios xurídicos; porque, ademais das dúbidas que suscita o noso texto constitucional, tanto no Acordo coa Santa Sé como nas normas educativas de desenvolvemento, partiuse do principio de "non obrigatoriedade do ensino relixioso".

O que quere dicir isto? Na miña opinión a resposta é moi simple: ao non poder facela obrigatoria, había que ofrecer unha materia alternativa; e, para iso, había que crear unha Área ou materia obrigatoria que permitise exercer a opción. Isto é, por vía indirecta faise obrigatorio o ensino relixioso confesional, pois o alumnado ten de optar, non por recibir ou non recibir ensino relixioso dentro do sistema educativo, senón por recibir un ou outro tipo de ensino relixioso.

Alén disto, fíxose de xeito moi curioso: na Lei de Calidade, nos seus artigos 16 e 23 relaciónanse as disciplinas que se impartirán, respectivamente, na Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria, e, na enumeración que ofrecen non figura a materia de SCR, senón que despois, en parágrafo aparte, dise que "así mesmo cursarase de acordo co disposto na Disposición Adicional 2ª, (a área de) a materia SCR". Por que non se introduce na enumeración e co mesmo rango que o resto das materias? Poida que as cousas se queiran facer devagar e con discreción.

Posteriormente, nos Reais Decretos de 23 de xaneiro de 2004 que estabelecen o currículo da Educación Primaira e Secundaria Obrigatoria, nos seus artigos 5 e 6 respectivamente, xa aparece recollida como materia de pleno dereito entre as enumeradas, e non en parágrafo aparte como sucedía na Lei de Calidade. É curiosa, polo demais, a terminoloxía que empregan as Disposicións Adicionais 1ª de ambos os Reais Decretos ao estabeleceren, no seu nº 5, que "a opción non confesional será obrigatoria para os alumnos que non cursen a opción confesional"; a sensu contrario "a opción confesional será obrigatoria para os alumnos que non cursen a opción non-confesional". Con isto, penso, ponse seriamente en suspenso o carácter non obrigatorio da opción confesional, isto é, estamos facendo xogos de palabras para disfrazar unha realidade: a obrigatoriedade do ensino relixioso, confesional ou non, na escola. Case sen nos darmos conta, o ensino relixioso fai parte do currículo, é obrigatorio baixo un disfraz de opcionalidade e, máis aínda, é avaliábel.

O segundo dos interrogantes que eu colocaba ao inicio desta reflexión penso que fica claramente contestado: na miña opinión, a introdución no noso sistema educativo da materia de SCR nos termos en que se levou a cabo, contradi a literalidade da nosa normativa e, ademais, está a provocar unha triste e innecesaria división no seo da sociedade.

José Ramón Salcedo Hernández
Profesor Titular de Dereito Eclesiástico do Estado
Universidade de Murcia

Volver a Relixión e Escola