STEG ó día · STEG opina

08-11-2020

resumo da xuntanza

Reunión do STEG co Conselleiro de Educación o pasado xoves:


 

Na tarde do pasado xoves, ás 18,30 h. e logo de varios adiamentos alleos ao STEG, a nosa Secretaría de Organización, a través do compañeiro Lois Pérez, mantivo unha reunión telemática en representación do STEG con Román Rodríguez, Conselleiro de Educación. Á mesma asistiron tamén Manuel Vila López como secretario xeral técnico da Consellería e Jesús M. Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos, ademais de José Luís Canosa, subdirector xeral de Recursos Humanos.

 

Nesta, a Secretaría de Organización deu traslado das cuestións acordadas pola Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG.

 

O encontro, que se prolongou por espazo de case unha hora e media, abriuno en primeiro lugar Jesús Bértolo, o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería, quen manifestou a súa intención de manter unha comunicación fluída coas organizacións sindicais nesta nova etapa e lamentou que os encontros destes días coas distintas organizacións sindicais se tivesen demorado máis do desexado.

 

 

A continuación, tomou a palabra o Conselleiro de Educación, quen manifestou que transcorreron 2 meses moi duros de traballo e foise adiando este encontro cos sindicatos. Comentou que o máis difícil neste momento era a adaptación de todo o sistema educativo ao actual contexto, nun comezo de curso estremadamente difícil, pois "á complexidade organizativa oficial sumáronse todas as circunstancias xa coñecidas.” Afirmou que, se ben hai un incremento diario de casos de contaxio pola covid-19, este ten moito que ver co que se dá no contexto xeral. A este respecto, manifestou que, no tocante ao ensino, "trátase de casos importados, derivados de contactos familiares, actividades deportivas ou cuestións relacionadas co ocio”. Afirmou tamén "que non están sendo os centros educativos elementos transmisores da enfermidade, senón parte da solución, unha vez que se detectan, obviamente, con moitas restricións da actividade normal dos centros educativos. Galicia está nunha boa dinámica de casos nos últimos días, e a situación nos centros é comparativamente mellor á doutras comunidades como Madrid, Cataluña ou Castela-León."

 

 

Igualmente, o Conselleiro ofreceu algunhas cifras que debuxasen a situación actual: afirmou que hai arredor de 500.000 persoas en interacción cotiá no país directa ou indirectamente a través da actividade dos centros educativos. e comparativamente o grao de incidencia tendo en conta este dato é baixo. Sinalou que dende a Consellería están traballando en reducir os tempos de resultado das PCR para reducir tamén a angustia das persoas afectadas por estas situacións e os trastornos que as mesmas producen no conxunto da comunidade educativa. Incidiu tamén en que son conscientes de que houbo erros na xestión da información que pretenden ir mellorando. Falou nesta primeira intervención a respecto da inminente posta en marcha dunha central de alarmas especializada en educación que vai comezar a funcionar, e tivo palabras de agradecemento para o traballo enorme de gran parte dos equipos directivos e do profesorado durante estes meses e o verán. Ao respecto do Protocolo, comentou que están traballando en novos protocolos e marcos pendentes de mellora como FP ou o transporte escolar, por exemplo.

 

 

Informou tamén da actividade do Comité Educativo, do cal fan parte 30 persoas pertencentes ás inspeccións, equipos directivos, EOI, ámbito da Orientación e que están axudando na toma de decisións da Consellería. Finalmente aludiu aos plans de continxencia no caso de confinamento dos centros, explicando que era urxente fixar unha perspectiva educativa relativa aos equipamentos, organización, etc. Afirmou que “tamén é certo que pensabamos que ía ser peor, e que observa bastante normalidade tendo en conta o difícil momento no que estamos e que non contempla pechar os centros educativos, iso sería o último”.

 

 

A continuación, tomou a palabra o compañeiro Lois Pérez, Secretario de Organización do STEG, de quen reproducimos íntegra a súa intervención:


"Boa tarde a todos. Señor Conselleiro e de

 

 

 
Na tarde do pasado xoves, ás 18,30 h. e logo de varios adiamentos alleos ao STEG, a nosa Secretaría de Organización, a través do compañeiro Lois Pérez, mantivo unha reunión telemática en representación do STEG con Román Rodríguez, Conselleiro de Educación. mais responsábeis, agradecémoslles en primeiro lugar dende o STEG esta convocatoria para vérmonos, para poder falar e escoitarnos e facémolo precisamente polo que acaba de suceder, xa vostede nos facilitou algunha información da que non tiñamos constancia e que agradecemos tamén. Pensamos que situacións que se deron xa no pasado, con anterioriade ao seu nomeamento, isto é, prescindindo do criterio do resto de axentes da comunidade educativa, incluídas as organizacións que representamos as traballadoras do ensino, propiciou en parte, varios dos problemas que hoxe debemos enfrontar, debido a un Protocolo que naceu sen un mínimo consenso e que desencadeou unha serie de sucesivas emendas durante o verán e o comezo de curso que non temos certeza de que foran as máis axeitadas. Que estas persoas que os antecederon nos seus cargos non o fixeron ben, é algo que está claro. Porque xa non están.

En todo caso, procederei brevemente a enunciarlle en nome das traballadoras e traballadores do ensino a quen hoxe represento aquí algunhas das nosas preocupacións ao respecto da situación actual. Antes ca nada, queremos poñer no seu coñecemento catro cuestións que, pola súa vixencia e actualidade, nos parecen moi preocupantes:
- A primeira e por motivos obvios, que gardan moita relación co que vostede acaba de comentar na súa intervención, e algo do que xa adoecía quen o precedeu no cargo: a falta de información á comunidade educativa e a pouca transparencia na xestión da mesma, especialmente aos sindicatos sobre o número de contaxios e os centros afectados, entre outras cousas, para que puidésemos facer minimamente ben o noso traballo. E agradezo estes datos que nos facilitou agora vostede, que contrastan co papel xogaddo por algunha xefatura territorial coma a da provincia de Ourense, que no marco dunha reunión da Xunta de Persoal nos remite publicamente aos medios de comunicación e á web do Sergas. Isto xulgámolo inaceptable e así llelo facemos saber.

- A segunda, ao fío disto, é en relación ao procedemento seguido nos casos de contaxio polo Sergas, pola autoridade sanitaria: pode que o procedemento estea claro no papel ou o teñan claro vostedes e iso é positivo. Pero nós estamos tendo constancia no día a día da falta dun criterio unificado diante dos casos de contaxio; cónstanos que as respostas a estas situacións están sendo moi distintas e dispares. Por iso lles damos traslado aquí, para que se revise esta cuestión.

- Outra cousa que nos preocupa é a non dotación ás traballadoras e traballadores de epis ou equipos de protección individual; está habendo dotacións, cando as hai, que non se axustan aos criterios necesarios de seguridade e prevención dos riscos laborais e entendemos que isto é unha cuestión fundamental tamén que urxe revisar.

- Dende o STEG temos tamén preocupación pola non tramitación das peticións do persoal especialmente sensible á covid-19, moitas delas solicitadas hai xa dous meses por traballadoras e traballadores con enfermidades graves; enterámonos por algunha Xefatura Territorial que se externalizou este servizo a Cualtis, independentemente da valoración que nos mereza este feito, co cal estamos en desacordo, parécenos grave que non se tivese trasladado nin a primeira solicitude a esta empresa para o seu trámite a día 30 de outubro. Pídolles que se revise esta cuestión e que teñan a ben informarnos do estado das mesmas.

A continuación, gustaríanos incidir nunha cuestión fundamental, sempre que a situación sanitaria o permita: a presencialidade no ensino público e reivindicar aquí o papel insustituíble da docencia e da escola, non só como un lugar de aprendizaxes, senón como un lugar de afectos e de convivencia segura e sudábel. E ao fío disto, botamos en falta varias cousas, que dado o excepcional da situación entendemos que aínda admiten un cambio de rumbo:

- Continuamos entendendo fundamental aumentar os desdobramentos e reducir significativamente as ratios como medidas fundamentais de seguridade nos centros, antes ca colocación de anteparos ou improbables vías telemáticas, como xa se ten posto de manifesto nalgún centro, de Compostela concretamente hai un par de semanas. A este respecto, demandamos medidas similares especialmente en Infantil e Primaria, case dende o primeiro momento excluídas deste tipo de accións

- Tamén, e vai da man da anterior, aumentar a distancia de seguridade interpersoal, pero tamén botar man de espazos alternativos; e aquí botamos en falta, sendo vostede tamén Conselleiro de Universidade, unha maior colaboración dalgunhas Universidades para a cesión de parte dos seus espazos, toda vez que existe un convenio suscrito con elas, susceptible de ser revisado. Noutros casos, fíxose evidente tamén nesta pandemia que urxe unha renovación de moitos centros educativos, ben pola inadecuación das súas instalacións, ben polo deterioro das mesmas. Queriamos deixar constancia disto tamén. Ademais, e xa vou concluíndo:

- Temos especial interese en darlle unha solución ao profesorado con diversidade funcional asociada á capacidade auditiva, debido ás incidencias que son por todas coñecidas. Trátase ademais dun grupo reducido de persoas, pero que neste momento non poden desenvolver ben o seu traballo, e sería de xustiza e importante solucionar a súa situación. Non debera ser algo difícil de resolver.

- O profesorado fixo un esforzo extraordinario, que era o que tocaba, no anterior confinamento; un novo peche non debera supoñer a eliminación das barreiras entre a vida familiar e a vida laboral. Tampouco o merecen os equipos directivos dos centros, como vostede ben afirmou, logo dun inxente traballo nestes meses.

- Entendemos que se deben axilizar tamén os procesos de substitución no actual contexto e tiñamos interese en trasladar isto tamén.

- Estamos a percibir preocupación polo tema da ventilación nas aulas, que non vai ser viábel como o era ata agora co paso das semanas e a baixada da temperaturas, e moitas docentes e centros piden que se poida avanzar no equipamento de filtradores e medidores de CO2 nas aulas. Pedímoslles por tanto que poñan o acento aí tamén.

E unha última cuestión, que é motivo de fonda preocupación para moitas de nós: descoñecemos como atenderá esta Consellería o alumnado máis desfavorecido e en concreto aquel con necesidades educativas especiais nun hipotético novo confinamento.

O primeiro foi unha experiencia nova para todas, pero no caso dun segundo peche, entendemos que é este alumnado quen máis precisará de medidas que na primeira ola non estaban desenvoltas e derivaron en que quedasen descolgadas xusto cando máis o precisaban. O novo plan que vostedes presentaron non desenvolve abondo esta cuestión, entendemos que a incidencia vai ser moi dura nas periferias dos grandes núcleos poboacionais e en xeral entre quen menos ten. Tamén o sufrirá o rural e a fenda dixital non pode ser eterna, cómpre actuar aí. Pedímoslle encarecidamente que sexa este alumnado e esta poboación quen máis coidados reciba chegado o caso, do contrario volverá ser esta parte da sociedade, quen menos recursos ten, quen máis o sufra de novo.

Reiterarlle de novo o agradecemento en nome do STEG e facerlles ver que o diálogo cos sindicatos e co resto de axentes educativos o que vai facer é responder mellor ás situacións, independentemente das diferenzas de criterio que teñamos, porque van a dispoñer de máis puntos de vista sobre os problemas. Grazas."
 
A continuación tomou de novo a palabra o Conselleiro, que quixo responder varias das cuestións expostas: fala de que teñen que xestionar tamén os recursos, que estes non son ilimitados e é importante saber da crise laboral e económica na que estamos, ademais da sanitaria. Di que só hai dúas opcións: ou se poñen máis impostos ou non é posíbel. Por tanto, afirmou que cómpre ser moi cautelosos, entende a visión exposta, pero “a froita non se pode exprimir máis, porque non dá máis zumo”. No tocante á información, comenta que a Xunta dá un parte diario de martes a sábado; incide en que van poñer en marcha un CSC educativo ao fío do que di Lois; fala de que é certo o que comentou o noso compañeiro do STEG, que as universidades nalgúns casos non responderon ben; respecto ás necesidades educativas especiais, "a todos nos preocupan” e fala de que son 7000 ou 8000 rapaces que precisan máis axuda porque o teñen máis difícil có resto. No tocante ás persoas xordas, afirma que están traballando na homologación das máscaras transparentes.

Ao respecto dos filtradores de aire, di que están en fase de estudo pois non se descarta que teñan efectos contraproducentes, entre eles a falsa sensación de seguridade.
 
Afirma tamén que comparten a preocupación do STEG pola fenda dixital e van facer todo o posíbel para que os equipamentos cheguen a aquelas familias que non dispoñen deles; se tivesen que facer un esforzo especial nesa cuestión, faríano. No tocante ao pedido do plan aos centros afirma o Conselleiro que ningún prazo ía ser bo pero que, en todo caso, era urxente dispoñer desa previsión, por iso se fixo así. No tema das dotacións, están traballando na adquisición de EPIs e máis máscaras e en breve producirase un anuncio ao respecto. A seguir, comenta que respondeu cuestións das que tiña un coñecemento máis directo pero cédelle a palabra ao Director e Subdirector Xeral de Centros e Recursos Humanos.
 
Intervén Canosa, quen fala de arredor de 600 peticións entre persoal docente e non docente de persoal sensíbel á covid 19. Explica que as Inspeccións Médicas das Xefaturas non dispoñen da titulación necesaria para proceder a estes trámites e fala de que se decidiu ampliar os servizos con Cualtis, empresa coa que xa se traballaba; comenta que estas peticións iranse resolvendo, ben cunha adaptación do posto de traballo ou chegado o caso, coa substitución do traballador. As probas que se fixeron ao profesorado no comezo de curso, con ser insuficientes, "Galicia é das poucas comunidades que as fixo.”
 
En relación á Oferta de Emprego Público comentou que somos a única comunidade que ten aprobada a oferta de emprego público de 2020.
 
Se non se puidese levar adiante a de 2021 tentaríase xuntala coa de 2022 e habería que ver os axustes legais.
 
A continuación, toma palabra Bértolo, Director Xeral de Centros e recursos humanos, quen comenta que se enviou aos centros parte dun Fondo de Garantía Educativa, en proporción ao que lle corresponde a cada centro. Explica que nos próximos días enviarase detalle das características de todos os produtos que se precisan, a instancias de Sanidade, para orientar a compra.

En relación ás necesidades educativas especiais, comenta que agora xa hai máscaras transparentes homologadas e que se vai resolver o problema do alumnado e profesorado con diversidade funcional.

Finalmente, expón que "o virus non entende de ideoloxías" e que van contar con nós e co resto de sindicatos, que teñen dispoñibilidade a falar e abordar conxuntamente os problemas e que facemos falta todos.

Sen máis cuestións a tratar, concluíu a reunión.

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza