Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio <<  Volver Relixión e Escola

POR UNHA SOCIEDADE E UNHA ESCOLA LAICA: RELIXIÓN FÓRA DA ESCOLA
SÉTIMA DECLARACIÓN, FEBREIRO DE 2007

En xaneiro de 2004 diversas organizacións iniciamos a campaña “ Por unha sociedade laica: a relixión fóra da escola ”, co obxectivo de responder á provocación da LOCE, unha lei do Partido Popular, que potenciaba o adoutrinamento relixioso no sistema educativo, así como o ensino concertado católico.

O actual Goberno do PSOE paralizou a LOCE, significando unha actitude esperanzadora, xa que conxelaba medidas regresivas que a LOCE pretendía impulsar. Porén, uns meses despois, presentou o borrador de anteproxecto de Lei Orgánica de Educación (LOE), que seguía lexitimando a relixión no horario lectivo e reforzaba o papel dos/as catequistas.

Unha vez aprobada a LOE no Parlamento e desenvolvidas as ensinanzas mínimas nas distintas etapa educativas, baseándose, unha vez máis, nos Acordos coa Santa Sede, mantense o ensino da relixión católica (e doutras relixións) nos centros educativos. O que seguirá xerando segregación e discriminación. Ao mesmo tempo que presuntamente se vulneran os artigos 14, 16 e 27 da Constitución española, no referente á liberdade de pensamento e conciencia (xa que ninguén pode ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenza) e á non confesionalidade do Estado.

A LOE xera confusión entre a escola pública e a escola privada, pondo ao mesmo nivel ambas as dúas redes, o que significa avanzar na privatización do sistema educativo e iso implica dar máis poder ás congregacións relixiosas que son donas de preto do 80% dos colexios concertados. Ademais, a Lei non impide a segregación por sexos nos centros financiados con fondos públicos, cuestión, esta, de gran calado relixioso. Porén admítese nos centros escolares un adoutrinamento relixioso que, en ocasións, vulnera dereitos e principios de igualdade entre sexos, etc.

Facemos un chamamento á sociedade e á comunidade educativa para que se mobilice e esixa aos poderes públicos e aos partidos políticos unha rectificación, co fin de avanzar cara un modelo de escola pública laica, integradora e democrática. As organizacións que apoiamos esta campaña reafirmamos que o adoutrinamento relixioso debe de quedar fóra do currículo escolar.

Defendemos un modelo de escola laica que eduque sen dogmas, en valores humanistas e universais, na pluralidade e no respecto aos dereitos humanos, na asunción da diferenza e da diversidade e nos valores éticos, non sexistas e democráticos.
Queremos unha escola onde se sintan cómodos tanto non crentes, como crentes. Os nenos e nenas, na escola, non poden ser segregados en función das crenzas ou conviccións morais das súas familias. Non podemos aceptar que ás familias se lles pregunte polas súas crenzas relixiosas, como expresan os Reais Decretos de ensinanzas mínimas. Non podemos permitir que se obrigue ao alumnado que non quere recibir ensinanzas de relixión a adaptarse ao horario e esixencias de quen desexan seguir impondo esas ensinanzas no horario lectivo, amparándose en acordos de clara inconstitucionalidade, por iso a única posibilidade, co fin de respectar os dereitos de todos e todas, é que a relixión saia do horario lectivo obrigatorio.

Non se pode seguir argumentando que os Acordos coa Santa Sede (1976 e 1979) sexan o muro insalvábel para avanzar cara a escola laica. Esiximos a súa derrogación. Tampouco existe mandato constitucional algún polo que a escola deba garantir o adoutrinamento relixioso. A historia crítica das relixións e o feito relixioso e non relixioso tense que estudar incorporado ao currículo xeral e para todo o alumnado.

As organizacións que firmamos esta declaración estamos a impulsar, desde xaneiro de 2004, unha campaña, de ámbito estatal, co fin de que a relixión quede fóra da escola e se afonde no laicismo e na escola pública.

Chamamos á mobilización activa e á información centro a centro, como primeira medida para conseguir este obxectivo.
Tamén algunhas organizacións que subscriben a Campaña procederon a interpor os correspondentes recursos ante o Tribunal Supremo, en impugnación da disposición adicional segunda da LOE e o seu desenvolvemento de ensinanzas mínimas en educación infantil, primaria e secundaria.

ESIXIMOS A DERROGACIÓN INMEDIATA DOS ACORDOS CO VATICANO, QUE A RELIXIÓN SAIA FÓRA DO CURRÍCULO ESCOLAR COMÚN, QUE NINGUNHA SIMBOLOXÍA RELIXIOSA TEÑA PRESENZA INSTITUCIONAL NOS CENTROS ESCOLARES E QUE CON DIÑEIRO PÚBLICO NON SE PAGUE O ADOCTRINAMIETO RELIXIOSO.

SI A UN ENSINO CIENTÍFICO E HUMANISTA, QUE PROPICIE UNHA EDUCACIÓN PARA A INTERCULTURALIDADE, QUE DEFENDA A LIBERDADE DE PENSAMENTO E DE CONCIENCIA E QUE EDUQUE EN VALORES DEMOCRÁTICOS E DE CIDADANÍA


Organizacións estatais asinantes da declaración:
CEAPA / STES-I / Sindicato de Estudiantes / IU / Europa Laica / CGT / Confederación Estatal de MRPS / ATEUS de Cataluña / Federación Estatal de Gays y Lesbianas / SOS Racismo / PCE / Juventudes Comunistas / Izquierda Republicana / Unidad Cívica por la República / Foro por la Educación Pública / Los Verdes / Liberación - Amanta

Organizacións de carácter territorial que se suman a esta declaración:
Lliga per la Laïcitat de Catalunya / Andalucía Laica / Asociación de Maestros Rosa Sensat / Asociación Pi y Margall por la Educación Pública y Laica / Asociación Galileo de Úbeda / Asociación Escuela Laica de Albacete / Colectivo Escuela Laica de Zaragoza / Foro Ciudadano de la Región de Murcia / Federación Regional de Asociaciones de Vecinos de Madrid / Federación de Asociaciones de Vecinos de Valladolid / Club de Amigos de la UNESCO de Madrid / No nos Resignamos / Asociación Manuel Azaña / Plataforma Cultura contra la Guerra / Más Democracia / Espacio Alternativo / USTEC-STEs / / Intersindical Alternativa Catalana (IAC) / Enseñantes Asamblearios de Canarias.

Personalidades que firman esta declaración:
Rosa Regás, escritora / Almudena Grandes, escritora / José Luis Sampedro, escritor /Maruja Torres, periodista y escritora. / Lucía Etxebarría, escritora. / Vicente Aranda, director de cine, entre outros moitos que se sumaron a esta campaña.

QUINTA DECLARACIÓN
outubro de 2005